“A Cooperación Galega promoverá os dereitos humanos”

A última entrevista é con Alberto Núñez Feijóo, actual presidente da Xunta e candidato polo Partido Popular de Galicia (PPdG) nas eleccións do 12 de xullo.

Ao longo da semana publicamos as entrevistas de Ana Pontón, candidata polo BNG; Antón Gómez – Reino, de Galicia En Común; e Gonzalo Caballero, do PSdeG – PSOE. 

 

A pandemia da Covid-19 non freou os grandes retos globais contra a pobreza e as desigualdades, todo o contrario. Os conflitos, os desprazamentos forzados, a pobreza extrema e a fame, a violencia contra as mulleres e os colectivos en situación de vulnerabilidade, a persecución a activistas defensores de dereitos humanos ou a prevalencia de enfermidades como a sida, a malaria e o cólera non cesaron e mesmo están a aumentar. Cal é o compromiso do seu partido na defensa dos dereitos humanos de todas as persoas que habitamos o planeta?

No ámbito da cooperación internacional para o desenvolvemento, o PPdG ten como folla de ruta o IV Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento (2018-2021), que foi aprobado polo Consello Galego de Cooperación para o Desenvolvemento, polo Consello da Xunta de Galicia e polo Parlamento de Galicia no ano 2018.

Como non podería ser doutra maneira, este plan enmárcase na nova axenda global de desenvolvemento, definida pola Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible das Nacións Unidas. Este marco de acción, constitúe pois o referente para a política galega de cooperación e desenvolvemento. A Axenda 2030 e os seus Obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) demandan unha política pública de cooperación centrada na xeración de cambios positivos e sostibles nas condicións de vida das persoas nas comunidades e países cos que se asocia a Cooperación Galega, promovendo alianzas para a conservación do noso planeta, a construción da paz, a realización dos dereitos humanos, e unha prosperidade compartida.

 

“Os dereitos humanos atópanse no núcleo da Axenda 2030 que contempla un mundo de respecto universal polos dereitos humanos e pola dignidade humana”

 

Os dereitos humanos atópanse no núcleo da Axenda 2030 que contempla un mundo de respecto universal polos dereitos humanos e pola dignidade humana, o estado de dereito, a xustiza, a igualdade e a non discriminación; o respecto pola raza, o sexo, a etnia e a diversidade cultural; e unha igualdade de oportunidades que permita a plena realización do potencial humano e contribúa á prosperidade compartida; un mundo xusto, equitativo, tolerante, aberto e socialmente inclusivo no que se satisfagan as necesidades dos máis vulnerables.
Así, o enfoque baseado en dereitos humanos está considerado como unha prioridade transversal para a Cooperación Galega e así seguirá sendo. A través das súas actuacións, a Cooperación galega promoverá a realización dos dereitos humanos e do dereito ao desenvolvemento humano sostible, e impulsará a todas as persoas para a reivindicación e exercicio pleno do seus dereitos, a participación política e a non discriminación, de tal xeito que as persoas que participen nos proxectos da cooperación galega sexan recoñecidos como titulares de dereitos e liberdades.

 

Alberto Núñez Feijóo, candidato a ser relexido presidente da Xunta, nun acto de campaña // Foto PPdG

 

Para cumprir ese papel, a Xunta de Galicia dedica actualmente o 0,06% do orzamento á cooperación ao desenvolvemento: 2,5 euros por habitante ao ano. Estas cifras están moi afastadas da reclamación histórica do 0,7% e sitúan a Galicia nos últimos postos das Comunidades Autónomas máis solidarias. Cal é o compromiso orzamentario do seu partido para os vindeiros catros anos?

Respecto ao compromiso orzamentario que se destinará á política pública de cooperación, con toda a prudencia derivada do impacto da Covid-19, mantense vixente o compromiso acadado cos axentes de Cooperación para o período 2018-2021. O noso obxectivo é seguir incrementando as achegas na medida en que a evolución da situación económica o permita, tentando ir da man do sector e procurando continuar na liña de consenso coa que se ten traballado todos este anos.

 

“O noso obxectivo é seguir incrementando as achegas na medida en que a evolución da situación económica o permita”

 

Ademais da cooperación ao desenvolvemento, existen outras políticas que a Xunta de Galicia debería impulsar para combater as desigualdades e a pobreza global, os desprazamentos forzados e a crise climática mundial? Cales son?

Igualmente, a defensa da sostenibilidade ambiental e a loita contra o cambio climático seguirán a ser prioritarias no marco desta política pública. As actuacións da Cooperación Galega integrarán medidas que apoien modelos de desenvolvemento baixo en carbono, de economía circular e resilientes ao cambio climático. Para logralo, empregaranse índices ambientais, realizaranse diagnósticos ambientais, fomentaranse as tecnoloxías apropiadas e as enerxías limpas e renovables, e promoveranse o comercio xusto, o consumo responsable e as compras de bens e a utilización de servizos acreditados con certificacións ou selos que garantan o cumprimento de determinados criterios de sostenibilidade e xustiza ambiental e social.

Feijóo nunha imaxe de campaña // PPdG

“A defensa da sostenibilidade ambiental e a loita contra o cambio climático seguirán a ser prioritarias no marco desta política pública”

 

Os discursos de odio (xenófobos, racistas, machistas, homófobos…) están a aumentar exponencialmente e son unha ameaza mundial contra os dereitos humanos, a diversidade e a convivencia que teñen graves consecuencias nas vidas das persoas. Como debe combater o goberno da Xunta de Galicia estes discursos?

Seguiremos a promover accións de Educación para o desenvolvemento e a Cidadanía Global que promovan a construción dunha cidadanía comprometida coa solidariedade e o desenvolvemento humano sostible, e a esta prioridade sectorial destinase como mínimo o 15% do orzamento destinado da Cooperación Galega.

 

As mulleres representan o 70% das persoas que viven en situación de pobreza no mundo e malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10% dos ingresos. Ademais, unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica. Segundo o seu partido, de que forma debe o futuro goberno galego defender os dereitos das mulleres a nivel mundial?

Outra das nosas prioridades no ámbito da cooperación para o desenvolvemento seguirá a ser o impulso igualdade dos dereitos das mulleres e da infancia. A cooperación galega promoverá unha cultura de igualdade e o cumprimento dos dereitos políticos, económicos, laborais, sociais e culturais das mulleres e nenas. Ademais, será crucial considerar o impacto diferenciado que as intervencións poden ter sobre as mulleres e homes e a eliminación de todas as formas de discriminación e violencia contra as mulleres.