A Coordinadora Galega de ONGD celebrou a súa Asemblea Xeral, unha cita de carácter anual que nesta ocasión serviu para lembrar e reivindicar o papel da cooperación nun mundo que se move nun equilibrio cada vez máis precario: “Permanecemos” -explicou a presidenta da Coordinadora- “e resistimos afrontando os retos dun mundo en constante cambio”. Neste sentido, María Paz lembrou o concepto de universalismo, “ese principio que inspirou políticas nos anos 80 e 90 e que forma parte do ADN da nosa cooperación internacional e que hoxe sabemos que está en constante cuestionamento”.
A asemblea como espazo de solidariedade
Na súa intervención de benvida María Paz reivindicou a existencia da cooperación e o seu labor, especialmente neste momento global “de recortes, clima político hostil e desinformación que ameaza moito do que facemos”, fronte ao que propuxo “seguir denunciando, seguir esixindo, seguir contrarrestando”.
Neste sentido, a Coordinadora Galega de ONGD aproveitou a súa asemblea para amosar a súa solidariedade coas “compañeiras e compañeiros que están xa afrontando este cuestionamento da cooperación ao desenvolvemento como política pública necesaria, como é o caso de Extremadura ou Aragón, porque sabemos que o seu traballo está en gravísimas dificultades”.
Ademais, e a petición das organizacións socias, acordouse recoller a preocupación da Coordinadora pola recente negativa da Consellería de Educación de homologar un curso organizado por Nova Escola Galega , así como a solidariedade con esta asociación pedagóxica de máis de catro décadas de traxectoria, acusada de incumprir o principio de “neutralidade ideolóxica” por celebralas baixo o título de “Palestina e máis alá: educar na vida en tempos de xenocidio”.
Repaso ao 2025 e incorporación dunha nova organización
A asemblea aprobou por unanimidade a xestión do 2025, un ano no que o xenocidio foi infelizmente un dos protagonistas e a pesar de que hubo -e segue a haber a día de hoxe- quen o cuestiona. Igual que se cuestionou daquela a orde internacional ata derivar no unilateralismo que estas últimas semanas vimos sobre a intervención sobre Venzuela e a guerra en Irán, ou o que tememos ver en Cuba.
“Tamén no ano 2025, en El Salvador, territorio histórico da cooperación galega, sufrimos un novo ataque coa Lei de Axentes Estranxeiros, que puxo unha dificultade máis no noso labor e moi especialmente no traballo das nosas socias”, lembrou a presidenta da Coordinadora, quen asegurou que “dese cuestionamento do universalismo destes últimos meses xurde agora un concepto, o de prioridade nacional, que está a comprometer os dereitos de moitas e moitos”.
Por outra banda, e no que respecta ao desenvolvemento da asemblea, as socias aprobaron por unanimidade a xestión do ano 2025 -as accións desenvoltas o ano pasado están dispoñibles nas memorias publicadas na nosa web- e aprobaron tamén a solicitude da Fundación Religiosos para la Salud para incorporarse á Coordinadora.
Deste xeito, a entidade acada as 49 organizacións de cooperación ao desenvolvemento: 49 organizacións que, dende Galicia, traballamos para acadar a xustiza social e o fin das desigualdades globais. Permanecendo e resistindo fronte os retos e desafíos.

