As actuais liñas de traballo da Coordinadora decidíronse de forma consensuada no proceso de redacción do Plan Estratéxico vixente.
Son catro: Incidencia política; comunicación e cambio social; representatividade da Coordinadora; e desenvolvemento organizativo.
INCIDENCIA POLÍTICA
É o traballo que dende Galicia levamos a cabo co obxectivo de contribuír a un modelo de desenvolvemento global xusto, construído de forma participada e ambientalmente sostible, para que todas as persoas teñan acceso a unha vida digna e ao pleno exercicio dos seus dereitos sociais, políticos, civís, económicos e culturais. Para iso, incidimos nas administracións públicas, partidos políticos e outro tipo de organizacións que toman decisións, que afectan á vida das persoas, para que sexan responsables cos seus compromisos contra a pobreza global e as desigualdades.
COMUNICACIÓN E CAMBIO SOCIAL
Dende a Coordinadora contribuímos a fortalecer unha cidadanía informada, crítica e solidaria que participe da transformación social e política en ámbitos como a loita contra a pobreza global e as desigualdades, a garantía da equidade e a igualdade de oportunidades, a defensa dos dereitos de todas as persoas, a sostibilidade ambiental… Para iso utilizamos, entre outras, ferramentas de comunicación para o desenvolvemento que permiten dar voz ás persoas, principalmente aos sectores máis oprimidos e invisibilizados da sociedade, para que expresen a súa propia visión das problemáticas e teñan un papel protagonista no cambio social.
REPRESENTATIVIDADE DA COORDINADORA
Nesta liña de traballo promovemos as boas prácticas do sector impulsando a mellora da transparencia, o bo goberno e o cumprimento do Código de Conduta por parte das organizacións.
DESENVOLVEMENTO ORGANIZATIVO
Impulsamos o fortalecemento da Coordinadora a partir da promoción da súa sostibilidade e incentivando a participación das ONGD socias no seu día a día.