Presentación

A Coordinadora Galega de ONGD naceu o 1 de xuño de 1991 da man de dúas organizacións xa desaparecidas: Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios. A este par de entidades se lles foron sumando, aos poucos, moitas outras organizacións e hoxe, 30 anos despois, na Coordinadora somos 43 ONGD asociadas.

A maioría son ONGD galegas que xunto ás delegacións de organizacións estatais e internacionais formamos unha Coordinadora heteroxénea que representa a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras. Nesta presentación atoparás máis detalles.


Misión

misión CGONGD

Somos unha plataforma social e política de ONG de Desenvolvemento comprometidas coa consecución da xustiza social e o fin das desigualdades globais que traballan dende Galicia para construír un modelo de cooperación transformadora baseado no desenvolvemento sustentable e no enfoque feminista e de dereitos humanos.

Visión

Vision CGONGD

Queremos ser unha organización formada pola gran maioría das Organizacións da Sociedade Civil que desde Galicia traballan activamente pola promoción e garantía dos dereitos sociais, políticos, civís, económicos e culturais de todas as persoas a nivel global. E confiamos na consolidación dunha Política Pública e Social de Cooperación de calidade, eficiente, sostible e transformadora no marco da coherencia de políticas. A nosa visión é a dun mundo onde a equidade e a igualdade de oportunidades estean aseguradas, onde prevaleza a cultura da paz e as relacións estean baseadas na ética dos coidados e no principio de non discriminación, solidariedade e cooperación.

Historia

historia cgongd

Cando naceu, a Coordinadora foi medrando aos poucos, ao mesmo ritmo que o facía a incipiente política galega de cooperación ao desenvolvemento. Ao tempo que novas ONGD se incorporaban á Coordinadora, a Xunta de Galicia publicou as primeiras convocatorias de subvencións. Era mediados dos noventa, a época das acampadas polo 0,7 en Galicia e no resto do Estado.

Co cambio de século, e cando a cidadanía galega saía masivamente as rúas para berrar “Nunca máis” e “Non á guerra”, na Coordinadora medramos e evolucionamos. Pasamos de ser un espazo de encontro entre unhas poucas organizacións a converternos na representante do sector das ONGD en Galicia. Nesa época, abrimos a nosa sede en Compostela e asinamos o primeiro convenio de colaboración coa Xunta de Galicia.

A partir de 2005, o traballo de incidencia política obtivo os seus froitos. A Xunta de Galicia puxo en marcha a Dirección Xeral de Cooperación, aprobou o I Plan Director de Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia e constituíu o Consello Galego de Cooperación.

A partir de 2010 e coa crise económica como telón de fondo, mudou o contexto no que a Coordinadora e as ONGD galegas traballabamos. Os recortes xeralizados nas políticas sociais afectaron dun modo especial á cooperación en Galicia. E en paralelo, a realidade social e política no Estado promoveu a aparición de movementos sociais que reclamaban outro sistema político e económico no que relacionarnos.

A Coordinadora Galega de ONGD, hoxe

Os recortes dos fondos dedicados a cooperación implicaron á paralización de proxectos e procesos nos países empobrecidos nos que participaban as ONGD, e moitas organizacións viron reducida a súa capacidade de mudar a realidade debido á diminución de persoal contratado nas ONGD, á precarización das condicións de traballo e ao peche dalgunhas delegacións. Chegou así a necesaria repolitización, un proceso que devolveu ás organizacións e á propia Coordinadora ao seu lugar de orixe despois dunha etapa de excesiva tecnificación.

A defensa dos dereitos humanos en todo o mundo, á denuncia da vulneración destes dereitos tanto aquí como nos países do Sur, o traballo en rede no Norte e no Sur e a transformación social como fin último, forman hoxe, máis que nunca, parte indispensable da nosa folla de ruta. Logo destes 30 anos de historia é moito o que aínda queda por facer e temos claro que é imprescindible seguir traballando dende o local para transformar o mundo nun lugar onde estean garantidos os dereitos todas as persoas e prevaleza a cultura da paz.

liña tempo CGONGD

presentacion cgongd liña tempo