“Comprometémonos a recuperar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior”

Seguimos coa serie de entrevistas ás persoas candidatas á Presidencia da Xunta de Galicia este 12 de xullo. Todas recibiron o mesmo cuestionario e ao longo desta semana iremos publicando as súas respostas. Recibimos as respostas por escrito de Antón Gómez-Reino, candidato de Galicia en Común.

 

A pandemia da Covid-19 non freou os grandes retos globais contra a pobreza e as desigualdades, todo o contrario. Os conflitos, os desprazamentos forzados, a pobreza extrema e a fame, a violencia contra as mulleres e os colectivos en situación de vulnerabilidade, a persecución a activistas defensores de dereitos humanos ou a prevalencia de enfermidades como a sida, a malaria e o cólera non cesaron e mesmo están a aumentar. Cal é o compromiso do seu partido na defensa dos dereitos humanos de todas as persoas que habitamos o planeta?

Entendemos que os gobernos, calquera que sexa o seu ámbito de actuación, son responsables dos efectos que as súas políticas teñen sobre a cidadanía que representan así como sobre outros territorios e a propia sustentabilidade do planeta. É preciso, tal e como demanda a Axenda 2030, que desde a Xunta de Galicia impulsemos mecanismos específicos que garantan que o conxunto das nosas políticas sexan coherentes cun desenvolvemento humano sustentable. Así, apostamos por un país solidario e cooperante, un país de acollida que defenda un concepto de cidadanía global sen que iso supoña renunciar á nosa identidade como pobo. A Administración galega, en consonancia e representación do sentir da meirande parte da súa cidadanía, debe ser un axente de cooperación transformador e basear as súas actuacións no desenvolvemento sustentable, no enfoque feminista e na defensa dos dereitos humanos, apoiando ás organizacións representativas do sector que pretenden levar a solidariedade galega a outras partes do mundo.

Antón Gómez-Reino, candoidato á Presidencia por Galicia en Común, nunha foto de arquivo // Foto Galicia En Común

 

Para cumprir ese papel, a Xunta de Galicia dedica actualmente o 0,06% do orzamento á cooperación ao desenvolvemento: 2,5 euros por habitante ao ano. Estas cifras están moi afastadas da reclamación histórica do 0,7% e sitúan a Galicia nos últimos postos das ComunidadesAutónomas máis solidarias. Cal é o compromiso orzamentario do seu partido para os vindeiros catros anos?

Tal e como se recolle textualmente no noso programa, desde Galicia en Común – Anova Mareas incrementaremos a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) ata chegar a 0,2% do orzamento consolidado en materia de cooperación aodesenvolvemento, sempre co horizonte do compromisodo 0,7%. Comprometémonos a recuperar tamén a Dirección Xeral de Cooperación Exterior.

 

“Apostamos por un país solidario e cooperante, un país de acollida que defenda un concepto de cidadanía global sen que iso supoña renunciar á nosa identidade como pobo.”

 

Ademais da cooperación ao desenvolvemento, existen outras políticas que a Xunta de Galicia debería impulsar para combater as desigualdades e a pobreza global, os desprazamentos forzados e a crise climática mundial? Cales son?

En Galicia en Común – Anova Mareas apostamos de forma integral por un marco de xustiza universal que evite calquera tipo de desigualdade. Nós non esquecemos tampouco a necesidade de recuperar e ampliar os dereitos civís e políticos que nos foron arrebatados durante os gobernos do PP, tanto desde o Estado como desde o goberno de Feijóo. É necesario que revertarmos esta situación protexendo as liberdades individuais da represión do poder e garantindo a capacidade da cidadanía para participar na vida civil e política en condicións de igualdade e sen discriminacións. A crise sanitaria do COVID-19, para a que aínda temos que prepararnos e aprender a convivir, non fixo máis que subliñar as deficiencias dun país que non funciona e no que as desigualdades evidencian a necesidade dun cambio urxente onde a xente e o ben común estea por riba de intereses partidarios ou duns poucos. O desenvolvemento dos mecanismos institucionais para a igualdade van desde a aplicación de políticas feministas ata a defensa e respecto aos dereitos da infancia e mocidade; da diversidade sexual e as distintas diversidades sexuais e identidades de xénero (LGTBIQ+); a recuperación da memoria histórica democrática; facilitar a volta a casa de quen se viron forzados e forzadas a emigrar; o acollemento das persoas que chegan doutros lugares; loitar contra a pobreza e a exclusión cun reparto máis equitativo e xusto dos cartos públicos; estender esta solidariedade a outros países e comprometernos coa defensa global dos Dereitos Humanos; devolverlle as institucións á cidadanía para que poida participar na toma de decisións que lle afectan; potenciar e divulgar a nosa lingua e cultura; protexer o noso territorio público da especulación, etc.

Se falamos de medidas concretas faise moi difícil escoller, pero destacaríamos a mellora da RISGA e a súa transformación nunha Renda Garantida Galega. Este recurso ten que nacer baseado no enfoque dos dereitos e desde logo baixo premisasbásicas como que ten que ser un recurso individual, suficiente, accesibe e tramitable. Ademais propoñemos unha sanidade pública e realmente universal e de calidade ent odos os niveis, desde a atención primaria ata a especializada. Baixo ese principio de dereitos e universalidade propoñemos medidas tamén nos diferentes niveis educativos, e nos servizos e recursos sociosanitarios e de coidados: aumento dos fondos para a Lei de Dependencia, poremos en funcionamento, de forma progresiva ao longo de toda a lexislatura, un sistema público de coidados e atención á dependencia integrada nos Servizos Sociais, complementaria e equiparable ao Sistema Público de Saúde. O enfoque transversal dos dereitos fai imposible enumerar medidas concretas sen sentir que deixamos fora da lista outras baseadas nos mesmos principios e que tamén fan millor a vida da xente que é o fin último da defensa do público como garante delo.

Gómez-Reino nun acto político durante a campaña electoral // Foto Galicia en Común

“Apostaremos por unha política de portas abertas para todas as persoas, con independencia da súa orixe, xa que entendemos o mundo desde unha perspectiva solidaria e de cidadanía global.”

 

Os discursos de odio (xenófobos, racistas, machistas, homófobos…) están a aumentar exponencialmente e son unha ameaza mundial contra os dereitos humanos, a diversidade e a convivencia que teñen graves consecuencias nasvidas das persoas. Como debe combater o goberno da Xunta de Galicia estes discursos?

Apostaremos por unha política de portas abertas para todas as persoas, con independencia da súa orixe, xa que entendemos o mundo desde unha perspectiva solidaria e de cidadanía global. Ninguén mellor ca nós para saber o que supón emigrar. Os movementos migratorios provocados por circunstancias económicas, sociais, medioambientais, etc. son globais e no noso país sabemos ben a importancia de atopar no destino unha sociedade acolledora e, sobre todo, unhas institucións á altura deste fenómeno que, por outra banda, deben respectar e asumir os compromisos establecidos na Convención de Xenebra e os Dereitos Humanos.

Non se pode implantar un discurso apocalíptico de que a nosa poboación envellece e a nosa xente marcha, senón afrontar os movementos demográficos ofrecendo ás persoas que conformamos Galicia un lugar onde pague a pena vivir, con coberturas sociais e de coidados, servizos públicos de calidade que favorezan a vida dos/as que xa estamos aquí, para poder quedar se así o desexamos, eao tempo para aqueles e aquelas que queiran vir. Tamén fomentaremos unha política que teña en conta a inclusión de tódalas diversidades e, de xeito específico, á diversidade sexual prestando atención ás necesidades e demandas das persoas e os colectivos de lesbianas, gais, trans, bisexuais e intersexuais e Queer (LGTBIQ+).

Desenvolveremos políticas contra a violencia que sofren moitos e moitas adolescentes no ámbito escolar e combateremos os comportamentos discriminatorios que padecen as persoas pola súa identidade sexual ou de xénero en tódalas esferas da sociedade, dándolle visibilidade a estes colectivos e promovendo estratexias e campañas sensibilizadoras.

Unha vez mais poñemos o exemplo de medidas concretas sen que isto supoña restarlle importancia a outras que aparecen no noso programa, destacamos por exemplo Plan inclusivo da diversidade sexual e as identidades de xénero, desenvolveremos un plan de acción e campañas educativas pola inclusión en igualdade das persoas LGTBIQ+ e dilución dos comportamentos baseados no odio ao que non sexa heterosexualidade normativa. Desenvolveremos un plan de visibilidade e protección das persoas maiores LGTBIQ+. Estas medidas coordinarase coa Estratexia Galega contra a LGTBIQfobia e a violencia machista nas escolas, en paralelo e cun enfoque interseccional crearemos unha Oficina de Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica para potenciar xunto coas entidades do Terceiro Sector, asociacións de inmigrantes e concellos medidas para erradicar a discriminación racial ou étnica na Comunidade Autónoma de Galicia. Loitaremos así, de forma activa e participativa, contra o incremento da xenofobia e o racismo ante a auxe de posicións anti-inmigratorias en Galicia. Faremos unha enquisa sobre as actitudes dos galegos/as ante a inmigración para planificar medidas de acordo con tódolos os actores implicados (asociacións de inmigrantes, entidades do Terceiro Sector, concellos, Administración Autonómica, etc.).

 

As mulleres representan o 70% das persoas que viven en situación de pobreza no mundo e malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10% dos ingresos. Ademais, unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica. Segundo o seu partido, de que forma debe o futuro goberno galego defender os dereitos das mulleres a nivel mundial?

Como vimos de explicar, non hai calidade democrática sen igualdade. Precisamos da aplicación dunha nova cultura con ollada feminista que, alentada e apoiada desde as institucións, se revele como un elemento chave das profundas transformacións a emprender en Galicia e o mundo. A inclusión da perspectiva feminista vai afectar á avaliación de tódalas políticas posibles e ao obxectivo de promover a igualdade, porque lle corresponderá, de xeito transversal, a toda a acción institucional do novo Goberno galego.

Loitaremos polo dereito a decidir das mulleres sobre o seu corpo e implantaremos un Plan Integral para a Saúde das Mulleres e unha Lei Galega de Saúde Sexual e Reprodutiva. Promocionaremos e socializaremos os coidados, apostando porque a administración pública afonde e oferte un maior número de servizos e que liberen de carga ás familias e, fundamentalmente, á poboación feminina que é sobre quen recaen maioritariamente.

Actuaremos coa vista posta na loita contra as violencias machistas e propiciaremos a independencia económica das mulleres en situación de risco. Crearemos órganos para a defensa e respecto aos dereitos das mulleres como o Instituto Galego de Igualdade de Xénero (IGIX) e a Valedoría de Igualdade, entre outros. Estableceremos unha linguaxe inclusiva na administración galega, etc. Todas estas propostas contarán coa dotación e/ou incrementos das partidas orzamentarias destinadas a estas políticas de igualdade.