“A solidariedade entre territorios debe ser un eixo fundamental”

A terceira entrevista coas persoas candidatas á Presidencia da Xunta de Galicia este 12 de xullo é con Gonzalo Caballero, do Partido Socialista de Galicia (PSdeG – PSOE). 

Gonzalo Caballero nunha imaxe de campaña // Foto PSdeG

A pandemia da Covid-19 non freou os grandes retos globais contra a pobreza e as desigualdades, todo o contrario. Os conflitos, os desprazamentos forzados, a pobreza extrema e a fame, a violencia contra as mulleres e os colectivos en situación de vulnerabilidade, a persecución a activistas defensores de dereitos humanos ou a prevalencia de enfermidades como a sida, a malaria e o cólera non cesaron e mesmo están a aumentar. Cal é o compromiso do seu partido na defensa dos dereitos humanos de todas as persoas que habitamos o planeta?

As políticas que desevolven os gobernos e que apoiamos as organizacións políticas son imprescindibles para unha acción conxunta en beneficio do desenvolvemento dos dereitos humanos, aínda non conqueridos completamente.

Por riba das decisións de xestión e das estratexias de país que se deseñen, Galicia debe ser vangarda dos valores esenciais de tolerancia, colaboración, axuda e garantía dunha vida digna. Por eso os socialistas actuamos comprometidos coa igualdade de oportunidades e cremos que a solidariedade entre territorios debe ser un eixo fundamental.

Entre as medidas que dende o Goberno de Galicia cremos positivas estará a de recuperar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior, que permitirá canalizar os esforzos neste eido e ser máis eficientes.

Para cumprir ese papel, a Xunta de Galicia dedica actualmente o 0,06% do orzamento á cooperación ao desenvolvemento: 2,5 euros por habitante ao ano. Estas cifras están moi afastadas da reclamación histórica do 0,7% e sitúan a Galicia nos últimos postos das Comunidades Autónomas máis solidarias. Cal é o compromiso orzamentario do seu partido para os vindeiros catros anos?

Marcando o obxectivo do 0,7%, debemos aumentar sistemáticamente a aportación orzamentaria actual á cooperación ao desenvolvemento, comprometendo superar o 0,25% no final da vindeira lexislatura.

 

Caballero nun acto de campaña en Santiago // Foto PSdeG

Ademais da cooperación ao desenvolvemento, existen outras políticas que a Xunta de Galicia debería impulsar para combater as desigualdades e a pobreza global, os desprazamentos forzados e a crise climática mundial? Cales son?

É imprescindible dotar ás políticas galegas de diversos eixos transversais, fundamentalmente en clave feminista e ecoloxista. Ademáis do mencionado nos puntos anteriores consideramos que Galicia, como terra de emigrantes que é, debe ser unha terra aberta ao acollemento no caso de ser necesario, e pioneira nas medidas de solidariedade.

Os socialistas, además, estamos plenamente implicados coa Axenda 2030 e cooperaremos co Goberno de España no seu desenvolvemento, con atención especialmente á cuestión medioambiental, na que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico ten iniciado políticas decididas que nos permitirán progresar nestes campos.

 

“É necesario establecer un cordón sanitario en torno ás posición política de ultradereita, fascistas, homófobas, xenófobas e machistas”

 

Os discursos de odio (xenófobos, racistas, machistas, homófobos…) están a aumentar exponencialmente e son unha ameaza mundial contra os dereitos humanos, a diversidade e a convivencia que teñen graves consecuencias nas vidas das persoas. Como debe combater o goberno da Xunta de Galicia estes discursos?

Dende o PSdeG sentímonos profundamente preocupados polo auxe dos discursos do odio, e a lexitimación que se está facer dende certos ámbitos. Cremos que un problema na política de partidos é a presenza de forzas de ultradereita fascistas, homófobas, xenófobas e machistas, que son validadas e branqueadas polo conxunto da dereita política. Consideramos necesario establecer un cordón sanitario en torno a esas posicións políticas, e ser decididos nas políticas que eliminen privilexios ou beneficios para organizacións que promovan estas conductas.

 

“Cremos necesario dotar de fondos aos compromisos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero”

 

As mulleres representan o 70% das persoas que viven en situación de pobreza no mundo e malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10% dos ingresos. Ademais, unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica. Segundo o seu partido, de que forma debe o futuro goberno galego defender os dereitos das mulleres a nivel mundial?

O noso compromiso coa Igualdade é pleno, como é coñecido. Xa foi anunciada a nosa intención de crear unha Consellería de Igualdade, con plena dedicación ás políticas que procuren crear e implantar espazos de igualdade para construír unha sociedade máis plena.

Dentro destas políticas a violencia machista debe ser un inimigo profundo nas accións de toda a sociedade, e cremos necesario dotar de fondos aos compromisos do Pacto de Estado suscrito, do que nos sentimos parte fundamental da súa consecución.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: