“O BNG comprométese a incrementar os niveis de investimento en cooperación de hai once anos”

Iniciamos hoxe unha serie de entrevistas coas persoas candidatas á Presidencia da Xunta de Galicia este 12 de xullo. Todas recibiron o mesmo cuestionario e ao longo desta semana iremos publicando as súas respostas. Empezamos con Ana Pontón, candidata do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

 

A pandemia da Covid-19 non freou os grandes retos globais contra a pobreza e as  desigualdades, todo o contrario. Os conflitos, os desprazamentos forzados, a pobreza extrema e a fame, a violencia contra as mulleres e os colectivos en situación de vulnerabilidade, a persecución a activistas defensores de dereitos humanos ou a prevalencia de enfermidades como a sida, a malaria e o cólera non cesaron e mesmo están a aumentar. Cal é o compromiso do seu partido na defensa dos dereitos humanos de todas as persoas que habitamos o planeta?

O BNG é unha organización cunha clara vocación internacionalista, antiimperialista, e solidaria. No BNG pensamos que a crise provocada pola COVID-19 agravou, aínda máis, as desigualdades e inxustizas en todo o mundo e prexudicou gravemente aos sectores máis desfavorecidos e aos países con máis debilidades nos seus sistemas públicos de saúde e benestar. Continuaremos, a partir do 12X confío poidamos facelo liderando o Goberno galego, traballando na construción dun mundo baseado no respecto á soberanía dos países e cos obxectivos de sostemento sostible marcados polas Nacións Unidas así como nos programas de cooperación internacional.

Ana Pontón, candidata a presidencia da Xunta polo BNG, en rolda de prensa // Foto BNG

 

Para cumprir ese papel, a Xunta de Galicia dedica actualmente o 0,06% do orzamento á cooperación ao desenvolvemento: 2,5 euros por habitante ao ano. Estas cifras están moi afastadas da reclamación histórica do 0,7% e sitúan a Galicia nos últimos postos das Comunidades Autónomas máis solidarias. Cal é o compromiso orzamentario do seu partido para os vindeiros catros anos?

O orzamento da Xunta de Galiza en materia de cooperación e desenvolvemento sitúanos á cola do Estado e Europa, e o BNG ten o firme compromiso de incrementalo para recuperar os niveis de investimento que tiñamos hai once anos e, a partir de aí, avanzar progresivamente ao longo da lexislatura, mínimo para aproximarnos á media estatal e ás comunidades que están á cabeza nesta materia.

 

“Desenvolveremos políticas propias e na esfera internacional contra un sistema que explota ás persoas e pon en risco a supervivencia do planeta.”

 

Ademais da cooperación ao desenvolvemento, existen outras políticas que a Xunta de Galicia debería impulsar para combater as desigualdades e a pobreza global, os desprazamentos forzados e a crise climática mundial? Cales son?

Propoñemos unhas relacións internacionais baseadas no respecto á soberanía dos pobos e no combate contra a dinámica capitalista de espolio dos recursos e explotación dos pobos que provoca graves problemas en materia ambiental, dereitos humanos e saúde e que pon en risco o futuro da humanidade e do planeta. Desde Galiza desenvolveremos políticas propias e na esfera internacional contra un sistema que explota ás persoas e pon en risco a supervivencia do propio planeta.

Os discursos de odio (xenófobos, racistas, machistas, homófobos…) están a aumentar exponencialmente e son unha ameaza mundial contra os dereitos humanos, a diversidade e a convivencia que teñen graves consecuencias nas vidas das persoas. Como debe combater o goberno da Xunta de Galicia estes discursos?

O meu compromiso se teño a honra de asumir a responsabilidade da Presidencia do país, e traballar para fomentar en Galiza o respecto á diversidade e ao pluralismo en materia de ideas, raza, relixión e opción sexual e isto hai que facelo a través da escola e do ensino difundindo outros valores. O goberno liderado polo BNG traballará na esfera internacional con organizacións e países comprometidos no combate firme contra os discurso xenófobos, machistas e homófobos que deben ser erradicados de calquera sociedade que se considere democrática.

Pontón ofrecendo declaración aos medios / Foto: BNG

 

“Colaboraremos cos foros internacionais para combater a discriminación das mulleres e impulsar a integración plena das mulleres na vida social, cultural, laboral e económica.”

 

As mulleres representan o 70% das persoas que viven en situación de pobreza no mundo e malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10% dos ingresos. Ademais, unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica. Segundo o seu partido, de que forma debe o futuro goberno galego defender os dereitos das mulleres a nivel mundial?

A mellor maneira de defender os dereitos das mulleres a nivel mundial é comezar por facelo en Galiza, onde continúamos a soportar discriminación laboral, salarial e todo o relacionado, onde se mantén o rol de que temos que ser nós as que asumamos os coidados das crianzas e dos maiores. Queda moito por facer para conseguir a igualdade real, para ser libres e iguais, e por iso será un obxectivo transversal do Goberno que aspiro a liderar, un principio que empapará toda a acción política e toda as medidas.

Avanzar en Galiza nesta materia será unha das prioridades absolutas dun goberno do BNG e a partir de aí colaboraremos cos foros internacionais para combater a discriminación das mulleres e impulsar a integración plena das mulleres na vida social, cultural, laboral e económica. Teño o convencemento que esa é a mellor maneira para que a sociedade avance e grazas á capacidade dinamizadora, transformadora e emprendedora das mulleres con oportunidades para de desenvolver calquera proxecto.