O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global entregou os seus galardóns -como vén sendo xa case unha tradición- no centro sociocultural de Santa Marta, na capital compostelá, nunha gala á que asistiron alumnado e profesorado dos catro centros premiados nesta cuarta edición.
Abriu o acto a subdirectora xeral de Cooperación Exterior da Xunta, Eugenia Paz, quen destacou a importancia do Premio – que conta co respaldo e o financiamento da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta- e o seu “significado especial”, xa que, segundo explicou, “incide na xustiza global e na responsabilidade compartida”, ao tempo que constitúe “unha ferramenta moi útil e capaz de xerar sinxerxías entre profesorado, centros e entidades”.
Pola súa banda, a directora da Coordinadora Galega de ONGD, Sara García, calificou o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global como un éxito colectivo, no sentido de que “suma catro edicións e case oitenta proxectos presentados, todos de gran calidade, o que indica a cantidade de persoas implicadas coa educación transformadora e na construción dun mundo máis xusto”.
Os tres proxectos premiados, protagonistas da gala
Precisamente a calidade das vinte propostas presentadas a esta cuarta edición dificultou o labor do xurado, que finalmente, como comentamos hai uns días, decidiu distinguir os proxectos “Non sempre se nace onde se pace” na categoría A (Infantil e Primaria), desenvolta conxuntamente polo CEIP A Canosa-Rus (Coristanco) e o CEIP Xesús San Luis Romero (Carballo); “Cultivando conciencias, colleitando futuros” na categoría B (ESO, Bacharelato e Formación Profesional), do IES Plurilingüe de Valga, e “Talentos Inclusivos” na categoría C (Universidade), do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
Na categoría A (Infantil e Primaria) resultou galardoado o proxecto “Non sempre se nace onde se pace”, desenvolto conxuntamente polos colexios públicos da provincia da Coruña A Canosa-Rus, de Coristanco, e Xesús Luis Romero, de Carballo.
En ambos CEIP o alumnado de 4.º de Educación Primaria e o de 5.º de Educación Infantil asumen un papel protagonista. O fío condutor deste proxecto é a historia de Maruxa e Coralia, dúas mulleres migrantes que chegaron de América a Galiza en busca de novas oportunidades.
Tamén sobre a interculturalidade e as aprendizaxes compartidas pivota o proxecto “Cultivando conciencias, colleitando futuros”, no que alumnado do Ciclo Básico de Agroxardinería e Composición Floral e do Ciclo Medio de Xardinería e Florería do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra)
O proxecto inspirouse nos xardíns circulares Tolou Keur de Senegal, adaptando esta idea ao contexto galego e promovendo a biodiversidade e prácticas sostibles. Contando no proceso coa participación da comunidade senegalesa da localidade.
Pola súa parte, o proxecto “Talentos Inclusivos” achega a ciencia e a tecnoloxía dende o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña a alumnado non universitario. O obxectivo desta proposta é espertar vocacións STEM e desenvolver competencias dixitais con impacto social a partir de retos reais, facilitados por persoal e usuarias de diversas asociacións galegas.
Unha xornada de celebración e encontro
E gala do Premio serviu para celebrar o compromiso de organizacións de cooperación ao desenvolvemento, centros educativos, profesorado e estudantado, pero tamén para poñer en valor o labor dos e das docentes, a implicación do seu alumnado e a importancia dunha educación transformadora. Esa que, tomando como guía a defensa e promoción dos dereitos humanos, é quen de tecer rede e traballar a moitas mans na construción dun mundo máis xusto.
Hoxe, ese recoñecemento materializouse en forma de diplomas e un distintivo para o centro, deseñado polo obradoiro de xoiería Silvereira, pero nunhas semanas materializarase para o profesorado responsable destes tres proxectos nunha viaxe a Guatemala.
Unha experiencia guiada pola ONGD Solidariedade Internacional de Galicia que pretende ofrecer unha visión completa e próxima do labor da cooperación galega e unha comprensión máis ampla de que significa a cidadanía global. Esta será a segunda vez que o Premio ofreza esta viaxe. Pero iso será no mes de agosto.
Hoxe toca felicitar a todas as persoas premiadas e agradecer a todas ás personas, entidades e complicidades que posibilitaron unha gala tan emotiva como a desta cuarta edición.

