Galicia e Guatemala conéctanse a través da educación e a cooperación ao desenvolvemento

Acompañamos ás docentes gañadoras do III Premio Galego de ECG no seu percorrido por varios proxectos de cooperación e educación en Guatemala.

Fonte: IPPDH

Hai viaxes que nunca se esquecen e a de Rosa, Fátima, María, Laura e Bruno a Guatemala será con total certeza unha delas.

Por que fixeron esta viaxe e por que a contamos? Os cinco participaron este ano na III edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

Os proxectos Sentindo en Feminino de Rosa e Fátima e Cartografía Corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido, de María e Laura, resultaron premiados nas súas respectivas categorías. O liderado por Bruno (Activistas polo mundo que queremos) quedou segundo na súa, pero forma parte do grupo da viaxe por imposibilidade do proxecto gañador (Re_Étika) de participar nela.

Parte do premio que recolleron en xuño é esta viaxe a Guatemala, para conectar -da man de María e Eloi, compañeiros de Solidariedade Internacional-  con outra perspectiva da educación e o desenvolvemento, enriquecedora e complementaria da súa propia.

 

Por que Guatemala?

Guatemala é un dos países máis diversos do mundo. Con 25 etnias -22 de orixe maia- e outros tantos idiomas, é tamén un dos países máis poboados de Centroamérica e coas maiores porcentaxes de poboación orixinaria.

Pero é tamén un país no que non están garantidos os dereitos fundamentais de boa parte da cidadanía. Neste contexto, a poboación indíxena é especialmente vulnerable e dentro dela o son aínda máis as mulleres e os menores.

A cooperación galega -dende hai moitos anos e a través de numerosos proxectos- apoia o traballo de organizacións e comunidades locais a prol dos dereitos da poboación indíxena, especialmente no que respecta á promoción dunha vida sen violencias, soberanía alimentaria ou vivenda digna.

 

É por tanto un país e son organizacións e comunidades coas que a cooperación galega ten un vínculo forte e, dalgún modo, especial.

 

Primeira parada: Mujeres Kaqla

A primeira parada da viaxe foi na Casa Kan de Mujeres Kaqla: un espazo no que este colectivo de mulleres maias desenvolve -dende 1996- diversos proxectos de sanación de mulleres sobrevivintes de violencias, autocoidado de defensoras e defensores de dereitos humanos e campañas relacionadas coa prevención de abusos na infancia.

Para as docentes, esta estancia foi a oportunidade de coñecer e incorporar unha visión nova de moitas cuestións que abordan nos seus proxectos e no seu día a día na escola. E tamén a oportunidade dunha inmersión intensa na propia cosmovisión maia.

Nos teares de Atípica, ao pé do lago Atitlán

De Santa María de Cauque, onde está Casa Kan, a Jocotán, onde a nosa pequena expedición coñecerá varias iniciativas, algunhas delas cun marcado compoñente educativo.

Pero esta viaxe, igual que as aprendizaxes que se van incorporando nela, require de tempo e tamén de momentos de calma. Primero no lago Atitlán e logo no taller de Atípica: unha iniciativa que visibiliza e que comercializa de xeito sostible as fermosas creacións téxtiles das mulleres artesás maias.

As comunidades de Jocotán

Situada no chamado “corredor seco”, Jocotán é unha localidade do departamento de Chiquimula. Nela hai máis dunha década que traballa a Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala (MejorHa) en base a un Plan de Acompañamento a varios anos. Este Plan ten como obxectivo contribuír á soberanía alimentaria a ao desenvolvemento integral -mediante varios proxectos, algúns deles educativos- das once comunidades da rexión.

Estas xornadas da viaxe son para poñer o foco neles e nas persoas e comunidades que os impulsan e sosteñen. Isto, por suposto, inclúe ás nenas e nenos, á mocidade e ás docentes implicadas no seu  desenvolvemento educativo. Con todos e todas houbo tempo de falar, aprender e compartir.

Tras esta experiencia, tan intensa como enriquecedora, o grupo afronta xa a recta final da viaxe. En Antigua Guatemala, onde o 15 de agosto, exactamente igual que aquí, devoción e a festa van da man.

Últimos días en Antigua Guatemala

A cidade, Patrimonio da Humanidade da UNESCO, acolleu ao grupo na recta final da viaxe.

Unha estancia de pouco máis de un día para baixar un pouquiño o intenso ritmo das anteriores xornadas, descansar, coñecer en profundidade o patrimonio de Antigua Guatemala e o centro cultural da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento-AECID.

Esta viaxe, a primeira que ofrece o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, marcará seguro un antes e un despois nas persoas que o viviron.

Son elas quen mellor poderán contar esta experiencia, pero nós -agora que a viaxe rematou- sabemos algunhas cousas importantes.

Por exemplo, que a súa visión do que é a cidadanía global é agora moito más ampla e o seu compromiso aínda máis consciente do que xa era.

Que coñecen dun modo máis profundo, e en primeira persoa, a cooperación galega: onde traballa, como, con que comunidades e organizacións tece redes e a que realidades, necesidades e loitas responde.

E que o Sur Global, con toda a súa diversidade, é agora moito máis próximo para todas elas.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: