Así foi a entrega de galardóns do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global

A terceira edición do Premio puxo en valor a educación emocional con perspectiva feminista, o consumo responsable e os saberes do Sur Global fronte os delitos de odio.

Fonte: IPPDH

O centro sociocultural de Santa Marta, en Compostela, acolleu este mércores a entrega de galardóns da terceira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.

Unha iniciativa, impulsada pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que ten como obxectivo recoñecer experiencias educativas transformadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.

María Paz, presidenta da Coordinadora, puxo en valor estas experiencias, indicando que “se algo pretende este Premio é ser un agradecemento”. Aos docentes, que segundo indicou “desenvolven unha labor que non é sinxela nun contexto complexo e non sempre nas mellores condicións” e ao alumnado, “que será quen de facer deste mundo un lugar máis habitable”.

Educación para a cidadanía global, dende Infantil ata a Universidade

Os proxectos galardoados nesta terceira edición do Premio foron, por unha banda, para Sentindo en Feminino, do CEIP López Ferreiro (Compostela). Un proxecto impulsado en Educación Infantil que lle procura á cativada as competencias necesarias para un desenvolvemento integral e equilibrado, atendendo ao emocional dende unha perspectiva feminista. 

Segundo as palabras das súas responsables “trátase dun proxecto que quere educar para a vida medrando en igualdade e sen violencias, poñendo en valor a cultura propia a través da oralidade”.

 

Tamén para Re_Étika: pensa, consume, actúa. I Feira da sostibilidade, do IES Luís Seoane (Pontevedra) . Unha proposta para ESO, Bacharelato e Formación Profesional nas ramas de Comercio e Marketing que promove unha reflexión crítica sobre o modelo de consumo actual, especialmente na poboación adolescente. O obxectivo é vincular os hábitos de consumo cos seus impactos sociais e ambientais a través de diversas accións. Entre elas, unha feira da sostibilidade. 

Segundo explicou o alumnado implicado, “estamos xa a pensar nunha terceira edición e en que as novas xeracións de alumnado poidan continuar este proxecto”.

 

E, por último, para Cartografía corporal: dos discursos de odio a un lecer compartido, da facultade de Ciencias da Educación da Universidade da Coruña. Unha experiencia de aprendizaxe-servizo no que os saberes do Sur facilitaron a reflexión e a sensibilización sobre os impactos dos discursos de odio en diferentes corporalidades. E no que alumnado e docentes tiveron ocasión de contar coa colaboración de diversas entidades sociais. 

Segundo o equipo promotor deste proxecto, “a educación para a cidadanía global é necesaria e esixente, porque sempre podemos facer máis e sempre hai desafíos, como os discursos de odio”. Ademais, destacaron “a necesidade e a responsabilidade da Universidade de abrirse ao saberes e a cosmoloxía do Sur Global”.

Viaxe a Guatemala para coñecer a cooperación ao desenvolvemento

O equipo docente e o alumnado implicado en cada proxecto premiado recibiron un diploma, así como un trofeo para o centro elaborado polos artesáns de Silvereira. Ademais, como novidade con respecto a anteriores convocatorias, dúas persoas do equipo docente de cada proxecto viaxarán no verán a un proxecto de cooperación en Guatemala.

O acto de entrega de premios contou coa narradora e creadora de contidos Leti da Taberna como mestra de cerimonia. Asistiron Ana Arias, xefa do Servizo de Formación e Coordinación Institucional da Cooperación ao Desenvolvemento da Xunta de Galicia, representantes (docentes, alumnado e equipos directivos) dos proxectos premiados, centros gañadores da anterior edición e diversas organizacións de cooperación ao desenvolvemento e do ámbito social galego.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: