Galicia e Guatemala conéctanse de novo a través da educación transformadora e a cooperación

O profesorado gañador da cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global visita o país centroamericano para coñecer de primeira man colectivos, comunidades e experiencias de cooperación ao desenvolvemento apoiadas por ONGD galegas.

Fonte: IPPDH

O pasado mes de xuño, na gala da cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, houbo un agasallo que quedou provisionalmente sen dar.

Tratábase do premio para o profesorado responsable dos proxectos galardoados: unha viaxe a Guatemala para coñecer distintas experiencias de cooperación ao desenvolvemento que lideran diversos colectivos e comunidades co apoio de ONGD galegas.

Había que agardar o momento idóneo para organizar a expedición e, finalmente, a mediados de agosto, ese momento chegou. 

Nesta viaxe -que o Premio ofrece por segunda vez ao profesorado gañador- participan Verónica, unha das profesoras responsables do proxecto “Non sempre se nace onde se pace”, desenvolto conxuntamente polos colexios públicos  A Canosa-Rus, de Coristanco, e Xesús Luis Romero, de Carballo; Dolores e Alberto (responsables do proxecto do IES Plurilingüe de Valga “Cultivando conciencias, colleitando futuros) e Irene e Javier, do proxecto “Talentos Inclusivos” do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.

De Galicia a Santa María Cauqué

A expedición da cuarta edición do Premio -que viaxa acompañada de Laura, compañeira de Solidariedade Internacional de Galicia- saiu cara Guatemala na madrugada do 17 de agosto.

A primeira parada trala chegada foi Casa Kan de Mujeres Kaqla: un espazo no que este colectivo de mulleres maias desenvolvedende hai trinta anos diversos proxectos de sanación de mulleres sobrevivintes de violencias, autocoidado de defensoras e defensores de dereitos humanos e campañas relacionadas coa prevención de abusos na infancia.

… e de Casa Kan a Jocotá

A seguinte parada da viaxe levou a expedición ata Jocotán, cunha parada previa en Camotán.

Xa no destino, a Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala (MejorHa) ofreceulles unha intensísima xornada, primeiro explicando e compartindo o seu traballo nesta zona montañosa de Guatemala para,a continuación, acompañar aos nosos docentes nun percorrido pola escola primeira da comunidade Ojo de Agua Escondida, o horto escolar de Potrerito, as experiencias de traballo para a mellora das condicións de vida en Talquetzalito e os proxectos de Candelero.

Parada na beira do lago Atitlán

Logo da intensa xornada en Jocotán, a expedición desprazouse ata o lago Atitlán, considerado un dos máis fermosos do mundo. A razón desta parada non era únicamente apreciar a beleza da paisaxe a das localidades da súa contorna: o obxectivo principal era coñecer de preto Atípica Guatemala: un proxecto que vincula a sostibilidade ambiental coa conservación da memoria e a tradición dos pobos orixinarios e un emprendemento en condicións dignas para as artesás téxtiles que traballan nel.

 

Todas as pezas de Atípica conservan a tradición dos pobos orixinarios Tz’utujil, Quiche’e e Kaqchiquel nos deseños, nos tecidos e tinguiduras e incluso no uso para a elaboración das pezas do tradicional tear de cintura. Atípica supón para as mulleres maia que se adican a artesanía téxtil a oportunidade de crear e comercializar en condicións xustas. E baixo ese criterio, diversas tendas de comercio xusto galegas ofrecen as súas creación.

Pero, ademais, a visita ao lago e á súa contorna deixounos unha imaxe que conecta esta viaxe coa que levaron a cabo no 2024 as profesoras gañadoras da que entón era terceira edición do Premio:

Trala parada na contorna do lago Atitlán a expedición aproveitou as últimas horas  en Guatemala para coñecer a persoas vinculadas á historia recente do pais e a proxectos culturais inspiradores.

Entre eles Catafixia, unha libraría e espazo cultural especializado en literatura, pensamento e obras que axudan comprender a historia e a realidade de Guatemala e Centroamérica e no que os libros son ferramentas para a memoria colectiva, presente tamén en moitos espazos da cidade.

Ou o Instituto Guatemalteco de Educación Radiofónica. Xusto antes de coller o avión de volta os/as profes da expedición participaron na entrega de diplomas do curso “Estratexias participativas para acompañar aprendizaxes significativas”, que se desenvolveu nos últimos meses co apoio do Grupo de Investigación Educación para a Cidadanía Global da Universidade da Coruña, a través do seu proxecto Voluntariado Internacional dende o Local.

A volta a casa

Esta foi a última parada nun camiño intenso, cheo de aprendizaxes, emocións, inspiración e novas perspectivas. O dunha viaxe que foi un premio, pero tamén unha oportunidade: a de ver a realidade cotián da cooperación a través dos ollos, as experiencias e a vida de persoas que non vemos normalmente. Persoas que son parte imprescindible, porque lle dan sentido aos datos, cifras e formulacións dos proxectos das ONGD e porque son as súas mans as que suman, xunto as da cooperación galega, para acadar dereitos e un mundo máis xusto para todas.

A viaxe do profesorado gañador da cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global desenvolveuse entre o 17 e o 25 de agosto de 2026. Este diario foise escribindo dende Galicia aos pouquiños, na medida que iamos recibindo noticias súas. Pero non é o único que podes ler! Clica aquí para ler o diario de Laura, unha das integrantes da expedición.

Por que as viaxes do Premio son a Guatemala?

 

Guatemala é un dos países máis diversos do mundo. Con 25 etnias -22 de orixe maia- e outros tantos idiomas, é tamén un dos países máis poboados de Centroamérica e coas maiores porcentaxes de poboación orixinaria. Pero é tamén un país no que non están garantidos os dereitos fundamentais de boa parte das persoas. Neste contexto, a poboación indíxena é especialmente vulnerable e, dentro dela, o son aínda máis as mulleres e os menores.

A cooperación galega apoia dende hai moitos anos o traballo de organizacións e comunidades locais e ten con elas un vínculo forte e sostido no tempo. De aí que sexa un lugar idóneo para esta viaxe.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: