Canto sabes… de Guatemala?

Guatemala é recoñecida a nivel mundial pola súa riqueza e diversidade cultural. No país viven os pobos orixinarios xinka, garífuna e maia (este último representa o 40% do total da poboación).

O castelán é a lingua oficial do país malia que non a fala todo o mundo. As outras 24 linguas recibiron un recoñecemento oficial tras os Acordos de Paz de 1966 que puxeron fin a 36 anos de conflito armado entre o Estado de Guatemala e a Unidad Nacional Revolucionaria Guatemalteca.

Eses anos de conflito armado deixaran un regueiro de mortes, violacións de dereitos humanos, desprazamentos forzosos e terror para a poboación. As cifras oficiais contabilizan 45.000 desaparicións e 200.000 persoas asasinadas, a maior parte delas a mans do Estado, un réxime que militarizou o país e tratou de exterminar a oposición, co apoio financeiro do goberno dos Estados Unidos.

O 83% das vítimas foron maias. A ONU denominou estes asasinatos como xenocidio contra este pobo porque houbo o propósito de destruír esta poboación. Moitas das vítimas continúan en fosas comúns.

Aínda queda moito por facer para que en Guatemala se faga xustiza e remate a impunidade. Este é un dos grandes problemas que aínda enfronta o país: que os compromisos recollidos nos Acordos de Paz aínda non foron cumpridos; especialmente aqueles que se refiren aos dereitos dos pobos indíxenas, a impunidade e os procesos xudiciais derivados dos crimes do conflito armado.

Guatemala é un país con enormes desigualdade. A concentración na propiedade das terras é un exemplo desta desigualdade: o 80% das terras agrícolas concéntranse nas mans do 8% de propietarios, mentres que medio millón de familias rurais non posúen terra ningunha. Case un 60% da poboación vive en situación de pobreza.

A violencia é outro dos grandes problemas en Guatemala; unha violencia que continuou tras o conflito armado: narcotráfico, crime organizado e maras son causantes de altos niveis de violencia e crime, dos máis altos do mundo, e isto vese agravado pola impunidade que reina no país.

Guatemala é un dos países con máis riqueza natural e biodiversidade do mundo, pero o cambio climático e a sobreexplotación dos recursos, xunto coa deforestación e a contaminación das augas, están a poñer en perigo esa biodiversidade.

Huehetenango

Santa Bárbara, en Huehuetenango, na zona noroccidental do país, é unha das localidades do país que presenta os índices máis altos de pobreza. As ONG Educo e Tierra Nueva traballan acompañando e fortalecendo as capacidades de mulleres maias.

Coñecer e interiorizar cales son os dereitos que teñen nun contexto de permanente negación é un proceso imprescindible. Tamén reciben acompañamento para poder poñer en marcha negocios que sexan sostibles e garantan o acceso a recursos. 

Jocotán

A Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala (MEJORHA) leva 18 anos traballando no municipio de Jocotán, no departamento de Chiquimula, próximo á fronteira con Honduras, para contribuír á mellora da calidade de vida da poboación e as súas condicións de habitabilidade.

Desde o 2016, e xunto Solidariedade Internacional Galicia (SI Galicia) está a traballar na electrificación rural con sistemas fotovoltaicos para garantir o acceso a enerxía nos fogares, no centro de saúde e nunha escola. Estanse a obter resultados moi positivos grazas á implicación de toda a comunidade que, ademais de cofinanciar a instalación a pesar das súas dificultades económicas, encargarase do mantemento e reparación dos sistemas. 

Retalhuleu 

Champerico, en Retalhuleu, no suroeste do país, é a zona onde se atopa a Asociación Indígena Agropecuaria Pro-Desarrollo Integral (ASIAPRODI) coa que Arquitectura Sen Fronteiras Galicia leva máis de 15 anos traballando.

En 2016, a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) sumouse ao traballo conxunto co obxectivo de poñer en valor o traballo comunitario que se tiña levado a cabo os últimos dez anos en materia de vivenda rodando o documental Derecho a un techito, unha peza que se centra no dereito a vivenda.

No 2018, AGARESO rodou outro documental: La Escuelita del Manchón, unha peza centrada no dereito á educación. Desde a dotación dunha infraestrutura digna para poder recibir formación, ata a xeración de comunidade que implica a educación dos nosos nenos e nenas, pasando polo enfoque intercultural de Guatemala.