Conversas como ferramenta de cambio

Compostela máis Solidaria acolle o Escoitadoiro: unha proposta de conversa directa e recollida de memoria centrado nas vivencias de varias persoas migrantes que protagonizarán o encontro.

Fonte: IPPDH

Compostela máis Solidaria acolle unha nova edición do seu Escoitadoiro: un espazo que pon no centro as voces que normalmente non escoitamos porque non adoitan ser chamadas a conferencias, medios ou espazos de divulgación.

No Escoitadoiro fálase en primeira persoa e dende o coñecemento directo de realidades que teñen que ver cos dereitos humanos, a xustiza social ou a igualdade e escóitase de xeito activo e empático.

Se o ano pasado as conversas xiraron arredor de Palestina, a situación das mulleres migrantes no sector do fogar e dos coidados e os feminismos do Sur Global, este ano o Escoitadoiro pon o foco nas diversas vivencias migrantes que forman parte da nosa contorna.

Que ten de especial este Escoitadoiro?

A diferencia do ano pasado, este Escoitadoiro incorpora un papel moito máis activo do público, que asumirá o rol de recompilador das vivencias, experiencias e opinións que trasladen as persoas migrantes que participarán como relatoras e que seguen a ser, un ano máis, o centro e as protagonistas do encontro.

As persoas que se inscriban como escoitadoiras recibirán unha formación previa sobre metodoloxías para a recollida de oralidade, para despois celebrar o Escoitadoiro en si. Ambas actividades estarán mediadas pola ONGD Ecos do Sur.

Información veraz fronte aos discursos de odio

As conversas servirán para que as relatoras poidan explicar -cada unha dende a súa vivencia- as diversas realidades da migración e abordar, en primeira persoa, as casuísticas e procesos que se dan na chegada e que non adoitan ser ben coñecidos polo resto da cidadanía.

Pero, máis alá de favorecer o contacto, o coñecemento e o diálogo entre persoas diversas, este Escoitadoiro ten un segundo obxectivo: xerar, a partir dos testemuños recollidos, contidos divulgativos abertos á cidadanía.

Con estes contidos queremos ir máis alá das experiencias vitais e proporcionar información veraz e clara sobre as diferentes circunstancias (administrativas, legais, habitacionais,…) que afrontan as persoas migrantes na súa chegada. Para que todas as persoas que o desexen, máis alá das asistentes ao encontro, poidan ter acceso a unha información completa e veraz sobre estas cuestións.

A necesidade dunha boa información

A falta de información veraz alimenta os prexuízos e sirve de alicerce para os bulos. Nos seguintes chanzos desta escaleira están xa a discriminación e os discursos de odio.

Unha cuestión na que pon o foco esta edición de Compostela máis Solidaria  a través da súa Escola de Activismos e á que se suman -como unha ferramenta máis para a cidadanía-  tanto o Escoitadoiro como o contido divulgativo posterior, no que participarán de maneira activa as protagonistas das conversas.

Compostela máis Solidaria é un proxecto de sensibilización social que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio da Unidade de Atención ás Migracións (UAMI) do Concello de Santiago.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: