Compostela máis Solidaria pecha a súa décima edición lembrando Palestina con “Mulleres de Gaza”

A exposición de acuarelas das irmás Nour e Anwar Abu Rayan protagoniza a última proposta deste programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio do Concello de Santiago.

Fonte: IPPDH

Hai outras linguaxes que collen o testemuño das palabras cando estas non son quen de definir con exactitude o que queremos expresar. Linguaxes como a da arte, que permite comunicar todo o que, doutro modo, resulta inabarcable.

Mulleres de Gaza son todas esas palabras imposibles feitas cadros. Pinturas que narran a vida cotiá dunha poboación asesidada por terra e aire. Un día a día de morte e dor que as irmás Nour e Anwar Abu Rayan retrataron armadas de pinceis e cores contra un exterminio que viviron dende a veciña Cisxordania, conectadas por outras tantas violencias vividas en primeira persoa coas mulleres retidas e masacradas na Franxa.

“Mulleres de Gaza”: moito máis que unha exposición

O mércores 2 de setembro (19:30) o barrio do Castiñeiriño daralle a benvida á exposición nun acto no que teremos a posibilidade de saber máis da situación actual en Palestina da man da organización galega Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e da súa socia local Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW), que intervirá en liña.

Poderemos ver con calma a exposición, composta por vinte pezas acompañadas doutros tantos textos explicativos, desfrutar da coral do barrio -que ofrecerá dúas pezas especialmente seleccionadas para acompañar a obra de Nour e Anwar Abu Rayan- e achegarnos á cultura palestina a través da súa gastronomía.

Tras este acto, Mulleres de Gaza estará aberta ao público ata o xoves 24 de setembro no salón de actos do Centro Sociocultural do Castiñeiriño.

Pero isto é só o punto de partida. Da man da asociación de veciños do Castiñeiriño, a asociación de mulleres Recandea e a asociación cultural Amigos do Castiñeiriño costruímos, xunto co centro sociocultural, unha programación pensada para sensibilizar e ofrecer a posibilidade de aprender xuntas sobre Palestina a toda a cidadanía.

Cita co xornalismo comprometido

O xoves 17 de setembro (19:30) o centro sociocultural acolle un encontro conTeresa Aranguren (Artziniega-Álava, 1944).  A xornalista, cunha longa traxectoria vinculada ás zonas de conflito (invasión israelí do Líbano de 1982, guerra de Irán e Iraq, sucesivas crises do Golfo, conflito palestino-israelí e guerra dos Balcáns) e un profundo coñecemento do mundo árabe oriental, escribiu o ano pasado  “Palestina, la existencia negada”.

Este libro será o punto de partida dunha conversa coa veciñanza, aberta a toda a cidadanía, coa que comprender mellor a historia e os sucesivos conflitos que desembocaron na situación actual.

Actividades organizadas coa veciñanza

O programa de actividades artellado arredor de Mulleres de Gaza complétase cunha tarde adicada a coñecer a cultura palestina para a veciñanza e a clausura da exposición (24 de setembro, 18:00), na que participarán a cativada do barrio usuaria do centro sociocultural do Castiñeiriño e diversas propostas musicais organizadas polo tecido asociativo do barrio.

A exposición e as actividades programadas arredor dela poñerán o punto final á décima edición de Compostela máis Solidaria, o programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve en colaboración co Concello de Santiago, a través da súa unidade de Atención ás Migracións (UAMI).

Trala súa estancia en Compostela -a primeira en territorio galego- a exposición viaxará a Lugo, onde protagonizará un mes de actividades da man da Rede Museística Provincial para continuar, xa en novembro, o seu percorrido ata Avilés e Bilbao.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: