O pasado 10 de agosto, mentres en Galicia nos preparabamos para a eclipse solar, a terra tremía en Colombia. As graves consecuencias deste terremoto, co impacto que o 24 de xuño causou o dobre sismo de Venezuela aínda moi presente, mobilizou rápidamente a todas as organizacións e axencias de asistencia humanitaria.
Os desastres naturais son un dos detonantes deste tipo de intervencións, pero é importante entender que unha crise humanitaria non se reduce ao minuto cero dunha catástrofe. “En acción humanitaria diferenciamos varias fases”, explica Héctor Castro, delegado de Farmamundi en Galicia. “Está a resposta inmediata, que é a que ocupa varios días despois da emerxencia, e logo chega a post-emerxencia. En moitos casos unha axuda humanitaria pode prolongarse durante meses e incluso anos.”. Neste sentido, insiste en que estas situación van moito máis alá do que habitualmente trasladan os medios.
A importancia das socias locais
Venezuela, por exemplo, está actualmente na situación de post-emerxencia e a prioridade neste momento é que as persoas sobreviventes poidan acceder a servizos esenciais.
A acción de Farmamundi está a centrarse sobre o terreo no apoio á Fundación Paluz na activación de clínicas móbiles, visitas médicas e distribución de medicamentos en varios estados: “É moi importante sempre traballar con organizacións locais, porque son quen coñece o territorio e as necesidades da poboación e iso permite unha resposta rápida, coordinada e adaptada á necesidade de cada comunidade. O papel de organizacións como a nosa é poñer coñecementos e experiencia ao seu servizo.”
Neste sentido, o delegado de Farmamundi en Galicia explica que “hoxe en día a acción humanitaria non pode entenderse dende o asistencialismo, senón dende a cooperación, a profesionalidade e o respecto ás comunidades.”
Boas prácticas, tamén na solidariedade
Para prestar este apoio, as organizacións galegas contan co apoio de administracións públicas -a Xunta, por exemplo, ten asinado con Farmamundi dende hai anos un convenio de acción humanitaria e emerxencias- e cun amplo respaldo social, pero é importante tamén facer pedagoxía das boas prácticas.
Neste sentido, Héctor Castro pon en valor a solidariedade cidadá, pero incide na necesidade de “entender que o xeito máis útil de canalizar a vontade de axudar é mediante doazóns a organizacións especializadas, porque é o que permite actuar con rapidez, comprar exactamente o que se precisa e responder xusto onde as necesidades son maiores”.
No caso de Farmamundi, a súa misión é proporcionar medicamentos seguros e adecuados ás necesidades e normativas de cada país. Para isto, dispón dun almacén humanitario que envía medicamentos e material sanitario que cumpre todos os criterios internacionais de calidade, trazabilidade e conservación que, ademais, responden ás necesidades xeradas pola emerxencia. Algo que non adoitan cumprir -ou non se pode verificar que cumpran- os medicamentos doados coa mellor intención e esforzo persoal por particulares.
Ademais, esta ONGD galega trata -en liña coa maneira de proceder da meirande parte das organización de axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento- de adquirir o que precisa o máis preto posible da zona de intervención. Algo que, segundo explican, “permite chegar antes, apoiar e economía local nun momento no que o necesita especialmente e respectar as necesidades identificadas polas organizacións locais sobre o terreo.”
Gaza: a necesidade que non cesa
Moitas veces as catástrofes naturais impactan en países -empobrecidos, inestables politicamente ou vulnerables ante o cambio climático- cuxas estruturas xa eran febles anteriormente a moitos niveis. Pero outras veces a crise que activa a asistencia humanitaria vén da man de conflitos, violencia ou guerras.
No caso de Palestina a necesidade de axuda incrementouse nestes case tres últimos anos a causa do xenocicio contra a poboación civil, pero “Gaza era xa antes de outubro de 2023 un territorio sometido a bloqueo e con posibilidades extraordinariamente limitadas de movemento”, explica Jacobo Varela, coordinador rexional para Oriente Medio/Mashreq da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP): “Ese espazo estreitouse aínda máis e neste momento máis de dous millóns de persoas intentan sobrevivir no 30% da Franxa, en zonas destruídas, con restriccións de acceso a auga, alimentación, atención sanitaria e terras de cultivo, así como outras infraestruturas esenciais. Trala destrucción por parte das autoridades israelíes de todo o sistema sanitario, educativo e produtivo, a realidade actual pasa por familias e comunidades desfeitas e por un trauma colectivo que tardaremos décadas en comprender. O dano”, engade Jacobo Varela, “non consiste únicamente en matar, senón en facer inviable a vida organizada dunha comunidade para expulsar en canto sexa posible a parte da poboación sobrevivinte”.
Como se articula a axuda?
Para entender como funciona a día de hoxe a acción humanitaria en Gaza, primeiro hai que desmontar unha imaxe bastante instalada: a cooperación non consiste simplemente en encher camións en Europa, cruzar unha fronteira e repartir axuda.
É unha operación, segundo explican dende ACPP, moito máis complexa:
“Nós entendemos que unha sociedade precisa de organizacións propias, fortes, plurais e autónomas, capaces de liderar os seus propios procesos. Por iso os nosos proxectos desenvólvense de par de organizacións palestinas e son elas quen principalmente actúa no terreo”.
Isto non significa, advirte Jacobo Varela, “que como as organizacións palestinas que están no terreo asumen o perigo as internacionais simplemente transfiramos fondos dende fóra. Se significase isto, sería perverso falar de localización da axuda. Localizar”, explica, “significa redistribuír poder, recursos e a capacidade de decisión e, do mesmo xeito, compartir responsabilidades e riscos. En Gaza, no noso caso, iso tradúcese en redes construídas ao longo de anos”.
Soster a vida nun bloqueo constante
Redes que sosteñen unha cotidianidade complexa, na que a axuda humanitaria entra con contagotas. Pero nisto debemos distinguir dous ámbitos que adoitan mesturarse: organizar a resposta dentro de Gaza e conseguir que os bens necesarios entren na Franxa.
A resposta humanitaria en Palestina coordínase a través do sistema internacional de clusters ou grupos sectoriais -alimentación, auga, protección, educación,…- nos que participan axencias de Nacións Unidas, ONG internacionais e palestinas e outros actores. A Oficina das Nacións Unidas para a Coordinación de Asuntos Humanitarios (OCHA) coordina este sistema, mentres que os clusters analizan necesidades e evitan duplicidades.
“Por iso, cando dicimos que a resposta está bloqueada non significa que literalmente non se faga nada: dentro da Franxa desenvólvese unha actividade extraordinaria de traballo en condicións extraordinariamente restrictivas. E son a propia poboación gazatí, e especialmente as súas traballadoras e traballadores humanitarios, quen máis poñen o corpo neste traballo”.
Un segundo nivel desta coordinación é conseguir que entre a axuda: alimentos, medicamentos, bombas de auga, materiais de construción, combustible ou xeradores, necesarios para soster a vida.
Un proceso que Nacións Unidas coordina pero sen poder de decisión sobre que entra na Franxa. “Na práctica, Israel controla fronteiras, recursos e entradas tanto de Gaza como de Cisxordania e aí é onde está un dos principais problemas: as autoridades israelíes, as mesmas responsables de políticas de ocupación e xenocidio, determinan que axuda entra, cando e como”.
As crises humanitarias esquecidas
Hai arredor de 130 conflitos activos no mundo de maior e menor intensidade, pero non temos noticias da meirande parte deles. Nuns casos porque se producen en países moi lonxe de nós, noutros porque non están na axenda internacional e noutros porque se estenden tanto no tempo que deixan de ser noticiables. Son o que coñecemos como crises humanitarias esquecidas.
Sudán do Sur é unha delas. O país máis novo e o máis pobre do mundo, recoñecido oficialmente en 2011 logo dunha guerra civil de máis de vinte anos. Un conflito reavivado a nivel interno no 2013 e que, cinco anos despois, deu lugar a un goberno feble, con enormes tensións internas. Neste contexto, un 90% da poboación vive a día de hoxe no país en situación de pobreza -delas, 8 millóns sofren fame extrema- e millóns de persoas vense obrigadas a desprazarse polo país fuxindo da violencia.
A educación, ferramenta para unha vida en paz
“A nosa organización”, explica Luca Fabris, coordinador de Migracións Forzosas e Cooperación Internacional de Entreculturas, “entra a traballar no país no 2001, en pleno escenario de guerra de independencia contra o actual Sudán da man do Servizo Xesuíta Refuxiado, que é o noso socio local, primeiro atendendo ás persoas que fuxían do país e que chegaban á fronteira como refuxiadas. E logo, acompañando á poboación retornada tralos acordos de paz”.
Un traballo orientado a atender necesidades básicas, como alimentación, saúde ou refuxio, pero tamén a accións a longo prazo: “A educación é a nosa aposta principal, acompañada da saúde psicolóxica: falamos de persoas que sufriron grandes traumas a todos os niveis, por tanto é un traballo de recuperación que atende a unha necesidade inmediata, pero o seu impacto vese máis adiante”.
Entreculturas traballa na construción de paz dende a escola, con “nenos e nenas que só coñecen guerra e violencia”.
Nese sentido”, aclara, “a educación é importante como dereito fundamental e para asegurar a aprendizaxe, pero a escola é tamén un lugar de protección: cando están na escola, están a salvo da violencia que hai fóra. A escola é un espazo de rehabilitación e onde poden ser infancia. Por iso é tan importante a educación neste contextos.”
Axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento
A meirande parte das organizacións traballan dende o que se coñece como triple nexo. Isto significa conectar acción humanitaria, cooperación ao desenvolvemento e construcción de paz. Ou o que é o mesmo, intervir sobre as necesidades urxentes do presente sen esquecer a construción ou o fortalecemento dun futuro libre de violencias.
“A resposta a unha emerxencia”, explica Héctor Castro (Farmamundi) “debe servir tamén para fortalecer as capacidades locais e os servizos públicos. Non queremos que unha clíica móbil, por exemplo, sexa unha solución puntual, senón que contribúa a reforzar o sistema sanitario, e polo tanto as condicións de vida dunha comunidade”.
“A función da cooperación ao desenvolvemento é completar esta labor da asistencia no momento presente co horizonte do medio prazo, cun enfoque non só de necesidades, senón de dereitos humanos”. Para Luca Fabri (Entreculturas), “xerar un horizonte de vida, de crecemento, de poder construír algo mellor para a persoa e para a súa familia é o nexo entre a axuda humanitaria e a cooperación ao desenvolvemento”.
A tarefa que afrontan estas organizacións non é para nada menor. Segundo os úiltimos datos de ACNUR, o desprazamento forzoso no mundo acada neste momento cifras históricas, con preto de 120 millóns de persoas obrigadas a abandoar o seu fogar. Ou o que é o mesmo: unha de cada setenta persoas (o 1,4% da poboación mundial) atópase a día de hoxe desprazada contra a súa vontade, princialmente por conflictos bélicos e situacións de violencia, pero tamén por crises climáticas.
O impacto dos recortes na axuda humanitaria
Ademais, Nacións Unidas estima que, neste momento, 239 millóns de persoas necesitan para sobrevivir do apoio urxente da axuda humanitaria, nun contexto global de recortes que xa está a causar un gran impacto. “É demoledor. Estase desmantalando un sistema de atención e de cooperación internacional de xeito rápido e contundente”, advirten dende Entreculturas: “Falamos de millóns de persoas que se quedan dun día para outro sen servizos básicos. Falamos de nenos que están xa morrendo por estes recortes, pero estase recortando tamén a investigación sobre enfermidades endémicas. No medio prazo veremos tamén as consecuencias disto, porque os recortes de agora afectarán mañá”.
ACPP vai máis alá e pon o foco “na dirección política e a dimensión cualitativa que hai detrás destes recortes, ademais de que existe un risco máis difñicil de cuantificar: que mude a idea da cooperación que se considera financiable, computando como axuda ao desenvolvemento cooperación securitaria, determinados procesos extractivistas ou con lucros encubertos”.
Fronte a este cambio de modelo e aos recortes impulsados por distintas administracións a nivel global, e tamén fronte ao cuestionamento que dende algúns ámbitos se fai de calquera ámbito da solidariedade, as ONGD galegas poñen en valor as políticas públicas de cooperación activadas dende a adminitración local -Xunta, concellos e deputacións- .
E, moi especialmente, o compromiso e a empatía da sociedade galega, capaz de activarse ante as emerxencias puntuais pero tamén no traballo de fondo que implica axudar a contruír un futuro xusto e igualitario para todas as persoas en calquera lugar do mundo.

