Un ano máis, o Día Mundial da Asistencia Humanitaria chega marcado polas graves e sistemáticas vulneracións do dereito internacional humanitario. No 2025, rexistráronse máis de 37.000 mortes de civís en 20 conflitos armados, segundo recolle o informe do secretario xeral de Nacións Unidas sobre a protección de civís neste conexto do que cabe salientar que non reflicte a totalidade das vítimas, xa que só representa os casos documentados.
Neste rexistro, é a infancia quen leva a peor parte: no 2025, alomenos 6.266 nenos e nenas morreron en conflitos armados, un 34% máis que o ano anterior. Ademais, constatáronse máis de 38.500 violacións graves contra a infancia. Falamos, ademais dos asasinatos xa citados, de mutlizacións, violencia sexual, secuestros, recrutamento ou ataques contra escolas e hospitais.
Ademais, por primeira vez as responsables da meirande parte das violacións graves verificadas foron forzas gubernamentais.
Ataques sobre o persoal humanitario
O Día Mundial a Asistencia Humanitaira conmemora o asasinato en 2003 de 22 persoas que traballaban no eido humanitario en Iraq, na súa meirande parte traballadores locais. Máis de vinte anos despois, o 94% das vítimas da violencia contra o persoal humanitario seguen a ser traballadores e traballadoras dos países en conflito.
Malia o descenso dos ataques, as cifras da violencia contra o persoal humanitario seguen a ser inaceptables: neste último ano producíronse 133 ataques nos que resultaron asasinadas 83 persoas, feridas 98 e 36 secuestradas.
Nos últimos tres anos, máis de 1000 persoas do ámbito humanitario foron asasinadas. A meirande parte destas mortes (máis de 560) en Gaza e Cisxordania, seguidas de Sudán (130), Sudán do Sur (60) e Ucraína e República Democrática do Congo (25).
Neste sentido, a Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo -da que a Coordinadora Galega de ONGD forma parte xunto con outras coordinadoras autonómicas e diversas ONG- ofrece un informe elaborado por varias destas organizacións que analiza os incidentes de seguridade do pasado 2025 e que apunta ao deterioro da seguridade e da reducción do espazo de traballo.
Financiamento insuficiente
Segundo os datos da revisión de metade de exercicio do panorama humanitario mundial de Nacións Unidas, no comezo do segundo semestre só se recibiran 8.210 dos 33.660 millóns de dólares necesarios. É dicir, tan só se recibira un 24%.
Esta falta de financiamento e de recursos tamén afecta á protección do persoal humanitario, xa que non é posible garantir que os equipos de reposta locais e nacionais dispoñan de recursos, formación e apoio necesarios, e afecta de xeito directo ás vidas de millóns de persoas no mundo.
Dos 252 millóns de persoas que precisan asistencia humanitaria para sobrevivir no mundo só a están a recibir 143. Isto supón unha cobertura do 57% que deixa sen asistencia a máis de 100 millóns de seres humanos. Pero tamén siginifica que se deteriora a calidade e o alcande sa asistencia que si se presta.
Unhas cifras que non deben converterse en normalidade, igual que non debemos admitir como opcional o cumprimento estrito do dereito humanitario. Neste sentido, a Coordinadora Galega de ONGD xunto a outras moitas organizacións de axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento sumámonos as esixencias de Nacións Unidas ao respecto.

