Tralo dobre terremoto do pasado 24 de xuño en Venezuela un novo tremor, neste caso na veciña Colombia, require de apoio urxente en ámbitos como a atención médica, a alimentación ou a protección.
O sismo -o máis forte na última década no país cunha magnitude de 7,4- tivo como epicentro Chocó, unha das rexións con maiores dificultades para afrontar unha crise humanitaria desta magnitude. Os danos son críticos non só nesta zona, senón tamén no val do Cauca, Risaralda, Quindío e Caldas. Case dous millóns de persoas viven nas zonas afectadas.
Vinte e catro horas despois do tremor, hai máis de 200 persoas falecidas, centos delas feridas e moitas aínda desaparecidas. As primeiras análises de Nacións Unidas identifican centos de edificios colapsados e graves danos en colexios, hospitais e centros de saúde. Tamén se produciron interrupcións nos servizos de electricidade, auga e conectividade, así como o peche de catro vías estratéxicas e cinco areoportos no occidente do país. Neste contexto, milleiros de vivendas resultaron afectadas e centos de familias carecen de refuxio seguro.
Os danos nas infraestruturas de transporte complican os labores de rescate e a chegada da asistencia humanitaria. Nesta situación, o Goberno de Colombia decretou o desastre nacional, pero aínda non solicitou axuda internacional.
As autoridades locais están coordinando a asistencia humanitaria inmediata xunto a poboación local, rescatistas nacionais e internacionais, axencias de Nacións Unidas e ONG humanitarias. A coordinación será esencial para atender de forma rápida e efectiva as enormes necesidades que afrontan milleiros de familias.
Apoio das ONG
As ONGD da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo presentes en Colombia están xa traballando xunto as súas sociais locais para contribuír á resposta humanitaria. A coordinación que antes comentabamos será fundamental para garantir que a axuda chega a quen más a precisa, respondendo ás prioridades identificados sobre o terreo.
Varias organizacións socias tamén da Coordinadora Galega de ONGD teñen presenza no país a través do traballo conxunto organizacións locais. É o caso de
- Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP)
- Axuda en Acción
- Movemento pola Paz-MPDL
- Mans Unidas
- Oxfam Intermón
- Fundación Proclade
- Jóvenes y Desarrollo
- SED
Como xestionar a solidariedade?
O apoio internacional debe ser complementario ás capacidades locais, evitando duplicidades e reforzando aqueles ámbitos nos que existan necesidades máis grandes. A resposta debe contemplar tanto a atención inmediata como o acompañemento posterior ás comunidades afectadas.
A recuperación das zonas danadas requerirá tempo e recursos. Por iso, será necesario manter o compromiso da cooperación internacional a medio e longo prazo.
A Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, da que forma parte a Coordinadora Galega de ONGD, agradece á cidadanía a súa solidariedade. Neste sentido, lembramos a importancia de informarse e colaborar de xeito responsable.
A nosa solidariedade é moi valiosa, por iso debemos pensar ben que facer. Se queremos contribuír a unha causa debemos asegurarnos de optar pola opción máis eficaz e segura, tanto para as persoas ás que queremos axudar como por nós mesmas.
Nunha situación de crise humanitaria, os problemas manteranse por moito tempo. A nosa axuda non ten que ser inmediata: será válida (e necesaria!) durante semanas ou meses.
Non esquezamos que hai posibilidades de apoio activadas no país afectado: hai numerosas organizacións locais que están traballando nas zonas afectadas, avaliando necesidades e, por tanto, definindo os recursos necesarios para trasladárllelos ás súas socias no exterior, que son as de ONG de axuda humanitaria e cooperación ao desenvolvemento coas que nós, aquí, podemos contactar.
As necesidades non se ven igual dende aquí. Algo que para nós é esencial ou útil pode non selo en absoluto noutro país. Por iso, debemos confiar nas organizacións coas que contactamos e deixarnos asesorar, xa que coñecen da man das súas socias locais a situación e as necesidades.
Tanto ONGD como axencias humanitarias adoitan solicitar apoio económico para comprar kits estandarizados por dúas razóns: garantir que son idóneos para a situación que se aborda e para mercalos no propio país ou en países próximos, para así contribuír a soster a economía local.
As organizacións envían sempre persoal experimentado con formación específica en emerxencias, non voluntariado.

