A Coordinadora Galega de ONGD pon en marcha no marco de Compostela máis Solidaria a primeira edición da súa Escola de Activismos: unha iniciativa que ten como obxectivo facilitar coñecementos e propostas para facer fronte a bulos e discursos de odio, así como ferramentas para crear novos marcos narrativos.
Botando man do dicionario, entendemos por activismo a accion social de carácter público a favor de determinadas causas ou en contra de determinados poderes.
Ás veces temos a idea de que o activismo é algo que desenvolven as organizacións. Ou persoas cunha traxectoria e unha proxección pública moi concreta. Pero en realidade, calquera persoa pode ser activista daquilo que considera que debe ser cambiado. Iso si: para un bo activismo, ademáis de convicción e compromiso, fan falta sempre coñecementos e ferramentas.
A Escola de Activismos
A Escola de Activismos comeza a súa andaina en Compostela máis Solidaria coa vontade, precisamente, de facilitar coñecementos e algunhas ferramentas para fortalecer o activismo cidadán e colectivo.
Para iso propón catro obradoiros facilitados por organizacións de referencia no eido na comunicación para a transformación social e na creación de novas narrativas.
Son La Intersección, Ecos do Sur, Fundación porCausa e Agareso. As catro con ampla experiencia na análise e a investigación de dicursos de odio, pero tamén na creación de propostas para afrontalo e na creación de campañas, metodoloxías e propostas formativas para impulsar discursos vinculados aos dereitos humanos.
Os obradoiros
10 de maio (CSC do Ensanche, 10:00-14:00). Como operan os discursos de odio e o seu ecosistema? Como fortalecer as nosas estratexias colectivas con mensaxes transformadoras dende o común? Obradoiro facilitado por La Intersección, un colectivo multidisciplinar especializado nas análises das dinámicas de odio e os ecosisemas que os alimentan, así como na creación de estratexias alternativas, como Broders, unha das máis recentes.
14 de maio (Casa das Asociacións, 18:00-21:00). Como conectar a túa causa con novos públicos a través dos valores compartidos? Obradoiro impartido por Ecos do Sur, ONGD galega cunha liña de traballo específica para o estudo dos discursos de odio -no seu caso cara a poboación migrante- e o desenvolvemento de propostas vinculadas á tecnoloxía e ás novas narrativas. Son das pioneiras en Galicia do activismo en redes, a través do programa Ciberespect, e son expertas no deseño de estratexias de comunicación con valores, así como na abordaxe de bulos e discursos de odio.
20 de maio (CSC do Ensanche, 16:30-19:30). Como activar un novo marco narrativo no ámbito das migracións? Masterclass facilitada pola Fundación porCausa, unha entidade con anos de experiencia vinculada ao ámbito da investigación xornalística sobre migracións. porCausa é experta na análise do relato xornalístico e dos marcos narrativos e desenvolve dende narrativas alternativas ata a investigación e a denuncia.
26 de maio (CSC Maruxa e Coralia, 18:00-19:30). Como abordar a fenda política de xénero e combatir os discursos misóxinos entre a rapazada de Secundaria? Obradoiro intensivo a cargo de Agareso (Xeración Contrainfo), ONGD galega formada por profesionais da comunicación que traballan en diversos eidos (educativo, cooperación ao desenvolvemento, sensibilización) empregando a comunicación como ferramenta para a transformación social. Este obradoiro que traemos á Escola conecta co seu último traballo coa mocidade de varios institutos no marco do proxecto Xeración Contrainfo.
CLICA AQUÍ PARA INSCRIBIRTE EN CALQUERA DOS OBRADOIROS
Por que os discursos de odio?
Compostela máis Solidaria é un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve co apoio do Concello de Santiago a través da UAMI (Unidade de Atención ás Migracións).
Entre os seus obxectivos está xerar espazos de encontro, escoita e coñecemento directo arredor das diversas realidades migrantes. E ofrecer así información de primeira man á cidadanía sobre un ámbito no que a desinformación, os bulos e os discursos de odio son tristemente abundantes.
Se ben Galicia non está entre as comunidades do Estado español cun maior índice de delitos de odio, os discursos deste perfil medran ano a ano e entre as motivacións principais están o racismo e xenofobia.
A importancia do primeiro chanzo
Migrantes, persoas racializadas, colectivo LGTBIQ+, Pobo Xitano, mulleres feministas e/ou con proxección pública, científicas, divulgadoras de coñecemento,… A lista de persoas e colectivos que reciben o impacto destes discursos é cada vez maior. E as mentiras das que son obxecto convencen a unha parte da poboación, pero tamén xeran dúbidas a cada vez máis persoas.
Este é un gran problema. Como destaca a ONGD Ecos do Sur, “na pirámide do odio, cada chanzo que unha persoa acepta sostén o ascenso a un nivel superior”. Se comezamos dando por bos estereotipos e prexuízos, se non nos informamos, non nos será difícil crer un bulo. Unha mentira que, á súa vez, cimentará o discurso de odio que acabará por lexitimar diversas formas de discriminación e violencia.
Esta dinámica está presente na vida adulta, pero tamén na mocidade e o contexto educativo. Outra organización experta, Agareso, ofrece un amplo estudo a través do seu proxecto Xeración Contrainfo, no que aborda “os odios” que artellan este discurso entre os máis novos. E pon o foco no racismo, a LGTBIfobia e o machismo.
Esta é unha preocupación para boa parte da cidadanía e para moitos ámbitos, entre eles o terceiro sector ou administracións como o Concello de Santiago, a través da súa Concellería de Dereitos Sociais.
De aí que a nosa Escola de Activismos poña o foco en coñecementos e ferramentas para poder traballar -cadaquén dende o seu eido profesional ou dende as súas posibilidades persoais- en abodar esta cuestión de maneira cada vez máis eficaz e, por que non!, colectiva.