Así foi o Escoitadoiro de Compostela máis Solidaria

O escoitadoiro pensouse como un espazo para prestarlle atención ao que outras contaban. E no que falar e tecer rede.

Fonte: IPPDH

10 Xuño 2024 |

O pasado venres 7 de xuño celebramos no Museo do Pobo Galego a última das actividades desta edición de Compostela máis Solidaria, un programa que desenvolvemos en colaboración co Concello de Santiago a través da UAMI, a Unidade de Atención as Migracións.

Foi o Escoitadoiro: un espazo para o encontro e a conversa devagar arredor de cuestións que están no noso día a día, na nosa contorna, e das que escoitamos falar a persoas expertas, pero non sempre ás persoas directamente implicadas nelas.

Neste Compostela máis Solidaria que reivindicou a información veraz e o valor da palabra e do diálogo, non podiamos deixar pasar a ocasión de escoitalas.

 

Un Escoitadoiro para achegarnos a tres realidades

No Escoitadoiro falaron persoas ás que non lles faltan datos, criterio ou discurso. Pero, sobre todo, o que non lles falta -e o que lle dá un valor especial a todo o que nos contaron- é experiencia persoal e directa e, por tanto, coñecemento en primeira persoa.

Unha desas realidades é a de Palestina. Logo de meses de vulneración sistemática dos dereitos humanos en Gaza, queriamos adicarlle un tempo no Escoitadoiro.

 

Fixémolo da man de Sara Ashour, activista gazatí, veciña de Compostela e membro da Asociación Galaico-Árabe Jenin. Tamén con Felipe Noya, cooperante de Médicos do Mundo, cunha ampla experiencia e coñecemento sobre Gaza. E con Maruxa González Flores, integrante de SUG x Palestina e investigadora especializada en feminismo anticolonial da ESOMI.

As tres, acompañados na conversa por Gema Filgueira, presidenta de Médicos do Mundo en Galicia, axudáronnos a entender como era a vida para a poboación palestina antes e como está a ser -a través da familia, amigas e colegas que manteñen alí- a vida nestes momentos en Gaza e outros territorios nos que a violencia vai en aumento.

Feminismos e diversidade dende o Sur Global

Outra das conversas da tarde serviu para conectarnos coa figura e a labor das defensoras de dereitos. Mulleres e homes que loitan pola promoción e defensa dos dereitos básicos -os dereitos humanos- das súas comunidades ou da súa contorna.

 

O Escoitadoiro deunos a oportunidade de escoitar as reflexión de Juana Ferrer, activista feminista e ecoloxista, coñecida pola súa loita histórica para o recoñecemento das mulleres rurais e agricultoras de República Dominicana e Syra Taveras, directora executiva do Centro de Investigación para a Acción Feminina.

A conversa, moderada pola coordinadora de Agareso, Lorena Seijo, serviunos para coñecer máis de preto os feminismos do Sur. Das loitas sostidas no tempo apara acadar dereitos fundamentais e das loitas que aínda están pendentes.

Falamos de dereitos reprodutivos, de saúde, de diversidade, de mulleres rurais e campesiñas,… do xa logrado, de como coidalo para que non se perda e de como avanzar.

Quen coida das quen coidan?

Segundo os datos oficiais da Seguridade Social de 2023, o traballo doméstico e dos coidados é nun 95% feminino. Desa porcentaxe, o 45% das empregadas son mulleres migrantes en situación regular. Nas marxes desta estadística están os empregos en B, que non están suxeitos a ningunha normativa e control e nos que os dereitos quedan a vontade de quen emprega.

Son a única opción para as mulleres que aínda non puideron regularizar a súa situación, pero tamén para moitas que si poderían optar a un contrato legal pero que non atopan -porque non se lles dá- outra alternativa.

Dos porqués desta falta de oportunidades, de trato degradante e abusivo, de racismo e xenofobia pero tamén de autoorganización e empoderamento faláronnos Adys Trujillo e Elisabeth Matute, representantes en Galicia do Sindicato de Trabajadoras del Hogar y los Cuidados  SINTRAHOCU. Tamén a escritora e investigadora Zinthia Álvarez Palomino, que quixo poñer o foco non só no momento actual, no que o sistema económico se sostén sobre a precariedade e a vulnerabilidade das mulleres migrantes, senón no futuro.

 

O Escoitadoiro pensouse como un espazo aberto ao diálogo e a tecer rede. Durante as conversas, pero tamén nun tempo e espazo de lecer arredor duns petiscos de comercio xusto facilitados pola ONGD Solidariedade Internacional. E tamén está aberto á poesía, da man de Luiza Maezinha Fernandes, que pechou o Escoitadoiro cun pequeno recital.

 

 

Foron moitas as cousas que se falaron durante este Escoitadoiro, no que entre todas fixémonos o agasallo de escoitarnos. Pode ser tamén que de volver para casa sabendo algo novo ou con algo no que reflexionar.

Alguén no transcurso da tarde dixo que “pensar que o que facemos aquí non impacta é quitarnos poder”. Grazas a todas as que, dun modo ou outro, compartistes o voso poder connosco!

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: