#Defensoras Semillas de Cambio

Fonte: IPPDH

20 Novembro 2020 |

A campaña #DefensorasSemillasdeCambio é unha proposta da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). Adaptamos o seu formato a unha exposición fotográfica, hoxe presente en Pontevedra, Gondomar e A Estrada e no marco do proxecto ‘Defensoras de Dereitos’.

Neste espazo web atoparedes unha selección do traballo das defensoras de Honduras, Guatemala, El Salvador, Nicaragua e México e dúas defensoras globais de Exipto e Uganda que tamén participaron na campaña. 

O deseño orixinal é de RotmInas. A adaptación á exposición fotográfica, de Conxenia. 


 

As mulleres están na vangarda das loitas pola igualdade, a xustiza e os dereitos humanos individuais e colectivos en Mesoamérica. Mulleres indíxenas, mestizas, negras, garífunas, mulleres do campo e da cidade, do mar e da montaña, mulleres nais, migrantes, lesbianas, transexuais, mulleres novas, anciás, mulleres árbore, mulleres paxaro, mulleres millo, mulleres coral… Mulleres que desde as súas diferentes orixes, expectativas e experiencias de vida, co seu traballo, a súa loita diaria, a súa dignidade e resistencia, malia os múltiplos obstáculos e dificultades, contribúen á construción dun mundo máis xusto e habitable para todas as persoas.

defensoras_debuxo tres mulleresTodas elas son defensoras de dereitos humanos: estudantes, xornalistas, labregas, académicas, sindicalistas, mestras, tecedoras, amas de casa, parteiras, artistas, empregadas, desempregadas, artesás, rapeiras, vendedoras, curandeiras…

ELAS son as que defenden a soberanía sobre os nosos corpos e territorios;

ELAS son as que conservan, enriquecen e transmiten as nosas linguas, saberes e culturas ancestrais;

ELAS son as que escarvan a terra dos camiños e os lodeiros das institucións corruptas á procura das nosas fillas, fillos, irmás, irmáns, pais e nais desaparecidas;

ELAS son as que defenden o valor da palabra e o dereito a pronunciala;

ELAS son as que organizan as resistencias; as que erguen o puño, levantan carteis, sosteñen mantas e fan soar as cazolas; as que encabezan as marchas e visitan os tranques e as barricadas; as que toman o megáfono e alzan a súa voz; as que chaman á concertación e o diálogo; as que ofrecen refuxio;
DEFENSORAS colibri

ELAS son as que acompañan o espírito, as que toman a man ás outras, as que confortan ás que buscan os seus desaparecidos/as, as que teñen paciencia e as que choran de rabia para vencer a frustración, as que enterran os seus mortos e soñan coa vida;

ELAS son as que asumen todos os costos da defensa da vida; son as perseguidas por quen fixeron da cultura da morte o seu instrumento de poder e privilexio; son as ameazadas, as insultadas, as golpeadas, as desaparecidas e asasinadas polos grupos criminais e mesmo por persoas do seu contorno máis próximo; son as criminalizadas por Estados, oligarquías nacionais, empresas transnacionais, terratenentes, igrexas e grupos de presión fundamentalistas; as discriminadas por este patriarcado racista, extractivista, neoliberal, heteronormativo, misóxino e feminicida que se sente ameazado e próximo ao colapso;

ELAS son as que documentan, denuncian, dan acompañamento e esixen xustiza por cada unha das agresións que buscan calar a voz das súas compañeiras defensoras; as que teñen claro que “se tocan a unha, tócannos a todas”;

ELAS son as que lle perderon o medo ao medo e, por iso, xa non acatan mandatos, roles impostos, ameazas nin coaccións;DEFENSORAS mariposa

ELAS, de todas as idades e procedencias, son as que insisten na importancia dos coidados e da integralidade da loita, as que nos instan á urxencia dos cambios individuais no exercicio do poder, as que bailan e lle poñen música á revolución e a levan até o último curruncho da casa, da comunidade, da aldea, da cidade…

ELAS son as “outras” necesarias para sérmonos, coñecérmonos e recoñecérmonos nun “nosoutras” no que caibamos todas, lindas, libres e loucas;

ELAS son sementes de cambio, labradoras de esperanza, sementadoras de vida, tecedoras de futuros;

Por todo isto queremos facerlles unha homenaxe a ELAS.

Porque as súas achegas e logros son e seguirán sendo moito máis grandes ca calquera golpe.

Porque somos moitas, estamos organizadas e por todos os recantos de Mesoamérica.

Porque nos coidamos e acorpamos creando redes de apoio e proxectos de autocoidado, coidado colectivo e curación.

Porque nos recoñecemos entre nosoutras, visibilizamos que as nosas loitas son transversais e xeramos alianzas con outros sectores da poboación.

Porque sabemos que chegou a hora de derrotar a cultura da morte e de darlle paso á VIDA.

Porque sementar xuntas nos fai máis fortes
#DefensorasSemillasDeCambio

 


MAPA_HONDURAS

Honduras vive hoxe, once anos despois do golpe de estado contra o goberno de Manuel Zelaya, unha situación de emerxencia social. A corrupción, a venta do territorio ás empresas transnacionais, a represión contra as activistas e defensoras de dereitos e a militarización dos territorios teñen como consecuencia altos índices de violencia, inseguridade e desigualdades no país.

Hoxe, Honduras conta con 21 confitos ambientais activos segundo o Atlas da Xustiza Ambiental. A maioría, pola imposición de proxectos de megaminaría e pola instalación de proxectos hidroelécticos como ao que se opuxo á activista e defensora ambiental Berta Cáceres, asasinada en 2016. Honduras é un dos 10 países do mundo con maior número de asinatos contra defensores e defensoras de Dereitos Humanos. Seguno o Análise Global 2019 de Front Line Defenders, o ano pasado foron asasinadas 31 defensoras.

Os últimos anos, miles de persoas do país mesoamericano víronse obrigadas a marchar do país e uníronse á caravana de migrantes para escapar da violencia e da pobreza estrutural. Moitas das defensoras e defensores que continuaron co seu traballo a prol dos dereitos humanos dentro das caravanas, foron de novo obxecto de ataque.

 

Miriam Suazo

Centro de Estudios de la Mujer e Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos en Honduras

Miriam Suazo_Honduras

Miriam Suazo ten 55 anos e unha traxectoria de 20 traballando polos dereitos humanos en Honduras. Actualmente faino desde o Centro de Estudios de la Mujer e a Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos en Honduras, coordinando xunto a outras organizacións e o movemento social o fondo de emerxencia para a protección ás persoas defensoras expostas a riscos inminentes debido á súa labor.

Miriam é defensora porque está convencida de que “as mulleres temos dereito a vivir unha vida libre das violencias e opresións, a decidir sobre os nosos territorios-corpos, ao pracer”, e indígnanlle “as inxustizas e impunidade, fronte á criminalizacion estigmatizacion que viven mulleres e homes que loitan contra os sistemas opresores”. Ela é unha semente de cambio.

“A miña semente de cambio foi a autovaloración, como forza no meu propio camiño. Aprendín no proceso a ser honesta comigo e coas outras. Neste proceso tamén fixen achegas ao pensamento e as liberdades desde a colectividade”.


Adalinda Gutiérrez

Unión de Trabajadores del Campo – La Paz (UTC), Red de Mujeres contra la Violencia de Marcala e Red Nacional de Defensoras de Derechos en Honduras

Adalinda Gutiérrez traballa pola defensa de terras, territorios e bens comúns ofrecendo capacitación e concienciación sobre os impactos e os efectos prexudiciais dos proxectos extractivos nas comunidades e organizando a resistencia fronte a eles. Tamén realiza acompañamento a mulleres e nenas superviventes de violencia, chegando mesmo a enfrontarse a policías. Actualmente é parte da Unión de Trabajadores del Campo – La Paz (UTC), Red de Mujeres contra la Violencia de Marcala e Red Nacional de Defensoras de Derechos en Honduras.

Ten 54 anos e a súa actividade como defensora comezou aos 14 na Pastoral Social, e de xeito moito máis activo a partir da década de 1980, durante a etapa das desaparicións políticas en Honduras. Malia o atentado contra a súa vida que sufriu en 2016 e que a obrigou a saír da súa comunidade durante 6 meses, Adalinda nunca deixou de realizar o seu traballo. Ela é unha semente de cambio.

“Son defensora porque hai unha necesidade: violacións aos dereitos humanos. Ninguén máis ca nós fai ese traballo desde a defensa por medo ás ameazas, ao abuso, á criminalización, a inseguridade e os atentados. Pero hai que facer este traballo”.


Rosalina Domínguez

Consejo Indígena Lenca de Río Blanco e Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos en Honduras

Rosalina Domínguez_Honduras

Rosalina Domínguez é unha defensora indíxena lenca da terra, o territorio e os bens naturais en Río Blanco, Honduras. É a vicepresidenta do Consejo Indígena Lenca de Río Blanco e desde hai 12 anos está librando unha loita en defensa do río Gualcarque contra a empresa Desarrollos Energéticos DESA, responsable do asasinato da súa compañeira Berta Cáceres. Ela é unha semente de cambio.

“Son defensora porque estou ao pé da loita na defensa da vida, da agua, dos territorios e ademais porque defendemos as nosas vidas”.


mapa méxico

Dende 2006, o país sofre un conflito armado interno que, segundo as cifras máis recentes proporcionadas por Nacións Unidas, deixaron un balance de 250.000 mortes violentas e 77.000 persoas desaparecidas. Só en 2019, foron asasinadas 35.000 persoas e 8.000 desapareceron, unha cifra anual récord. 

A impunidade das violacións dos dereitos humanos perpetradas por membros das forzas de seguridade (incluíndo a tortura, as desaparicións forzadas, os feminicidios e os abusos) son norma en México. O informe de 2018 do Relator Especial sobre as defensoras e defensores de dereitos humanos declarou que perto do 98 % dos delitos cometidos en México quedan sen resolver.

O informe tamén conclúe: “En vista del elevado número de violaciones graves de los derechos humanos, el insignificante porcentaje de investigaciones y enjuiciamientos de delitos contra defensores de los derechos humanos que prosperan ha generado un sentimiento de impunidad generalizada y persistente. La incapacidad de investigar y sancionar a los responsables transmite el peligroso mensaje de que esos crímenes no tienen la más mínima consecuencia, lo que crea un entorno que favorece las violaciones sistemáticas y socava las aspiraciones generales en el ámbito de los derechos humanos en México.” 

 

Estela Ángeles Mondragón

Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos en México

Estela Ángeles Mondragón_México

Defensora dos dereitos territoriais do pobo rarámuri, comunidade indíxena do norte do país, durante más de dúas décadas. Forma parte da Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos en México.

“A miña alma é rarámuri. Digo isto porque para facer o meu traballo, hai que estar namorada do mesmo. Nesta comunidade plantei a semente da seguridade para defender a súa dignidade. Eles e elas sementaron en min sensibilidade. A miña semente foi amosarlles que a ignorancia nos leva a un pozo sen fondo: para defendernos, tiñamos que coñecer a lei. E iso fixemos”.


María Soledad Jarquín

SEM México

Soledad Jarquin_México

Soledad Jarquín é unha xornalista que desde hai 36 anos traballa polo dereito á información e a liberdade de expresión en México dende SEM México.

Como periodista convencida de que “a dignidade das persoas comeza polo exercicio dos seus dereitos”, Soledad ofrece un altofalante ás mulleres que defenden vidas libres de violencia de xénero e demandan xustiza despois de sufrir violacións dos seus dereitos humanos, principalmente por parte do exército, fiscalías e outras instancias gobernamentais.

O 2 de xuño de 2018 a violencia feminicida tocouna de maneira persoal cando a súa filla, a fotoxornalista María del Sol Cruz Jarquín, foi asasinada en Juchitán de Zaragoza mentres acompañaba á candidata a síndica dese municipio, Pamela Terán Pineda, quen tamén foi asasinada por un comando armado. Desde entón está esixindo xustiza para a súa filla. Ela é unha semente de cambio.

“A miña semente de cambio foi o xornalismo desde a perspectiva de xénero. A nós tocounos «picar pedra» e abrir terreo para mirar desde a condición social das mulleres: Aborto, linguaxe inclusiva, violencia. Pertenzo a esa xeración de periodistas de Oaxaca que dixemos «hai que mirar as mulleres»”.


María Guadalupe Ramos Ponce

Comité de América Latina y el Caribe para la Defensa de los Derechos de las Mujeres 

María Guadalupe Ramos Ponce_México

Guadalupe Ramos é unha defensora do dereito de todas as mulleres a vivir unha vida libre de violencias. Cunha traxectoria de máis de dúas décadas de loita desde unha perspectiva feminista, actualmente traballa para o Comité de América Latina y el Caribe para la Defensa de los Derechos de las Mujeres (CLADEM), desde onde impulsou a alerta de violencia contra as mulleres en Jalisco e, máis recentemente, se opuxo á desaparición do Instituto Jalisciense de las Mujeres, que determinou o gobernador Enrique Alfaro Ramírez.

Guadalupe tamén é integrante do Observatorio Ciudadano Nacional del Feminicidio e de diversas redes do movemento feminista de México que uniron esforzos. “Sen as mulleres, os dereitos non son humanos”. Ela é unha semente de cambio.

“A miña semente de cambio é a esperanza. Nun mundo de tanta violencia, o primeiro que nos vén é a desesperanza… Cando iso nos invade, gañan os outros, o patriarcado. Aposto pola esperanza dunha mellor vida para todas. A loita polos dereitos humanos transformoume, fíxome tratar de convencernos de que podemos proxectar un mundo máis feliz”.


mapa el salvador

El Salvador leva 28 anos vivindo en democracia pero sen superar as secuelas de 50 anos de dictaduras militares e os 12 anos de conflito armado (1980-1992) que deixou, segundo as cifras oficiais, 75.000 mortes e 8.000 persoas desaparecidas. Hoxe, El Salvador ten unha das tasa de homicidios intencionados máis alta do mundo debido ao crime organizado.

Moitas das persoas migrantes que deixaron as súas comunidades fuxiron como consecuencia  dos efectos do control territorial exercido por estas bandas delictivas e do impacto que teñen no dereito á vida, na integridade física e na liberdade de circulación en moitas zonas do país, segundo denuncia Amnistía Internacional.

Segundo o Informe sobre la Situación de Defensoras y Defensores de Derechos Humanos en El Salvador de Mondubat, as persoas defensoras de dereitos de El Salvador sofren tres tipos de violencias: a violencia verbal e simbólica de parte da sociedade, ao non existir un recoñecemento xeral do labor das persoas defensoras de dereitos humanos;  a violencia directa (verbal e física) exercida por axentes dos corpos de seguridade e distintas organizacións de caracter criminal; e a violencia que exerce o Estado no seu conxunto cando a través do funcionariado e persoas representantes obstaculiza e non protexe o labor das persoas defensoras.

 

Flor de María Hernández

Organización de Mujeres perulapanecas de El Salvador

Flor María Hernández_El Salvador

Flor de María Hernández é unha defensora que desde hai 10 anos loita contra a violencia cara ás mulleres na súa comunidade, no Salvador. Ten 57 anos e coñece ben os diferentes tipos de violencia machista porque os sufriu. Flor de María é defensora porque lle gusta “axudar ás mulleres que sofren violencia”. Ela é unha semente de cambio.

“Plantar unha semente diferente para min significou seguir os meus propios desexos, loitar polos nosos dereitos e defender cada muller que o precise. Eu sigo cultivando desexos de paz, amor, sabedoría non só para min, senón para todas as mulleres, semento ilusións para recoller recordos e cambios a estas realidades tan desiguais”.


Sandra Yanira Guerrero Bolaños

Red Salvadoreña de Defensoras de Occidente

Sandra Yanira Guerrero_El Salvador

Sandra Yanira Guerrero Bolaños ten 44 anos e desde hai 28 defende a terra, o territorio e os bens naturais no Salvador. Tamén traballa polos dereitos das mulleres. Na actualidade faino desde a Red Salvadoreña de Defensoras de Occidente. “Non me gustan as inxustizas e quero un mellor futuro para as novas xeracións”. Ela é unha semente de cambio.

“Desde hai 8 anos planto a semente de defender os dereitos das mulleres. Daquela violaban os nosos dereitos: traballabamos e non nos pagaban o noso salario. Hoxe tamén defendo a natureza e as nenas que foron vítimas de violencia”.


Colectiva Amorales

El Salvador

Colectivo Amorales _El Salvador

Desde hai doce anos as integrantes da Colectiva Amorales defenden os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres salvadoreñas, así como o seu dereito a espazos libres de violencia, a través da arte.

Son un colectivo de mulleres artistas e feministas que poñen a disposición do público postas en escena, festivais e a denuncia pública, acompañando as vítimas de violencia e xerando espazos de debate e de incidencia política para a transformación de imaxinarios colectivos. “O ético é defender os dereitos das mulleres”. Elas son sementes de cambio.

“As primeiras sementes foron a recuperación da nosa autonomía e os nosos corpos como mulleres artistas e o cuestionamento da naturalización da violencia contra as mulleres en dereitos sexuais e reprodutivos, incluíndo a penalización absoluta do aborto. Apropiármonos da loita permitiu que a xente que está involucrada nas nosas intervencións se cuestione a violencia patriarcal en todo sentido”.


mapa nicaragua

Nicaragua esta a vivir unha profunda crise socio política que está a ter como consecuencia enormes vulneracións dos dereitos humanos. A revolta de abril de 2018 deixou como mínimo 325 persoas mortas, 2.000 feridas e 800 encarceradas. Segundo datos da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos, a represión do goberno de Ortega provocou o exilio de máis de 70.000 persoas, a maioría dels a Costa Rica e Estado Unidos. 

A sociedade civil organizada tamén está a ser unha das principais obxectivos do goberno de Ortega. As autoridades do país están a atacar as organizacións nicaraguanas, aos movementos sociais, a xornalistas e a defensoras de dereitos humanos. En 2018, o Parlamento nicaraguano aprobou unha reforma da Lei de Prevención Contra o Lavado de Activos, na cal se modificaron os delitos de terrorismo e financiamento terrorista. Medidas que buscan controlar as organizacións sen fins de lucro (ONG, asociacións, fundacións, etc.) que están a reclamar o fin da represión e da vulneración dos dereitos humanos. Ducias de organizacións foron ilegalizadas ata o día de hoxe. 

Á pandemia da COVID-19 é á crise económica e política, sumóuselle as últimas dúas semanas as consecuencias dos furacáns Eta e Iota. Ríos debordados, cultivos destrozados, pobos inundados e miles de persoas desprazadas das súas casas.  En toda a rexión Mesoamericana, calcúlase que hai máis de 6 millóns de persoas afectadas.

 

Jeniffer Brown

Red de Mujeres Afro de Nicaragua

Jennifer Brown_Nicaragua

Jennifer Brown é unha defensora de 36 anos integrante da Red de Mujeres Afro en Nicaragua. Desde hai 12 anos traballa con mulleres que sofren violencia e discriminación, en especial mulleres afros, axudándoas a denunciar de maneira pública e privada e brindándolles acompañamento legal e psicolóxico. Traballa para un cambio social e un cambio de sistema machista e racista cara a unha sociedade xusta, libre e equitativa onde as mulleres, en especial as negras, poidan vivir libres de violencia. Ela é unha semente de cambio.

“A semente de cambio que plantei foi brindar apoio incondicional ás mulleres vítimas de violencia. Apóioas en denunciar xuntas, no público e o privado, os abusos e violacións que sofren… Visibilizamos xuntas os abusos que sofren como parte do sistema de xustiza. Moitas delas agora defenden e acompañan outras mulleres vítimas de violencia”.


Wendy Flores Acevedo

Colectivo de Derechos Humanos Nicaragua Nunca +

Wendy Flores _Nicaragua

Wendy Flores é unha defensora nicaraguana do dereito a defender os dereitos humanos que actualmente vive en Costa Rica. Durante 16 anos traballou no Centro Nicaragüense de Derechos Humanos (CENIDH), desde onde contribuíu ao exercicio de accións legais nacionais e internacionais para incidir nos procesos de denuncia e demanda de xustiza. Agora continúa desenvolvendo o seu labor desde o Colectivo de Derechos Humanos Nicaragua Nunca +.

Wendy é defensora porque lle gusta “ser parte do cambio cara a unha sociedade máis xusta e equitativa, cara a unha sociedade que esixa e respecte os dereitos humanos de todos e todas. Dun cambio pola democracia, a institucionalidade e a xustiza”.

Ela traballa por unha “Nicaragua libre de presas e presos políticos, libre para marchar, para exercer a liberdade de expresión e a defensa dos dereitos humanos, que lle dea xustiza aos familiares de vítimas de asasinatos, onde se coñezan as súas historias para que non se volvan repetir”. Ela é unha semente de cambio.

“As sementes de cambio que plantei neste último ano foron a resistencia e a persistencia en continuar defendendo dereitos humanos desde a miña condición de desprazada forzada”.


Martha Cranshaw (in memoriam)

Nicas migrante e Red Nicaragüense de la Sociedad Civil para las Migraciones

Martha Cranshaw_Nicaragua

“A semente que plantei: a organización Nicas migrante e a Red Nicaragüense de la Sociedad Civil para las Migraciones. Traballei durante case 40 anos en Nicaragua e Costa Rica pola defensa dos dereitos das persoas migrantes, en especial as mulleres, para que poidan exercer o seu dereito ao acceso á saúde, participación social e política.”


mapa guatemala

O Atlas de Xustiza Ambiental contabiliza actualmente 29 conflitos ambientais en Guatemala. A vulneración sistemática dos dereitos humanos no marco da instalación de proxectos extractivistas por parte de grandes empresas estranxeiras sen previa consulta ás comunidades afectadas ten terribles consecuencias nas vidas das persoas e do propio territorio.

A resistencia comunitaria contra a mega minaría, os proxectos hidroeléctricos, os monocultivos intensivos, os mega proxectos turísticos, etc. obgriga a moitas persoas defensoras a fuxir do seu territorio para salvar a súa vida. Moitas outras, son asasinadas (15 en 2019 segundo o Análise Global de Front Line Defenders).

Guatemala viviu unha guerra de 36 anos que ata os acordos de paz de 1996 deixaron ao menos 250.000 persoas mortas e desaparecidas. Hoxe, 24 anos despois dos acordos, segue sen haber unha situación de paz no país.

 

María Magdalena Cuc Choc

Encuentro Campesino en El Estor (Izabal, Guatemala)

 

María magdalena Cuc Choc_Guatemala

Desde que tiña 13 anos María Magdalena Cuc Choc defendeu os dereitos das mulleres indíxenas rurais que non tiveron acceso aos seus dereitos e viven violencia machista en Guatemala. Tamén defende os dereitos de terra e territorio desde a cultura q’eqchi’, apoiando a resistencia das comunidades que sofren desaloxos violentos ou acompañando como tradutora a comunidades e mulleres superviventes de violencia en procesos de busca de xustiza, procesos penais, desaloxos e resistencias en contra de compañías mineiras e de monocultivo.

A súa loita está inspirada polo desexo de que as mulleres gocen dunha vida libre de violencia e poidan exercer o seu dereito á participación. Ela é unha semente de cambio.

“Son defensora porque non me gusta ver a violencia contra o meu pobo indíxena”.



DEFENSORAS GLOBAIS

Mozn Hassan

NAZRA for Feminist Studies (Exipto)

“A semente de cambio que plantei é a verdadeira esencia de solidariedade coas mulleres feministas. Todas elas enfrontan desafíos, pero están aquí polas demais, desde México até Exipto, padecendo o patriarcado e loitando fortemente contra el”.


Brenda Kugonza

Women Human Rights Defenders Network (Uganda)

Brenda Kugonza_Uganda

A semente do cambio que plantei é o establecemento da Rede de Mulleres Defensoras de Uganda. A miña motivación provén de experiencias e historias de mulleres defensoras que continúan opoñéndose aos estereotipos discriminatorios sociais, culturais e relixiosos, que as expoñen a unha serie de riscos. A iniciativa de solidariedade sur a sur fomentou a sororidade, alentando as conexións, a colaboración e a cooperación entre defensoras de dereitos humanos que traballan en protección e seguridade”.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: