Nicaragua esta a vivir unha profunda crise socio política que está a ter como consecuencia enormes vulneracións dos dereitos humanos. Dende o pasado mes de xullo, a Coordinadora Galega de ONGD está colaborando, coa sociedade civil do país centroamericano, na denuncia da violencia, a vulneración dos dereitos e a represión que o goberno de Nicaragua está a exercer contra a poboación civil.
Dende abril de 2018, e ata o pasado 20 de outubro, a Asociación Nicaraguana pro Derechos Humanos, contabilizou no país 528 mortes, 4.102 persoas feridas de diversa gravidade e 1.609 persoas “secuestradas por grupos armados non autorizados pola lei para executar ordes de captura”.
A sociedade civil organizada tamén está a ser unha das principais vítimas desta situación. O Parlamento nicaraguano aprobou en xullo unha reforma da Lei de Prevención Contra o Lavado de Activos, na cal se modificaron os delitos de terrorismo e financiamento terrorista. Medidas que teñan como obxectivo controlar as organizacións sen fins de lucro (ONG, asociacións, fundacións, etc.) que están a reclamar o fin da represión e da vulneración dos dereitos humanos.
Por mor destes cambios lexislativos, ata o momento téñense ilegalizado 10 organizacións que traballan na defensa dos dereitos humanos, a gobernabilidade e a democracia. Tres delas son ONG: Fundación del Río, Fundación Popol Na e o Instituto de Liderazgo de Las Segovias (ILS), está última, organización socia das ONGD galegas Sólida, Solidaridade Galega e Solidaridade Internacional de Galicia. Tamén foron ilegalizados o Centro Nicaragüense de Derechos Humanos (CENIDH) – unha organización referente na defensa dos dereitos humanos das persoas máis vulnerable en diferentes contextos e ante gobernos de distintos signos – o Centro de Información y Servicios de Asesoría en Salud (CISAS); o Centro de Investigación de la Comunicación (CINCO); o Instituto de Estudios Estratégicos y Políticas Públicas (IEEPP); a asociación Hagamos Democracia; o Movimiento por Nicaragua e o Instituto para el Desarrollo de la Democracia (IPADE).
Dende a Coordinadora Galega de ONGD denunciamos a ilegalización das ONG e asociacións civís por parte do goberno de Nicaragua. E condenamos a criminalización que están a exercer sobre os movementos sociais e organizacións campesiñas, feministas, da mocidade, veciñais, etc., así coma a represión e o acoso que se está a exercer sobre as persoas que forman parte destas organizacións.
Por outra banda, solicitamos ao Parlamento de Galicia e ao goberno da Xunta de Galicia unha condena firme e un pronunciamento claro sobre a situación en Nicaragua. Dende o pasado mes de xullo, a Coordinadora Galega de ONGD, xunto a representantes da sociedade civil nicaraguana, informamos en distintas ocasións ás persoas representantes dos catro grupos parlamentarios da situación que vive o país co obxectivo de conseguir un posicionamento conxunto en sede parlamentaria. A día de hoxe seguimos á espera de que os catro grupo cheguen a un acordo para sacar adiante unha resolución conxunta en contra da violencia e a vulneración dos dereitos humanos no país centroamericano.
Logo de oito meses de represión con centos de persoas asasinadas e miles de feridas, exiliadas e represaliadas, consideramos importante que o Parlamento galego e o goberno da Xunta de Galicia se posicionen e se dirixan a institucións estatais e europeas para solicitar o fin da persecución das persoas opositores e das organizacións que defenden os dereitos humanos co obxectivo de aumentar a presión da comunidade internacional sobre o goberno de Nicaragua.
Finalmente, e ante un nadal que es presenta terriblemente duro, enviamos unha mensaxe de estima, apoio e compromiso solidario a todas as persoas e organizacións sociais que estén sufrindo represión, acoso e criminalización, co desexo que moi pronto o país retome o camiño da paz, a liberdade e a democracia.