A Caravana de Solidaridad Internacional con Nicaragua insta ás institucións galegas a posicionarse en contra da represión que vive o país

Co obxectivo de informar e tecer unha rede de solidariedade internacional con Nicaragua, un grupo de estudante e activistas do país centroamericano organizou unha Caravana Informativa de Solidariedade Internacional con Nicaragua que está a percorrer Europa e que esta semana chegou a Galicia.

A Caravana busca comunicar á comunidade internacional, actores gobernamentais, ONGD, partidos políticos, grupos de sociedade civil, organismos de dereitos humanos e a sociedade, a crise que está a vivir Nicaragua, os motivos das protestas cívicas que se están dando no país e as demandas dos distintos colectivos organizados. Tamén, denunciar as graves violacións dos dereitos humanos que están a levar a cabo o goberno de Ortega e que xa acabaron coa vida de 287 persoas (ver informe da Comisión Interamericana de Dereitos Humanos “Graves violaciones a los Derechos Humanos en el marco de las protestas sociales en Nicaragua”.)

O luns 2, Jessica Cisneros y Fidel Narváez reuníronse xunto á Coordinadora Galega de ONGD con representantes dos grupos parlamentarios. Cisneroz e Narváez, membros da Caravana, informaron sobre a situación que vive o país e instaron ao Parlamento a posicionarse publicamente na defensa dos Dereitos Humanos e en contra a represión que está a vivir o país. Pola tarde, reuníronse co alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, a quen informaron tamén sobre o estado de emerxencia no que se atopa o país e instaron tamén a que o Pleno municipal se posicione publicamente ao respecto. O martes, 3, a Caravana entrevistouse co alcade de A Coruña, Xulio Ferreiro.

A Caravana tamén pasou pola Subdirección Xeral de Relacións Exteriores onde se entrevistou coa Subdirectora Xeral de cooperación ao desenvolvemento, Pilar Romero, e parte do seu equipo. Falaron da situación de emerxencia que vive o país e de como a cooperación ao desenvolvemento debe afrontar o reto, tanto na execución dos proxectos como nas cuestións vinculadas coa protección das defensoras de dereitos que viven baixo ameaza. Nicaragua é un dos 11 países prioritarios para a Cooperación Galega e, nos últimos 14 anos, executou 41 proxectos e 5,2 millóns de euros no país centroamericano.

A Caravana percorreu ata o de agora Dinamarca, Suecia, Bélxica, Francia, Holanda, Alemaña e, no Estado español, percorreu Madrid, Zaragoza, Barcelona, Córdoba, Sevilla, Bilbao, Compostela e A Coruña.

A Coordinadora Galega de ONGD é unha das entidades que está a acoller á Caravana xunto á ONGD Solida e cidadanía nicaraguana residente en Galicia. Son as achegas solidarias das migrantes nicaraguanas e das organizacións as que están facilitando a viaxe das activistas e estudantes do país centroamericano.