Ante os graves sucesos que están a ocorrer en Perú no último mes, ante a represión desproporcionada da protesta social e o uso excesivo da forza, sumámonos á Coordinadora de Entidades Estranxeiras de Cooperación Internacional en Perú e instamos ás autoridades a adoptar de maneira urxente as medidas para previr máis violencia e asegurar o respecto dos dereitos humanos no marco de manifestacións pacíficas. Chamamos ás instancias competentes a sancionar as mortes e as respostas violentas á mobilización cidadá.
O Goberno decretou o estado de emerxencia en varias rexións do país. Tal decisión suspende dereitos constitucionais como a liberdade de tránsito e reunión ou a inviolabilidade do domicilio durante un mes. O inicio do paro nacional -a partir de hoxe, 19 de xaneiro- fai temer que o uso excesivo e desproporcionado da forza pública empeore. É urxente, por tanto, que se free a escalada de represión, se inicien procesos que permitan unha saída pacífica e que se promova un amplo diálogo no que participen todos os sectores da sociedade peruana. É crucial que sexan atendidas as demandas democráticas da cidadanía.
Chamamos á comunidade internacional a manter a vixilancia e a presenza co fin de que se respecten os dereitos humanos e a apoiar todos os esforzos posibles cara a unha saída democrática. Pola nosa banda, como organizacións de desenvolvemento que traballamos xunto a centos de organizacións sociais peruanas, apoiamos á sociedade civil e ás comunidades que exercen o seu dereito á protesta pacífica. Seguiremos camiñando da man de quen defende os dereitos humanos e a democracia.
6 das nosas organizacións (Entreculturas, Fundación balms para la infancia, Fundación Ayuda en Acción Galicia, Fundación Taller de Solidaridade, Cume e Mans Unidas) traballan en Perú, da man de organizacións locais que defenden os dereitos humanos desde distintas áreas.
Datos do informe das ONGD 2022