Regala consumo responsable

Ideas para agasallar e consumir responsablemente a un tempo!

 

regala consumo responsable

O consumo responsable ten dous principios básico: consumir menos e o máis sostible e xusto posible. Como facelo? Guiándonos por criterios sociais e ambientais á hora de adquirir bens e servizos. Planificando as compras, revisando as etiquetas dos produtos para coñecer a orixe e as condicións de produción, apoiando o comercio xusto, apostando polos produtos locais e sostibles, acudindo ás prazas de abastos e aos mercados tradicionais, evitando as bolsas de plástico e, sobre todo, aplicando o criterios das 7R: reducir, reutilizar, reciclar, redistribuir, reflexionar, rebater e reclamar.

Daquela, preguntarédesvos, é posible celebrar as festas de Nadal sen caer na trampa do consumismo? É posible regalar un detalle á familia e ás amizades tendo en conta os límites do planeta e os dereitos das persoas? É!

Escollendo xogos colaborativos; xoguetes non sexistas nin violentos; roupa feita baixo condicións dignas e xustas; doces producidos por persoas que cobran un soldo digno; aparellos electrónicos fabricados sen minerais procedentes de conflitos; produtos de hixiene e cosmética libres de químicos… Tamén, comprando alimentos de comercio xusto e de tempada; agasallando cultura ou produtos feitos por nós mesmas! Asumindo, en definitiva, que consumir pode ser un acto revolucionario.

A continuación deixamos algunhas ideas:

Xogos e xoguetes

Agasallar xogos de mesa sempre foi un clásico nestas datas. Apostar por aqueles que favorecen a interacción entre persoas de distintas idades e que permiten aprender valores como a responsabilidade, o traballo cooperativo e a simple diversión como obxectivo é unha boa opción. A editorial Ekilikua, ofrece unha gran variedade de xogos e puzzles que abordan temáticas relacionadas co ecoloxismo, por exemplo. Oxfam Intermon tamén ten un catálogo de xogos xustos e sostibles.

xogos colaborativos

Pola súa banda, os xoguetes son unha ferramenta única para educar aos nenos e ás nenas no consumo responsable, o respecto e a non discriminación de ningún tipo. Tamén, e sobre todo, poden dar a oportunidades de xogar libremente sen marcar roles de ningún tipo, en especial os de xénero. Porque a infancia pode xogar ao que queira.

Estas son algunhas claves para agasallar xogos e xoguetes non sexistas, cooperativos e estimulantes:

  • Que poidan xogar indistintamente nenos e nenas
  • Que non transmitan estereotipos sexistas e non promovan a violencia
  • Que facilite poder xogar coas demais persoas: a comunicación entre as participantes e que fomente as relacións entre iguais
  • Que potencie as relacións cooperativas e a diversión
  • Que non sexa excluínte e poidan xogar nenos e nenas con habilidades diversas
  • Que fomente a imaxinación e a creatividade
  • Que estimule a curiosidade e o interese por investigar e que permita descubrir novas posibilidades no xogo
  • Que potencie a capacidade de pensar e a resolución de problemas.

Os xoguetes ‘alternativos’ son aqueles que permiten o xogo libre, estimulante e autónomo e onde as normas non veñen marcadas se non que as deciden as participantes. Neste enlace>> atoparedes 10 propostas neste sentido.

Electrónica ética

Teléfonos móbiles, tabletas e computadores son algúns dos regalos estrela nestas datas. Os minerais necesarios para fabricar os aparellos electrónicos están a miúdo asociados a terribles conflitos e a duros abusos laborais. Un dos casos máis coñecidos é o de República Democrática do Congo, país onde se atopa o 80 % das reservas mundiais de coltán. O ouro, o wolframio, o estaño e o tantalio (extraídos do coltán) son catro dos minerais responsables de que os aparellos electrónicos funcionen correctamente e, ao mesmo tempo, dun conflito que provocou máis de cinco millóns de mortes nos últimos 30 anos (para saber máis, consultar a campaña da ONGD Alboan>>>)

Clasificación das marcas segundo a informe ‘The Guide to Greener Electronics’ de Greenpeace

 

Outro das consecuencias asociadas ao consumo destes produtos e a obsolescencia programada: o tempo de vida útil que as empresas calculan e planifican para os seus produtos tecnolóxicos e que cada vez os leva a unha ‘morte’ máis temprana.

Detrás desta realidade escóndese un problema ambiental que, segundo cálculos da European Environmental Bureau (EEB), provoca a emisión anual de máis de 48 millóns de toneladas de CO2. A Comisión Europea estima que o próximo ano o volume de residuos electrónicos alcanzará os 12 millóns de toneladas anual, moitas das cales serán enviadas a vertedoiros ubicados en países empobrecidos. Antes de agasallar un produto electrónico é importante preguntarse se é necesario e ter en conta as opcións de reparar, reutilizar e comprar outro de segunda man.

En 2017, Greenpeace publicou The Guide to Greener Electronics onde indica en que condicións producen as principais marcas que se poden atopar no mercado. Fairphone é a marca máis limpa e xusta.

Roupa

A industria téxtil é unha das máis contaminantes. Emprega enormes cantidades de auga e produce máis emisións de dióxido de carbono que todos os voos e envíos marítimos internacionais. De 2000 a 2015, a produción de roupa duplicouse no mundo ata superar os 100.000 millóns de prendas anuais.

Ademais, as condicións laborais das persoas que confeccionan a roupa arredor do mundo como consecuencia da deslocalización son precarias: explotación, abusos, xornadas extenuantes e salarios que non lles permiten ter unha vida digna. Ata un 90% das traballadoras dos obradoiros textiles e maquilas son mulleres.

Cada vez hai máis posibilidades de comprar roupa fabricada baixo criterios éticos e de respecto ao medio. En Galicia, en 2019 naceu FENTO Moda Sostible, un colectivo de marcas e proxectos sustentables.

slow fashion next

Para atopar máis ideas, o proxecto Slow Fashion Next creou un directorio de marcas que traballan baixo este enfoque. A revista Carro de Combate tamén propón unha lista de marcas que ofrecen pezas de roupa fabricadas de forma xusta. Ademais, ten en marcha a campaña de crowdfunding ‘Moda Basura, para investigar o impacto socioambiental do modelo de produción e consumo de roupa

Alimentación

Alimentos de proximidade, ecolóxicos e de tempada. Esa é a clave. No portal MeCambio atoparedes información sobre as tendas que hai nos vosos barrios e vilas. Tamén, os produtos de comercio xusto para produtos como o café, o cacao, o azucre (ademais da artesanía, os produtos de hixiene…).

Algunhas opcións en Galicia son Oxfam IntermónPanxeaSolidariedade Internacional de Galicia, Taller de Solidariedade, Amarante…

Consumir Dentro

consume dentro

Consume Dentro é unha iniciativa promovida por REAS Rede de redes para fomentar o consumo interno dentro da Economía Solidaria, desde o convencemento de que reforzar os propios circuítos económicos, producindo e consumindo no interno das propias entidades que forman parte de REAS é hoxe máis necesario que nunca.

Son moitas as empresas solidarias que nestes tempos difíciles precisan o apoio doutras entidades e doutras persoas que consumen de forma consciente e responsable para seguir coa súa actividade económica xeradora de grandes beneficios sociais e ambientais. Como tamén hai cada día máis persoas que non queren que o seu consumo e o seu diñeiro alimenten un sistema que provoca desigualdade, pobreza, precariedade e destrución ambiental.

Neste enlace>>> atoparedes unha ampla gama de produtos e servizos éticos, solidarios e sustentables (banca ética, enerxía, telefonía, alimentación….) que son un moi bo agasallo!

Outras

Faino ti mesm@! Sabes tecer unha bufanda? Tes algunha habilidade artística? Gústache escribir? Potencia a túa creativa e regala algo feito por ti mesm@.

Regala cultura. Un libro, unha película, unhas entradas para un concerto ou unha obra de teatro. Unha subscrición a un xornal ou revista (de comunicación social)…

Regala unha experiencia, feita por ti. Nos últimos anos puxéronse de moda os paquetes de experiencias e aventuras.Pero, por que non organizas ti mesm@ a experiencia? Prepara unha saída, unha cea ou unha actividade pola túa conta baixo criterios de consumo responsable e seguro que triunfarás!

Dálle unha segunda vida. Podes acudir a tendas de segunda man (de mobles, de roupa, de libros…) ou simplemente darlle unha segunda oportunidade a eses obxectos, aparellos ou produtos en bo estado que xa non utilizas. Coñeces AIDA Books&More? É unha rede de librerías solidarias que en Vigo acaban de estrear nova ubicación na rúa Ecuador 45. Cos fondos recaudados coa venta de libros, financian proxectos de cooperación ao desenvolvemento!

Comparte tempo, saberes e recursos! Compartir é un dos agasallos máis bonitos. Compartir o teu tempo para acompañar a persoas que o precisan, para levar a cabo accións de voluntariado. Compartir os teus saberes de xardinería, gastronomía ou outras linguas. Compartir obxectos e mesmo cartos que poidas deixar ou doar a persoas e colectivos que o precisen. Doar xoguetes, roupa ou libros que estean en boas condicións e que outras persoas poidan utilizar.

Regalar consumo responsable é posible!

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: