Coñece todo o traballo que levamos a cabo en 2018!

As memorias de actividades permiten contar o traballo que dende a Coordinadora Galega de ONGD levamos a cabo o último ano. Ademais, representan un exercicio de transparencia e rendición de contas coa cidadanía galega que nos apoia e fai posible o noso labor. Atoparédelas neste enlace>>>

Para a Coordinadora, o 2018 foi un ano cheo de traballo e compromiso na defensa dos dereitos de todas as persoas. Apostamos por promover a presencia en Galicia de activistas, lideresas e defensoras de dereitos coas que as ONGD galegas traballan en Nicaragua, Guatemala e Honduras; impulsamos o traballo de comunicación coa posta en marcha da nova web, a elaboración dun Plan de Comunicación e a publicación do informe O traballo das ONGD galegas no mundo. Levamos a cabo un enorme traballo de incidencia política no marco de negociación do IV Plan Director da Cooperación Galega coa Vicepresidencia da Xunta; seguimos traballando polo aumento dos orzamentos da Cooperación Galega e pola posta en marcha de novas convocatorias nos concellos e deputacións. Levamos a cabo con éxito a terceira edición do programa Compostela + Solidaria; estreamos ‘Mulleres que mudan o mundo’, un convenio de colaboración coa Deputación de Pontevedra; e iniciamos o proceso de elaboración do estudo sobre a cooperación local en Galicia xunto ao Fondo Galego de Cooperación. Participamos no Equipo Directivo da Coordinadora Estatal de ONGD, na Rede de Coordinadoras Autonómicas, na organización do encontro de Quorum Global e nos distintos Consellos de participación dos que formamos parte. Foi, sen dúbida, un ano intenso e cheo de recoñecementos.

Traballamos arreo nun contexto internacional desolador no que os gobernos do mundo seguen sen asumir o seus compromisos coa Axenda 2030 dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible para dar resposta aos retos globais vinculados coa pobreza, as crecentes desigualdades e o colapso do planeta. Comprobámolo co trato que a Europa fortaleza segue a dar as persoas refuxiadas e migrantes: en 2018, máis de 2.200 persoas morreron no Mediterráneo intentando chegar a territorio europeo mentres os gobernos aprobaron e executaron medidas contrarias á lexislación internacional de dereitos humanos como non permitir ás ONGD saír ao mar a salvar vidas ou as sistemáticas devolucións ‘en quente’ nas fronteiras.

A Caravana de migrantes de Centroamérica deixou constancia da situación de pobreza, violencia e desesperación que tamén afecta a esta rexión do planeta e dos muros e fronteiras impostas por México e Estados Unidos para impedir a entrada de miles de persoas. Bolsonaro, en Brasil, deu conta do auxe da ultradereita e das forzas políticas antidereitos en contextos onde as cifras de desigualdade, violencia e represión son alarmantes. En Nicaragua, o goberno de Ortega protagonizou graves violacións dos dereitos humanos para acabar coas protestas da mocidade que tiveron como tráxico resultado a morte de máis de 500 persoas e centos de detidas. Tamén, en 2018, un total de 321 persoas defensoras de dereitos foron asasinadas no mundo, a gran maioría activistas medioambientais e dos pobos indíxenas.

A devastadora guerra en Siria continuou arrasando a vida de milleiros de persoas; a ONU cualificou de “intento de xenocidio” a persecución da minoría étnica Rohingya en Myanmar. En 2018, o terrorismo seguiu matando: Estado Islámico, Al-Qaeda e Boko Haram asasinaron centos de persoas en Afganistán, Somalia, Paquistán, Kurdistán, Siria ou Mali ao longo do ano. Países con maioría de poboación musulmá e con conflitos e guerras que se manteñen no tempo grazas ás armas que exportan Europa e Estados Unidos, os mesmos territorios que pechan o paso á poboación civil que fuxe do horror da guerra. En Palestina, foron asasinadas polas forzas israelís 298 persoas, 57 delas menores de idade segundo a ONU, e ata 29.000 palestinos e palestinas resultaron feridas polas nos territorios ocupados, principalmente en Gaza, durante a Gran Marcha do Retorno, o maior número desde que a ONU empezou a documentar as vítimas no ano 2005.

O planeta amosa signos inequívocos de colapso e o cambio climático é un dos maiores retos da nosa época. Vivimos nunha situación de crise ecolóxica que afecta ás persoas máis vulnerables, especialmente ao 70% da poboación mundial que vive en zonas rurais. A subida da temperatura global, a elevación do nivel do mar, a acidificación dos océanos e outros efectos do cambio climático están afectando gravemente ás zonas costeiras. Periga a supervivencia de moitas sociedades e dos sistemas de sostén biolóxico.

Malia esta terrible realidade, 2018 tamén foi un ano cheo de loitas e alianzas da sociedade civil a favor dos dereitos das mulleres, das migrantes, dos colectivos LGTBI+, das refuxiadas, das defensoras de dereitos… Un ano no que houbo as primeiras eleccións en Zimbabue logo da caída de Robert Mugabe; no que a India e Trinidad e Tobago despenalizaron a homosexualidade; no que Costa Rica converteuse no primeiro país de América Latina en contar cunha muller afrodescendente na Vicepresidencia do goberno.

No Estado español, a convocatoria de folga feminista do 8 de marzo encheu as rúas de mobilizacións na defensa dos dereitos das mulleres e en contra da cultura da violación e da xustiza patriarcal. En maio ETA anunciou a súa disolución e, en xuño, aprobouse unha moción de censura contra Mariano Rajoy, como resposta á corrupción do Partido Popular na trama Gürtel, que levou a Pedro Sánchez ao frente do executivo español. En decembro, o partido de ultradereita Vox conseguiu representación parlamentaria por primeira vez, en Andalucía, e a súa entrada no hemiciclo marcou un antes e despois na política estatal.

Neste contexto, a sociedade civil mobilizouse nas rúas, nas redes sociais e nos espazos de toma de decisións en contra dos desafiuzamentos, da represión e a violencia policial, da pobreza enerxética e da privatización dos servizos públicos. En contra dos discursos de odio e das políticas que non poñen a vida das persoas no centro. En Galicia, houbo mobilizacións históricas en contra a minaría destrutiva e na defensa da sanidade pública.

O ano 2018 deixou unha chea de momentos e loitas que seguirán medrando. Nestas Memorias, atoparedes ás que marcaron a historia da Coordinadora!