A Coordinadora Galega de ONGD recibe o Premio UVigo_Humana

O Concello Social da Universidade de Vigo outorgou por unanimidade este galardón coincidindo co 30 aniversario da organización.

A ONG AIRE recibiu o premio na categoría de organización internacional

Fonte: AGARESO

21 Decembro 2021 |

A Coordinadora Galega de ONGD recibiu o Premio UVigo_Humana, un galardón do Consello Social e da Universidade de Vigo que recoñece “o labor desenvolvido por persoas físicas, institucións e organizacións non gobernamentais no ámbito da solidariedade e a cooperación”. Recibiuno o ano do seu 30 aniversario e a proposta do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a institución premiada en 2020.

“Consideramos que o liderado da Coordinadora ten resultado fundamental á hora de fortalecer o sector galego da cooperación ao desenvolvemento”, subliñou a vicerreitora de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación da Universidade de Vigo, María Isabel Doval, quen tamén fixo fincapé no impacto do traballo desenvolvido pola Coordinadora no eido da incidencia política, “demandando unha política galega de cooperación de calidade”.

Recolleu o premio en nome da Coordinadora José Luis Barreiro, membro do equipo directivo, quen agradeceu o galardón e fixo un pequeno percorrido polos 30 anos de historia.

#30ANOS

En 1991 dúas dúas organizacións xa desaparecidas crearon a Coordinadora Galega de ONGD que hoxe, 30 anos despois, está formada por 45 ONGD e representa a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras. As ONGD galegas traballan en 21 países sempre da man de organizacións e colectivos locais. O ano pasado puxéronse en marcha máis de 60 proxectos que contribuíron a mellorar as condicións de vida de 400.000 persoas, a maioría delas nenas e mulleres.

Os anos 90 foron os das Acampadas polo 0,7%, unha reivindicación que levou a moitas persoas, tanto de Galicia como do resto do Estado, a acampar nas rúas para pedir que o 0,7% dos orzamentos dos gobernos se dedicara a Axuda Oficial ao Desenvolvemento, é dicir, a loitar contra a pobreza e as desigualdades a nivel global.

Nesa época, e nesas prazas, naceron a maioría das organizacións que hoxe forman parte da Coordinadora, moitas delas galegas e outras, delegacións de organizacións que traballan en todo o Estado.

“Foi a partir do ano 2000, e despois das acampadas polo 0’7% dos anos 90, cando en Galicia empezaron a nacer as políticas públicas de cooperación por parte Xunta e dalgunhas administracións locais” explicou Barreiro no acto de entrega. Tamén foi a época na que se aprobou a lei galega de cooperación e cando se publicaron as primeiras convocatorias públicas para levar a cabo proxectos de cooperación noutros países.

Barreiro lembrou que neses anos tamén “abriu a primeira sede da Coordinadora, empezamos a traballar en rede con outros colectivos e con Coordinadoras de ONGD doutras Comunidades Autónomas e firmamos os primeiro convenio de colaboración coa Xunta de Galicia.”

En 2010 promovimos a sinatura do Pacto Galego contra a Pobreza xunto a todos os grupos do Parlamento Galego. E “as ONGD galegas unímonos para frear os recortes aínda que malia os esforzos, nese etapa os fondos destinados a cooperación ao desenvolvemento caeron un 65% chegando aos seus mínimos históricos en 2014. Pedíamos o 0,7% e se dedicaba 0,04%.”

Os últimos anos de vida da Coordinadora viñeron marcados pola pandemia. Pero tamén por un contexto global marcados polas desigualdades sociais e a falta de garantía dos dereitos humanos a nivel global. “Os retos seguen sendo moitos e seguiremos traballando colectivamente para superalos”.

Premio internacional á ONG AIRE

O premio de ámbito internacional foi concedido á ONG AIRE, Asociación Integral de Rescate de Emerxencias, unha organización que acompaña persoas que se atopan nunha situación de plena vulnerabilidade, nos países de destino das migracións forzosas como campamentos de persoas refuxiadas, escenarios de conflito, ou situacións de emerxencia.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: