Sada acolle a exposición ‘Defensoras de dereitos’

Este 8 de marzo inauguramos xunto ao Concello de Sada a mostra de fotografías protagonizadas por 15 activistas internacionais.

Fonte: AGARESO

A Coordinadora Galega de ONGD e o Concello de Sada inauguraron hoxe na Avenida da Mariña a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’. A mostra, que poderá visitarse ata o 8 de abril, está protagonizada por 15 mulleres defensoras de dereitos humanos de países como Guatemala, Colombia, Palestina, India ou o Chad que traballan man a man coas ONGD galegas.

A exposición inaugurouse no marco dos actos do 8 de marzo para poñer en valor ás mulleres defensoras de dereitos humanos que dedican a súa vida a protexer a liberdade de prensa, a defender a terra ou a combater a violencia de xénero.

“Poñen en risco a súa integridade para defender o territorio e a vida” asegurou a portavoz da Coordinadora Galega de ONGD, Gema Filgueira. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revela que en 2020 foron asasinados 331 persoas defensoras de dereitos humanos en todo o mundo, 44 das cales mulleres.

 

Malia isto, as defensoras que protagonizan a exposición seguen adiante co seu activismo. Mulleres como Warda Mohamed, unha defensora do dereito da saúde que traballa como psicóloga nos campos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf. Como Angélica Cárcamo que desde O Salvador defende a liberdade de expresión e de prensa nun contexto do hostigamento cada vez maior contra as xornalistas.  

#30ANOS

A exposición fotográfica forma parte dos actos de conmemoración do 30 aniversario da Coordinadora Galega de ONGD, “tres décadas de aprendizaxes, traballo colectivo e defensa dos dereitos humanos” asegurou a súa portavoz. En 1991, dúas organizacións xa desaparecidas (Comisión Galega pro-Amazonia e Estudantes Solidarios) crearon a Coordinadora que hoxe, 30 anos despois, está formada por 45 ONGD que traballan en cooperación internacional, axuda humanitaria e educación para o cambio social e que representan a máis de 26.000 persoas entre socias, voluntarias e traballadoras.

Defender a quen defende

Ante este contexto de violencia e represión “as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e de denuncia da vulneración dos dereitos”, afirmou Filgueira.

Tamén, apoiando comunidades e persoas con proxectos de cooperación internacional que buscan garantir o acceso a dereitos fundamentais. En 2020, as ONGD galegas puxeron en marcha 68 proxectos en 21 países como Bolivia, Mozambique e O Salvador que contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis 400.000 persoas, a maioría delas mulleres e nenas.

O actual contexto de desigualdades extremas non ten precedentes na historia: as 62 persoas máis ricas do mundo posúen os mesmos recursos que a metade da poboación. “Isto sumado ao empobrecemento das persoas máis vulnerables, da emerxencia climática, da pandemia sanitaria e da crise migratoria obríganos a que a defensa dos dereitos humanos sexa a brúxula que guíe a política pública de cooperación ao desenvolvemento dos distintos gobernos e administracións en Galicia”, concluíu.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: