A praza Maior de Lugo acolle a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’

Foto AP/Alexander Zemlianichenko Jr. | Fonte: National Geographic

16 Decembro 2021 |

Hoxe inauguramos na Praza Maior de Lugo a exposición fotográfica ‘De oficio, defensoras’ xunto a representantes da Xunta de Galicia e do Concello. A mostra, que poderá visitarse ata o 31 de xaneiro, está protagonizada por 15 mulleres defensoras de dereitos humanos de Guatemala, Colombia, Palestina, India… que traballan man a man coas ONGD galegas.  

A inauguración da exposición en Lugo dá continuidade aos actos de celebración do 30 aniversario da Coordinadora Galega de ONGD, “tres décadas de aprendizaxes, traballo colectivo e defensa dos dereitos humanos” asegurou a vicepresidenta, Gema Filgueira. 

A exposición fotográfica conta co financiamento da Xunta de Galicia e o apoio do Concello de Lugo. Ao acto de inauguración asistiron o Delegado Territorial en Lugo, Javier Arias, e a Concelleira de Benestar Social, Inclusión e Persoas Maiores, Olga López, así como representantes de ONGD, institucións e partidos políticos.

 

Poñer o corpo para defender a vida

As mulleres defensoras de dereitos humanos dedican á súa vida a protexer a liberdade de prensa, a defender a terra ou a combater a violencia de xénero. “Poñen en risco a súa integridade para defender o territorio e a vida” asegurou Filgueira. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas, revela que en 2020 foron asasinados 331 persoas defensoras de dereitos humanos en todo o mundo, 44 das cales mulleres. Segundo a Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos humanos.

 

Malia isto, as defensoras que protagonizan a exposición seguen adiante co seu activismo. Mulleres como Warda Mohamed, unha defensora do dereito da saúde que traballa como psicóloga nos campos de persoas refuxiadas saharauís en Tindouf. Como Angélica Cárcamo que desde O Salvador defende a liberdade de expresión e de prensa nun contexto do hostigamento cada vez maior contra as xornalistas. 

Ou como Nayibis Mercado que desde Colombia, o país onde se dan máis casos de asasinatos contra defensoras e líderes comunitarios do mundo, traballa pola reparación, a reubicación e o retorno das persoas desprazadas como consecuencia do conflito armado no país. Elas xunto as miles de defensoras que non participan nesta exposición, “forman unha rede esencial de activistas que protexen todos os dereitos humanos e todas as liberdades fundamentais”, concluíu a vicepresidenta da Coordinadora.

Defender a quen defende

Ante este contexto de violencia e represión “as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e de denuncia da vulneración dos dereitos”, afirmou Filgueira.

Tamén, apoiando comunidades e persoas con proxectos de cooperación internacional que buscan garantir o acceso a dereitos fundamentais. En 2020, as ONGD galegas puxeron en marcha 68 proxectos en 21 países como Bolivia, Mozambique e O Salvador que contribuíron a mellorar as condicións de vida de máis 400.000 persoas, a maioría delas mulleres e nenas.

O actual contexto de desigualdades extremas non ten precedentes na historia: as 62 persoas máis ricas do mundo posúen os mesmos recursos que a metade da poboación. “Isto sumado ao empobrecemento das persoas máis vulnerables, da emerxencia climática, da pandemia sanitaria e da crise migratoria obríganos a que a defensa dos dereitos humanos sexa a brúxula que guíe a política pública de cooperación ao desenvolvemento dos distintos gobernos e administracións en Galicia”, concluíu.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: