A sororidade entre mulleres impulsa o traballo das ONGD galegas

O último Informe sobre o traballo das ONG de Desenvolvemento galegas elaborado pola Coordinadora de ONGD salienta que o 71% do persoal contratado, o 70% do voluntariado e o 62% das persoas asociadas son mulleres

Fonte: IPPDH

19 Xullo 2022 |

En 2020, as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de 376.365 persoas en 22 países de América Latina, África e Asia. Impulsaron 68 proxectos cun custe total de 10,2 millóns de euros que tiñan por obxectivo garantir dereitos básicos como a saúde e a educación, así coma fortalecer a defensa dos dereitos humanos. A rexión de Centroamérica e o Caribe acolleu o 50% dos proxectos e máis dun 60% dos fondos investidos. 

O traballo das ONGD galegas nace do impulso da sororidade entre mulleres diversas para construír un mundo máis xusto para todas.

A Coordinadora Galega de ONGD destaca, no seu Informe sobre o traballo das ONG de Desenvolvemento galegas en 2022, que o 63% das persoas beneficiadas pola cooperación galega son mulleres e que a metade dos proxectos orientaron de xeito directo algunha das súas accións á mellora da calidade de vida das mulleres. Ademais, as ONGD galegas contan cunha alta presenza de mulleres na súa estrutura. As mulleres representan o 62% das persoas socias, o 70% do voluntariado e o 71% do persoal contratado polas ONG de Desenvolvemento galegas. O 64% dos postos de coordinación e dirección técnica das equipas están ocupados, tamén, por mulleres. Así, o informe conclúe que o traballo das ONGD galegas nace do impulso da sororidade entre mulleres diversas para construír un mundo máis xusto para todas.

Outro dos aspectos destacados é o impacto da Covid. Durante o 2020, as ONGD galegas reforzaron a súa actividade en acción humanitaria e axuda de emerxencia, unha liña de acción que no informe anterior, de 2018, ocupaba a décima posición en canto aos esforzos investidos polas organizacións e que no 2020 sube ata a quinta, cun 13% de proxectos orientados a dar resposta ás crises humanitarias. Desenvolvéronse un total de 8 proxectos nesta área, 6 dos cales estiveron directamente orientados a paliar os efectos da COVID-19 en países empobrecidos e beneficiaron a preto de 80.000 persoas. Así mesmo, un dos sectores prioritarios de intervención dos proxectos foi o sector saúde (cun 32% dos proxectos centrados neste eido).

Estes datos amosan a importancia das ONGD na loita contra os problemas globais, como é a pandemia sanitaria, apostando por eliminar as fendas de desigualdade que existen na xestión destas crises entre os países empobrecidos e enriquecidos.

A COOPERACIÓN GALEGA NO MUNDO

A rexión de Centroamérica e o Caribe foi a de maior presenza de proxectos das ONGD galegas: o 75% das organizacións con proxectos no exterior traballaron nestes países, 5 de cada 10 proxectos executáronse nesta rexión, á que se destinou un total de 6,6 millón de euros. A rexión de América do Sur é a segunda de maior peso cun 19% dos fondos, seguíndolle o continente africano (cun 8%) e o asiático (cun 6%). Por último, en 2020 destinouse un 1% do orzamento total á rexión do Medio Oriente.

Esta distribución xeográfica garda unha estreita relación coa experiencia histórica das organizacións galegas en América Latina, contando actualmente cunha importante especialización nesas rexións o que é, sen dúbidas, unha das fortalezas do sector. Esta focalización está influída, de xeito máis xeral, polas orixes da cooperación no conxunto do Estado xa que tradicionalmente comezouse a traballar nese continente debido aos vínculos culturais.

A NATUREZA DOS FONDOS RECIBIDOS

No ano 2020, as ONGD galegas ingresaron un total de 14,3 millóns de euros dos que un 48% procedían de fondos públicos e un 52%, de fondos privados. Non todos eses fondos se adicaron a desenvolver accións de cooperación ao desenvolvemento ou de acción humanitaria en países empobrecidos, senón que tamén se empregaron en proxectos de acción social ou de educación para o cambio social no noso país. De aí a diferencia cos 10,2 millóns de euros analizados polo miúdo no informe.

As ONGD galegas ingresaron, en 2020, un total de 14,3 millóns de euros dos que un 48% procedían de fondos públicos e un 52%, de privados

Polo que respecta aos fondos privados, o informe salienta que o 80% proceden de persoas particulares. Neste sentido, evidencia que as organizacións que posúen unha maior independencia dos fondos públicos son, sobre todo, as grandes entidades con presenza a estatal e internacional que contan cunha base social moi ampla que coas súas achegas supón máis do 80% do orzamento total das entidades. O que amosa, tamén, a importancia dos fondos públicos para o funcionamento e o traballo das ONGD pequenas e medianas. É dicir, aquelas con menos capacidade de poñer en marcha grandes campañas de captación de fondos ou de persoas socias.

Polo que respecta aos fondos públicos, percíbese un incremento notable do peso da Xunta de Galicia (3 de cada 4 euros recadados polas ONGD a través de administracións públicas procedía do goberno autonómico galego), aínda que dende a CGONGD subliñan que esta recuperación da axuda oficial ao desenvolvemento da administración galega é inferior ao ritmo de crecemento medio do resto de comunidades autónomas. En 2021, a Xunta de Galicia destinou o 0,06% do seu orzamento total consolidado á axuda oficial ao desenvolvemento, fronte ao 0,12% da media autonómica.

A administración xeral do Estado tamén incrementou notablemente a súa achega no período analizado, mentres que as administracións locais galegas mantiveron unha tendencia ao estancamento que o informe matiza, indicando que, se ben a política pública local de cooperación ao desenvolvemento que desenvolven os entes locais galegos é débil, especialmente ao comparala coa doutros territorios do Estado, dende hai uns anos percíbese que algunhas administracións locais están traballando para mudar esta situación. É o caso, por exemplo, do Concello de Lugo, da Deputación da Coruña, do propio Fondo Galego de Cooperación e, máis recentemente, do Concello de Vigo ou da Deputación de Pontevedra.

AS ENTIDADES GALEGAS

A Coordinadora Galega de ONGD é unha plataforma plural e heteroxénea que cumpriu en 2021 tres décadas de traballo en prol dun mundo máis xusto. Das 45 entidades que actualmente forman parte da plataforma, a metade naceron en Galicia e están asentadas, principalmente, no noso país. Sen embargo, tamén hai ONGD con delegacións en moitas comunidades do Estado e organizacións internacionais con sedes en moitos outros países.

En 2021, as ONGD analizadas contaban con 51 sedes repartidas polo conxunto do territorio galego. Ao igual que acontece coa poboación de Galicia, o Eixo Atlántico concentra a maioría das sedes co 86% delas situadas nas provincias de A Coruña e Pontevedra (e o 78% delas nas cidades de Compostela, A Coruña, Vigo e Pontevedra).

O LABOR DAS MULLERES NA COOPERACIÓN GALEGA

O informe abunda no trascendental papel que desenvolven as mulleres na cooperación internacional galega. Pódese falar dun sector altamente feminizado en todos os ámbitos, agás nos cargos de máxima representación nas directivas das ONGD, eido no que ao longo dos últimos anos aumentou un 10% o número de mulleres, situándose actualmente no 54%, aínda lonxe das porcentaxes de participación como socias, voluntarias ou persoal contratado. Unha fenda de xénero que o propio informe insta a reverter.

En relación con isto, o informe subliña que as diferenzas entre mulleres e homes en canto ás condicións laborais son lixeiramente máis favorables para elas, sendo maior a porcentaxe de mulleres con contratos indefinidos e con xornadas completas. Con todo, a temporalidade e a parcialidade no sector son elevadas, o que podería provocar certas dificultades para exercer unha carreira profesional a longo prazo. A mellora das condicións laborais nas ONGD é un tema que precisa de atención no curto e medio prazo, conclúe o informe, instando o sector a traballar internamente na procura de solucións que permitan desenvolver carreiras profesionais de longo percorrido.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: