As ventas de Comercio Xusto no Estado español crecen un 53% o último ano

Cada habitante gastou 1’67 euros nestes produtos mentres que a media europea foi de 15’1 euros

A facturación obtida polos produtos de Comercio Xusto no Estado español en 2018 foi de 77’8 millóns de euros, o que supón un destacado crecemento do 53 % respecto ao ano anterior. Este é o principal dato do informe El Comercio Justo en España 2018 elaborado pola Coordinadora Estatal de Comercio Justo. Este aumento débese á incorporación de produtos de diferentes empresas á rede de Comercio Xusto coa certificación Fairtrade. “As cifras constatan que o Comercio Xusto vai gañando presenza”, afirmou Alberto Abad, membro da Xunta Directiva da Coordinadora Estatal de Comercio Xusto. O aumento das vendas rexistrado no último ano veu da man de empresas que se suman a esta rede desenvolvendo os seus produtos baixo o selo de Comercio Xusto Fairtrade.

A alimentación segue sendo a gran protagonista do Comercio Xusto, cun 95 % das vendas. No último ano, o incremento máis significativo produciuse no cacao e produtos derivados, o que situou o grupo de “azucre e doces” como o preferido polo público, xerando un 63’5 % da facturación. O café, produto emblemático do Comercio Xusto, aínda que aumentou as súas vendas no último exercicio, perde peso porcentual no sector (do 37 % en 2017, ao 25 % en 2018).

Dentro da alimentación de Comercio Xusto, como novidade en 2018 incorporouse produto fresco (froita). E entrou con forza, xerando no seu primeiro ano o 1’3 % das vendas do sector.
Doutra banda, entre os artigos de Comercio Xusto que non son de alimentación, este ano destaca o importante crecemento do téxtil, cuxa facturación superou o millón de euros. Isto débese á iniciativa de empresas convencionais que empezaron a elaborar artigos con algodón certificado de Comercio Xusto e que propiciou que o grupo de artesanía e téxtiles manteña a súa porcentaxe relativa no sector nun 3’9 %. Por último, os artigos de cosmética e hixiene mantéñense nun 1’1 % das vendas.

En canto á distribución, os supermercados sitúanse como os principais espazos de consumo de Comercio Xusto, xerando o 66’5 % das vendas. Así, no último ano, aumentan a distancia respecto ao chamado sector “HORECA” (hostalería, cátering e restauración), que rexistra o 19’8 % do mercado. En terceiro lugar quedan os establecementos comerciantes polo miúdo, con apenas un 12 % das vendas (11’8 %). Dentro deste grupo, atópanse as tendas especializadas de Comercio Xusto, que non só perden 4 puntos porcentuais senón que tamén ven diminuída a súa facturación. As 75 tendas de Comercio Xusto xestionadas por organizacións membro da CECJ xeraron só o 6’2 % das vendas. Neste sentido, Mónica Gómez, vicepresidenta da CECJ explicou que  “a importancia das tendas de Comercio Xusto non debe medirse unicamente en termos económicos. Son espazos esenciais para o noso movemento xa que permiten a relación directa co público consumidor e o desenvolvemento de iniciativas de concienciación e mobilización social”. Pola súa banda, os outros establecementos comerciantes polo miúdo, como herbolarios ou tendas de produtos ecolóxicos, tamén perden cota de mercado pero de maneira menos acusada.

Pese ao aumento global das vendas, o consumo de Comercio Xusto no Estado español é dez veces menor que en Europa: en 2018, cada habitante gastou 1’67 euros nestes produtos mentres que a media europea foi de 15’1 euros. O país europeo onde o Comercio Xusto está máis presente é Suíza, cun gasto medio por persoa e ano de máis de 80 euros.

 

Fonte: Coordinadora Estatal de Comercio Justo