En 2017, as ONGD galegas contribuíron a mellorar as condicións de vida de 108.525 persoas, a maioría delas mulleres, en 23 países de América Latina, África e Asia. Impulsaron 68 proxectos cun custe total de 6,1 millóns de euros que tiñan por obxectivo garantir dereitos básicos como a educación, a saúde e a agua potable así coma fortalecer a defensa dos dereitos humanos nas comunidades. Centroamérica e o Caribe foi a zona xeográfica con máis iniciativas en marcha.
Estes son algúns dos principais datos que se extraen do Informe 2018 da Coordinadora Galega de ONGD. O traballo das ONGD galegas no mundo que achega por primeira vez información sobre o traballo das organizacións galegas nos países empobrecidos, a súa base social e os fondos recibidos.
Onde traballamos
Guatemala é o país con máis presencia de ONGD galegas, un territorio cunha crise social e política cronificada no que as organizacións galegas traballan dende hai anos. En 2017, leváronse a cabo 11 proxectos cun custe de 1,4 millóns de euros que contribuíron a mellorar a vida de 32.000 persoas. Na lista de países con máis fondos executados en proxectos de cooperación, detrás de Guatemala está O Salvador, Nicaragua, Perú e Honduras.
África é o segundo continente onde máis traballan as ONGD galegas co 24 % dos proxectos executados e o 16 % do orzamento total (972.000 euros). Estiveron presentes en 11 países entre os cales Guinea Bissau, Burkina Faso e República Democrática do Congo. Neste enlace>>> un mapa ofrece información dos 68 proxectos executados en 2017 polas ONGD galegas e información sobre as súas sedes e estruturas. Foi elaborador por Emapic, un servizo web de xeolocalización de información desenvolvido polo laboratorio cartoLab da Escola de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.
Quen somos
A Coordinadora Galega de ONGD está formada por 46 ONG de Desenvolvemento que traballan en cooperación internacional, acción humanitaria e educación para o desenvolvemento e a cidadanía global. En total, as organizacións que participaron no informe contan con 50 sedes repartidas polo territorio galego, a maioría (82 %) nas provincias da Coruña e Pontevedra. O 62 % das ONGD son asociacións e o 38 %, fundacións.
O apoio cidadá é fundamental para o traballo das organizacións de cooperación internacional. Hoxe, en Galicia, máis de 23.000 persoas colaboran de forma directa coas ONGD. Ata 21.422 son persoas socias que pagan unha cota económica: o 60 % (12.849) son mulleres. O reparto da base social entre as organizacións é desigual. A media é de 620 persoas por entidade pero, ao analizar por tramos, compróbase que máis do 50 % das ONGD ten menos de 100 persoas socias e, ata un 15 %, máis de 1.000.
Por outra banda, 1.628 persoas participan como voluntarias no día a día das organizacións analizadas no informe. Un 68 % son mulleres e o perfil máis habitual son mozas de entre 25 e 34 anos seguido das mulleres de máis de 55 anos. No caso dos homes, o perfil maioritario é de 55 anos en adiante. A maioría das ONGD (58 %) contan con 25 persoas, ou menos, nos seus equipos de voluntariado.
Actualmente, 105 persoas traballan nas ONGD que participaron no informe. De novo, as mulleres son as que teñen unha maior presencia nos postos remunerados: un 72 % fronte ao 28 % de homes. Tres de cada catro ONGD contan con persoal contratado en Galicia, un feito que se debe á progresiva profesionalización do sector e á necesidade de apostar por perfís especializados para a execución das liñas de traballo. As condicións laborais dos homes e das mulleres son parecidas: predominan os contratos temporais (54 % das mulleres; 52 % dos homes) e as xornadas parciais son maioría (55 % das mulleres; 59 % dos homes).
As mulleres nas ONGD
As mulleres constitúen o 70 % das persoas que viven en situación de extrema pobreza no mundo. Malia que realizan dúas terceiras partes do traballo a nivel mundial, só reciben o 10 % dos ingresos. Unha de cada tres mulleres ten sufrido violencia física, sexual ou psicolóxica. E 800 morren cada día por causas previsibles relacionadas co parto e o embarazo. Neste contexto global de desigualdades, violencias e pobreza traballan as ONGD galegas xunto a colectivos feministas, asociacións de mulleres e organizacións sociais dos países empobrecidos co obxectivo de contribuír a garantir o cumprimento dos dereitos humanos e de promover sociedades xustas e igualitarias. O 64 % das persoas destinatarias dos proxectos de cooperación internacional das ONGD galegas en 2017 foron mulleres.
Hoxe, as mulleres seguen a ter menos oportunidades que os homes para participar na vida pública e política e están infrarrepresentadas nos espazos e postos de toma de decisións. Ao poñer o foco nas ONGD galegas, compróbase que as mulleres son imprescindibles para o funcionamento das organizacións e representan a meirande parte das persoas socias (60 %), voluntarias (68 %) e traballadoras (72 %). Aínda así, a gran feminización do sector -un feito que pode relacionarse cos roles reprodutivos e de coidados asumidos tradicionalmente polas mulleres- non se ve reflectida nos postos de dirección: só a metade das presidencias e postos de máxima representación están ocupados por mulleres, unha proporción maior que noutros sectores pero que está por debaixo do peso real que elas teñen nas ONGD. Este dato exemplifica o “teito de cristal” polo que as mulleres teñen máis obstáculos (invisibles) que os homes para acceder a postos de maior responsabilidade. E pon de relevo a necesidade de contar con instrumentos coma a ferramenta de transparencia e bo goberno da Coordinadora Galega de ONGD que incorpora medidas de acción positiva para corrixir este tipo de desigualdades. Unha delas é a que establece que a proporción de mulleres nos órganos de goberno das entidades debe ser “igual ou superior ao 40 %”.
Dende a Coordinadora Galega de ONGD sumámonos á folga feminista do 8M. Tamén, ao chamado para que todas as mulleres se unan á folga e quede claro canto e como de imprescindibles somos as mulleres en todos os ámbitos da vida
Fondos recibidos
A evolución dos ingresos das ONGD veu marcada dende 2010 polos recortes nos orzamentos de Axuda Oficial ao Desenvolvemento das administracións públicas e, en menor medida, polos efectos da crise económica nas doazóns das persoas particulares. Actualmente, o groso dos fondos que manexan as ONGD galegas depende máis da vontade individual da cidadanía galega que da vontade política das administracións públicas.
En 2016 as ONGD galegas ingresaron 10,7 millóns de euros, dos cales un 64 % proveu de fondos privados e un 36 % de financiamento público, unha tendencia no reparto que se repite a nivel estatal. Ao analizar a distribución destes fondos entre as organizacións destaca que máis da metade das ONGD participantes no informe dependeron maioritariamente de ingresos procedentes de particulares para poder desenvolver o seu traballo fronte ao 43 % que xestionou, principalmente, fondos procedentes das administracións públicas.
Outro dato salientable: os fondos públicos recadados en 2016 polas ONGD galegas repartíronse de xeito máis igualitario que os fondos privados. As entidades con capacidade de ingresar grandes cantidades de diñeiro procedentes de mans particulares foron poucas: só un 20 % recadou máis de 100.000 euros de fondos privados. En cambio, practicamente a metade das ONGD (47 %) ingresou máis de 100.000 euros a través de fondos públicos.