O 19 de outubro celebramos, no marco do programa Somos Ponte -que desenvolvemos en colaboración coa Deputación de Pontevedra- unha xornada de encontro de mulleres do mar e da terra de Pontevedra e o Sur Global, cunha ampla asistencia que sumou a mariscadoras, labregas, artistas e promotoras culturais, profesionais e voluntariado do terceiro sector e docentes e alumnado de dous centros da provincia.
Como centro da xornada, elas: a mariscadora, mariñeira e defensora ambiental Antonia Mejía (Honduras), a agricultora e conservadora de sementes autóctonas, ademais de parteira e lideresa comunitaria Dilma Cruz (Honduras) e a produtora agrícola e pecuaria Elida Súchite (Guatemala), que ademais é coordinadora do grupo de mulleres da Caixa de Aforro e o Banco Comunitario de Sementes da súa comunidade.
Canda elas, Hadee Méndez (Guatemala), responsable do seguemento técnico dos proxectos da asociación para a defensa do hábitat MejorHa, e a defensora de dereitos humanos Haydée Castillo (Nicaragua).
Aquí podes ver o vídeo resumo da xornada!
Nun primeiro escoitadoiro, Antonia, Dilma e Élida falaron da súa vida cotián, no mar e no campo. De como a súa aposta polas técnicas e os cultivos tradicionais e respectuosos coa súa contorna se convertiron nunha maneira sostible de garantir o sustento das súas familias, pero tamén de sumar ao benestar comunitario a través de pequenos emprendementos, comercio e intercambios solidarios.
As tres explicaron que foi precisamente o apoio da cooperación galega o que lles permitiu formarse e fortalecerse, como mulleres e como lideresas. As tres, cada unha no seu ámbito, teñen adquirido a responsabilidade de tecer rede para as que xa son e para as que veñen despois. Unha rede comunitaria que sostén o futuro, pero tamén o coidado de todas elas.
En palabras de Antonia, “sen comunidade eu non sería nada. Eu sola non podo, pero moitas xuntas podemos. Eu sola, se me atacan, non teño defensa, pero xuntas si. A comunidade é o noso escudo”.
Falamos de dereitos e defensoras
Con Hadee Méndez achegámonos ao dereito ao hábitat, entendido dun xeito que vai moito máis alá do dereito a unha vivenda digna e que abrangue cuestións como o acceso á educación e a á saúde, o fortalecemento comunicario, o liderado das mulleres e o desenvolvemento sostible. Dereitos a defender e a pelexar moitas veces e nos que pon o foco a Asociación MejorHa, acompañando ás comunidades neses procesos nas que son sempre as protagonistas.
Pola súa parta, Haydée Castillo, histórica defensora de dereitos nicaraguana, compartiu coas máis de oitenta persoas que participaron no encontro as súas orixes como activista xuvenil e como foi o proceso para ser defensora de dereitos humanos, así como as consecuencias que este labor tivo e ten na súa vida.
Novas xeracións de activistas e arte para facer comunidade
O seu relato impactou especialmente na rapaza do Instituto Plurilingüe de Valga e do IES Luís Seoane, que asistiron a parte da xornada e participaron nela compartindo os proxectos que os fixeron merecedores da cuarta e terceira edición respectivamente do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global.
Mocidade e profesorado comprometido cun mundo máis xusto e sostible para todas que tivo non só a oportunidade de dispoñer dun espazo para compartir o seu traballo, senón que recibiron o contraste (e os parabéns) de Antonia, Hadee, Dilma, Élida e Haydée.
O encontro completouse cunha regueifa comunitaria, liderada por Raquel Doallo (aopaso) na que moitas das ideas desevoltas nas conversas previas se transformaron en coplas.
E coa proposta de danza contemporánea A Beira, liderada polas coreógrafas Eva Comesaña e Alejandra Balboa.
E coa que, a través da experimentación e a expresión corporal, acabou de tecerse unha comunidade efémera, pero chea de aprendizaxes, conexión e coidado colectivo e capaz de deixar en cada persoa sementes de futuro. Deica o vindeiro Somos Ponte! 🌱

