O pasado mes de xuño, na gala da cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global, houbo un agasallo que quedou provisionalmente sen dar.
Tratábase do premio para o profesorado responsable dos proxectos galardoados: unha viaxe a Guatemala para coñecer distintas experiencias de cooperación ao desenvolvemento que lideran diversos colectivos e comunidades co apoio de ONGD galegas.
Había que agardar o momento idóneo para organizar a expedición e, finalmente, a mediados de agosto, ese momento chegou.
Nesta viaxe -que o Premio ofrece por segunda vez ao profesorado gañador- participan Verónica, unha das profesoras responsables do proxecto “Non sempre se nace onde se pace”, desenvolto conxuntamente polos colexios públicos A Canosa-Rus, de Coristanco, e Xesús Luis Romero, de Carballo; Dolores e Alberto (responsables do proxecto do IES Plurilingüe de Valga “Cultivando conciencias, colleitando futuros) e Irene e Javier, do proxecto “Talentos Inclusivos” do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña.
De Galicia a Santa María Cauqué
A expedición da cuarta edición do Premio -que viaxa acompañada de Laura, compañeira de Solidariedade Internacional de Galicia- saiu cara Guatemala na madrugada do 17 de agosto.
A primeira parada trala chegada foi Casa Kan de Mujeres Kaqla: un espazo no que este colectivo de mulleres maias desenvolvedende hai trinta anos diversos proxectos de sanación de mulleres sobrevivintes de violencias, autocoidado de defensoras e defensores de dereitos humanos e campañas relacionadas coa prevención de abusos na infancia.
… e de Casa Kan a Jocotá
A seguinte parada da viaxe levou a expedición ata Jocotán, cunha parada previa en Camotán.
Xa no destino, a Asociación para el Mejoramiento Habitacional de Guatemala (MejorHa) ofreceulles unha intensísima xornada, primeiro explicando e compartindo o seu traballo nesta zona montañosa de Guatemala para,a continuación, acompañar aos nosos docentes nun percorrido pola escola primeira da comunidade Ojo de Agua Escondida, o horto escolar de Potrerito, as experiencias de traballo para a mellora das condicións de vida en Talquetzalito e os proxectos de Candelero.
A viaxe do profesorado gañador da cuarta edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global remata o 25 de agosto.
Este diario vaise escribindo dende Galicia aos pouquiños, na medida que imos recibindo noticias súas…
Por que as viaxes do Premio son a Guatemala?
Guatemala é un dos países máis diversos do mundo. Con 25 etnias -22 de orixe maia- e outros tantos idiomas, é tamén un dos países máis poboados de Centroamérica e coas maiores porcentaxes de poboación orixinaria. Pero é tamén un país no que non están garantidos os dereitos fundamentais de boa parte das persoas. Neste contexto, a poboación indíxena é especialmente vulnerable e, dentro dela, o son aínda máis as mulleres e os menores.
A cooperación galega apoia dende hai moitos anos o traballo de organizacións e comunidades locais e ten con elas un vínculo forte e sostido no tempo. De aí que sexa un lugar idóneo para esta viaxe

