O Pleno do Concello da Coruña condena a represión en Nicaragua

Imaxe do Pleno do Concello de A Coruña do 10 de decembro.

Onte, 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos, o Pleno do Concello da Coruña aprobou unha moción de condena á represión que está a exercer o goberno de Nicaragua contra a súa poboación e, en especial, contra as persoas defensoras de dereitos humanos. A moción foi aprobada cos votos a favor de Marea Atlántica, o PSOE e o PP e a abstención do BNG.

O texto da moción foi proposto pola Coordinadora Galega de ONGD, quen estivo traballando xunto ás organizacións da cidade de Coruña con presencia en Nicaragua e persoas nicaraguanas autoconvocadas que residen na cidade. O Pleno deu luz verde a unha moción que solicita ao goberno de Nicaragua que responda ás recomendacións feitas pola Comisión Interamericana de Dereitos Humanos (CIDH) e o Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (ACNUDH) que instan ao cesamento inmediato da violencia contra a poboación civil. Tamén insta ao goberno español “a incidir nos organismos internacionais para que se free a escalada de violencia, se investiguen os feitos acontecidos e se depuren responsabilidades con ánimo de restablecer a democracia no país, de forma transparente, duradeira e con garantías”, así como a “estudar formas de atención que integren unha política local de acollida para os e as nicaraguanas que chegan ao noso municipio”.

Segundo datos da Asociación Nicaraguana pro Dereitos Humanos, ata o 20 de outubro de 2018 contabilizáronse 528 mortes, 4.102 persoas feridas de diversa gravidade e 1.609 persoas “secuestradas por grupos armados non autorizados pola lei para executar ordes de captura”. As solicitudes de asilo a países veciños (especialmente Costa Rica onde se contabiliza a chegada de máis de 25.000 persoas nicaraguanas desde que comezou o conflito) multiplicáronse de forma exponencial, perdéronse polo menos 347.000 postos de traballo entre os que se atopan os máis de 135 médicos que foron despedidos de forma ilegal e arbitraria, segundo a Asociación Médica Nicaraguana.

Na moción, o Concello de A Coruña condena a violencia e a represión que se exercen sobre a cidadanía e expresa a súa profunda preocupación ante a vulneración dos dereitos humanos en Nicaragua, principalmente o dereito á vida e a libre expresión. E para iso solicita ao goberno de Nicaragua que responda as recomendacións feitas pola CIDH e o ACNUDH, entre os cales se atopan:

● O cesamento inmediato da violencia contra a poboación civil.
● O fin da fustrigación, a intimidación, a criminalización e calquera outro tipo de represalia contra as persoas que exercen o seu dereito de protesta.
● Garantir á poboación nicaraguana o dereito de manifestación, liberdade de expresión, liberdade de prensa e garantías de reunión pacífica e participación política no país.
● Asegurar que se leven a cabo investigacións independentes, imparciais, efectivas, exhaustivas e transparentes en relación coas denuncias de violacións aos dereitos humanos e abusos que ocorreron desde o 18 de abril de 2018.
● Renovar o Diálogo Nacional de maneira inclusiva para alcanzar acordos baseados na democratización do país.

E acorda:
● Instar o Goberno español a incidir nos organismos internacionais para que se free a escalada de violencia, investíguense os feitos acontecidos e depúrense responsabilidades con ánimo de restablecer a democracia no país, de forma transparente, duradeira e con garantías.
● Instar o Goberno de Nicaragua, a través da súa Embaixada, a tomar medidas de forma inmediata para frear rotundamente a violencia e garantir o respecto cara aos dereitos humanos, especialmente, a desarticulación dos grupos parapoliciais, a protección dos dereitos fundamentais das persoas ameazadas e a colaboración coa comunidade internacional para investigar os feitos acontecidos.
● Estudar formas de atención que integren unha política local de acollida as persoas nicaraguanas que chegan ao noso municipio.