Solidariedade coa resistencia da sociedade civil nicaraguana no 3º aniversario da crise política e social

O goberno de Ortega continúa coa súa estratexia represiva contra activistas e persoas defensoras de dereitos humanos; maltratando a dignidade do seu pobo a través da instauración dun Estado policial.

Segundo datos de Human Rights Watch, a crise de 2018 en Nicaragua provocou máis de 300 mortes e 2.000 persoas feridas, ademais de 1.614 persoas privadas de liberdade de forma arbitraria. Actualmente, aínda hai 126 persoas presas políticas en condicións inhumanas e sometidas a torturas físicas e psicolóxicas; máis de 100.000 persoas exiliáronse ao longo destes anos por mor da persecución e as violacións de dereitos humanos reportadas no país -87.000 delas atópanse en Costa Rica.

Co obxectivo de informar e tecer unha rede de solidariedade internacional con Nicaragua, un grupo de estudante e activistas do país centroamericano organizaron unha Caravana Informativa de Solidariedade Internacional con Nicaragua que percorreu Europa e parou en Galicia.

Por outra  banda, diferentes organizacións sociais, defensoras de dereitos humanos e xornalistas seguen sendo perseguidas e hostigadas. O Goberno cancelou os seus rexistros legais, incautou os seus bens, ilegalizou organizacións e destruíu as súas instalacións.

Impunidade

No último trimestre de 2020, o réxime de Daniel Ortega aprobou un paquete de leis para perseguir ás organizacións de sociedade civil; estas medidas puxeron en perigo o exercicio de dereitos humanos a participación, a asociación e a liberdade de expresión.

Estas medidas únense a outras previamente aprobadas como a Lei de amnistía que pretende deixar impune as actuacións da policía e os paramilitares -que foron sinalados pola Comisión Interamericana de Dereitos Humanos como responsables de crimes de lesa humanidade, con centos de mortes e lesións desde o inicio das protestas en abril de 2018-. Esta situación creou un escenario onde goberna a impunidade e un marco xurídico que dá legalidade ás diferentes formas de represión que aplicaron desde hai anos.

Unha das leis con maior repercusión no ámbito das organizacións sociais é a Lei de Regulación de Axentes Estranxeiros. Esta lei foi cualificada polo Parlamento Europeo e a Oficina da Alto Comisionada das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos como inconstitucional, contraria aos convenios de Dereitos Humanos e instrumento represor para silenciar non só a quen critica ao réxime, senón tamén a calquera persoa ou organización que reciba financiamento estranxeiro.

Isto provocou a criminalización das ONG tanto nacionais como internacionais. Esta lei establece multas, sancións e mesmo a intervención de bens e activos das persoas; ademais, permite a cancelación da personalidade xurídica ás ONG se o Goberno considera que estas interveñen en «cuestións, actividades ou temas de política interna».

A lei, que entrou en vigor o 19 de outubro de 2020, está a provocar a asfixia burocrática das organizacións, a implementación de taxas ilegais, requirimentos imposibles para organizacións locais pequenas e unha fiscalización ilegal. Esta situación supón, entre outras consecuencias, a morte civil de moitas organizacións que traballan con fondos de cooperación internacional.

Algunhas organizacións decidiron non realizar a inscrición no novo rexistro establecido polo Ministerio de Gobernación porque supoñería autoincriminarse, porque pon en risco as vidas do seu persoal e da poboación participante das súas accións, e porque é unha lei inconstitucional sobre a cal máis de 60 organizacións presentaron recursos de amparo que aínda non foron resoltos.

A este contexto engádese que 2021 é un ano electoral e, ata a data, Daniel Ortega non cumpriu nin deu ningún dos pasos para asegurar que as eleccións se realizarán de maneira, libre, xusta e transparente. Máis ben todo o contrario, como reflicte a proposta de reformas electorais, onde se inclúen as medidas represivas que establecen as leis recentemente aprobadas. Tampouco cesou a represión e mantén intactas todas as súas forzas parapoliciales.

Pola defensa e garantía dos dereitos humanos en Nicaragua

Ante esta situación, a Coordinadora Galega de ONGD solidarízase co pobo nicaraguano na procura de memoria, xustiza e liberdade e instamos os organismos internacionais, á Unión Europea e ao Goberno de España a que velen polo cumprimento dos dereitos humanos en Nicaragua.

Ademais, non poden ser recoñecidas unhas eleccións sen garantías nun contexto onde seguen existindo persoas presas políticas; persoas exiliadas ás que non se pode garantir un retorno seguro; persecución e fustrigación a calquera organización ou persoa crítica ao Goberno; onde se violan os dereitos de asociación, participación política e liberdade de expresión; e onde segue reinando a impunidade dun goberno acusado de crimes de lesa humanidade.

Fonte: Coordinadora de ONGD – España