Transformar o mundo dende as aulas

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero gañan a primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e o CPI Plurilingüe Virxe da Cela de Monfero foron hoxe os protagonistas dos actos de entrega do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global, un galardón impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD que naceu en 2020 para recoñecer experiencias educativas que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.

Ás 10:30 horas da mañá, o pavillón deportivo do CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos centros escolares máis grandes de Galicia, acollía a recepción do acto. Representantes do alumnado de Educación Infantil e Primaria, así como do profesorado, recolleron os diplomas que acreditaban que a iniciativa ‘Aprendendo a convivir’ foi a gañadora na categoría A (Infantil e Primaria) deste ano.

Premio galego de Educación para a Cidadanía Global
Acto de entrega do Premio no CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo

 

A directora do centro, Patricia Galán, recolleu o trofeo conmemorativo. “A recepción deste Premio supón a posta en valor dun esforzo, non sempre visible, para acadar unha escola solidaria e sensible co relativo á igualdade, á mellora da convivencia e ao coidado do medio ambiente”, afirmou.

Ás 13:30 horas tivo lugar o acto de entrega da trofeo á iniciativa gañadora da categoría B (Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas) no CPI Virxe da Cela de Monfero. Ademais do alumnado de secundaria, no acto participou o alcalde do Concello, Andrés Feal, o presidente da Asociación de Nais e Pais (ANPA), Jorge Pensa, así como representantes do profesorado.

Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global
Acto de entrega do Premio no CPI Virxe da Cela de Monfero

 

Verónica Dopico, coordinadora de ‘Monferosolidario’, a iniciativa gañadora, xunto a Yolanda castro, afirmou que “o Premio visibiliza o traballo que fixemos dende este centro do rural e supón unha reafirmación na nosa idea inicial: a posibilidade de abrir a escola cara á transformación social desde a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. E estamos moi orgullosas.”

Pola súa banda, a portavoz do equipo organizador do Premio, María Paz, lembrou que este galardón “é o recoñecemento que facemos as 46 ONGD galegas que formamos parte da Coordinadora Galega de ONGD, entidades que representamos a máis de 23.000 galegos e galegas e que traballamos para acadar a xustiza social a nivel global.”

Primeira edición do Premio

En outubro de 2020 convocouse a primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global. Presentáronse 19 candidaturas divididas en dúas categorías: 7 correspondentes á categoría A e 12 á categoría B.

O 1 de febreiro, o xurado do Premio, formado por seis persoas vinculadas ás ONGD, á cooperación internacional ao desenvolvemento e ao mundo educativo, fixo públicas as candidaturas gañadoras. Nela, resaltaron o esforzo do profesorado e dos centros educativos que se presentaron a esta primeira edición no actual contexto de crise sanitaria que afectou ao normal funcionamento das aulas.

As experiencias de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global caracterízanse por promover que o alumnado se responsabilice e participe na construción colectiva dunha sociedade solidaria e comprometida coa xustiza social global. “Estamos moi satisfeitas coa acollida que tivo o Premio nesta primeira edición e co potencial e valor das propostas presentadas por 19 centros educativos de Galicia que traballan para transformar o mundo dende as aulas”, informou Paz.

Aprendendo a convivir

O CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo é un dos centros escolares máis grandes de Galicia. Actualmente conta con 1.115 alumnas e alumnos e cun equipo docente formado por 85 persoas. A iniciativa ‘Aprendendo a convivir’ naceu en 2014 cando o centro entrou a formar parte da Rede de escolas asociadas á UNESCO e dende entón foi collendo forza. Está implicada toda a comunidade educativa: o claustro, o alumnado e as familias.

Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global
Imaxe do acto de entrega xunto ás participantes de ‘Aprendendo a convivir’

O proxecto de centro aborda cuestións coma a emerxencia climática, a igualdade de xénero e a cultura da paz. E ao longo do curso prográmanse actividades en colaboración con colectivos e institucións da contorna como a residencia para persoas maiores, o Hospital Materno Infantil da Coruña, a ONG Mestura ou o Centro de Información á Muller (CIM) de Arteixo. Tamén, con organizacións internacionais como Teachers for Future, o Instituto Jane Goodall e Amnistía Internacional, colaboracións que achegan unha mirada global sobre as problemáticas do mundo, as súas posibles solucións e unha implicación colectiva dende o local.

No seu blog atópase informacións das distintas actividades levadas a cabo.

Monferosolidario

En setembro de 2009 o CPI Virxe da Cela recibía de mans do Ministerio de Asuntos Exteriores e de Cooperación o I Premio Nacional de Educación para el Desarrollo Vicente Ferrer. Foi un dos 15 centros galardoados nesa primeira edición e en 2021, doce anos despois e logo de moito traballo, gañaron a primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global.

Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global
María Paz, representante da Coordinadora, entrega o premio a Yolanda Castro, unha das coordinadoras de Monferosolidario

Neste tempo o proxecto medrou, agora abarca todos os niveis educativos (Infantil, Primaria e Secundaria) e converteuse nun sinal de identidade do centro e da súa comunidade educativa. “En 2009 creamos a semente de ‘Monferosolidario’ e hoxe é unha filosofía de vida: día a día traballamos en equipo, reflexionamos sobre as problemáticas do mundo e intentamos achegar solucións”, conclúe e Dopico.

No blog do centro recóllense as distintas accións e actividades no marco do proxecto.

Histórico do Premio

O 15 de outubro de 2020 a Coordinadora Galega de ONGD fixo públicas as bases>>> da primeira edición do Premio. Os centros educativos interesados puideron presentar as súas candidaturas ata o 30 de novembro do mesmo ano. O 18 de xaneiro de 2021 fíxose pública a resolución provisional e 1 de febreiro publicouse sen modificacións a resolución definitiva.