Aberta a I edición do Premio Galego de Educación para a Cidadanía Global

 

A Coordinadora Galega de ONGD abre a convocatoria da primeira edición do Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global coa vontade de recoñecer experiencias educativas transfromadoras que fomenten unha cidadanía solidaria, crítica e comprometida coa construción dun mundo xusto.


Que é a Educación para a Cidadanía Global?

 

Dende a Coordinadora Galega de ONGD, entendemos a Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global (EpCG) como un proceso socio-educativo orientado a xerar conciencias críticas. Isto pasa por promover que as persoas sexan responsables e activas na construción colectiva dunha sociedade solidaria e comprometida coa erradicación da pobreza e das desigualdades e a favor da xustiza social global.

A EpCG ten por obxectivo, pois, promover unha cidadanía que participe activamente na transformación da sociedade dende o ámbito persoal, comunitario e político.


Quen pode presentarse ao Premio?

 

Nesta primeira edición premiaranse experiencias educativas, proxectos e propostas pedagóxicas realizadas durante os dous últimos cursos escolares: 2019-2020 e 2018-2019.

Poderanse presentar docentes ou equipos de docentes de centros de ensino galegos de titularidade pública, concertada ou privada oficialmente recoñecidos pola Consellería de Educación, dos niveis de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional, Centros de Ensinanza de Réxime Especial e Ensinanzas Artísticas.


Prazo e forma de presentación

 

O prazo de presentación de solicitudes e documentación rematará o 30 de novembro de 2020 ás 23:59 horas. A solicitude deberá presentarse por correo electrónico no enderezo premiogalegoed@galiciasolidaria.org


Bases do Premio

 

A continuación atoparedes as bases do premio e os anexos necesarios para presentar as candidaturas:

Os anexos I e II poderán cubrirse no propio pdf editable ou imprimirse, cubrirse a man e escanearse.

Para calquera dúbida ou información podedes contactar con nós no correo premiogalegoed@galiciasolidaria.org