Artivismo, a creatividade como ferramenta de transformación social

O obradoiro sobre artivismo remata cunha acción de guerrilla da comunicación o Día Mundial da Educación Ambiental

Fonte: IPPDH

Nun mundo saturado de información e estímulos, a creatividade pode ser a nosa aliada para promover a reflexión e transformar a sociedade.

O alumnado da materia de Competencias Dixitais do IES Valle Inclán de Pontevedra participou nun obradoiro centrado no Artivismo como ferramenta de transformación social, impartido polas nosas socias de Agareso, ONGD especializada en comunicación social. A actividade, financiada pola Secretaría de Estado para la Agenda 2030, enmárcase no proxecto Futuro en Común.

O obradoiro comezou en novembro de 2023 e consistiu en tres sesións formativas nas que o alumnado aprendeu técnicas como a de guerrilla de comunicación ao mesmo tempo que se  traballou en valores como a xustiza social, o coidado do medio ambiente e a responsabilidade que como sociedade temos para construír un futuro máis xusto.

O laboratorio de ideas

Con recursos limitados, e moita creatividade, pódense crear accións chamativas con mensaxes de calado e a segunda parte do taller implicaba pasar á acción. Durante varias semanas debían realizar un traballo de investigación, decidir unha causa común que quixesen defender e sobre ela, deseñar unha acción na rúa a partir do aprendido na aula. Así, durante o mes de decembro o grupo foi investigando sobre as problemáticas existentes e as posibles solucións.

Nun principio, a temática elixida foi a protección dos océanos pero durante o proceso de investigación descubriron que nas costas galegas, había 22 anos, tivera lugar unha catástrofe ecolóxica da que escoitaran falar pero que realmente non coñecían. Deste xeito, o Prestige pasou a ser o centro da acción porque “recordar é unha maneira de concienciar para o futuro”. Curiosamente, esta decisión tomouse días antes da vertedura de pellets, o que reforzou o acordo que tomaran de falar sobre os transportes marítimos e os seu impacto nos costas e na vida mariña.

A marea negra, 22 anos depois

O proceso creativo culminou o día 26 de febreiro de 2024, Día Mundial da Educación Ambiental, cunha intervención na coñecida praza pontevedresa de Curros Enríquez.  A fonte de pedra da praza cubriuse cunha gran tea negra que simbolizaba a marea negra do Prestige que asolagou as costas galegas. Mediante un código QR, as e os transeúntes accedían a un documento onde o grupo de estudantes reflexionaba sobre a contaminación mariña e o impacto dos transportes marítimos nas nosas costas e na vida acuática.

Durante a intervención o grupo de estudantes aproveitou para realizar pequenas entrevistas ás persoas que pasaban pola praza e ollaban con curiosidade a fonte cuberta de negro explicándolles por que estaban alí, unha proposta moi ben recibida polos viandantes que, en varias ocasións, os felicitaron polo seu traballo. Tamén foron varios os medios que se achegaron ata a praza para darlle seguimento á acción.

A edición de fotografía, edición de vídeo, creación de códigos QR eran contidos propios da asignatura, que o alumnado puido pór en práctica ao mesmo tempo que se traballou en valores como a xustiza social, o coidado do medio ambiente e a responsabilidade que como sociedade temos para construír un futuro máis xusto.

A experiencia como ferramenta educativa “foi moi positiva” tanto para crear conciencia social sobre a necesidade de protexer o planeta como metodoloxía de traballo, segundo explicou Alba Fuentes, profesora do grupo, que asegurou que a implicación do grupo foi total. 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: