Día Internacional da Asistencia Humanitaria: pouco que celebrar, moito que denunciar

O 19 de agosto de 2003, as instalacións de Nacións Unidas en Baghdad sufriron un ataque; morreron 22 persoas. Un día como ese debe ser lembrado por todo o que significa. Pasaron 16 anos e os ataques ao persoal humanitario aumentaron notablemente; a pesar diso, quen nos dedicamos á asistencia humanitaria continuamos traballando en lugares nos que este tipo de axuda é esencial para garantir a vida de millóns de persoas.

Toby Madden_ Acción contra el Hambre. Sudan do Sur 2017

A mensaxe da Oficina de Acción Humanitaria de Nacións Unidas deste ano focaliza nas mulleres que traballan á fronte das súas comunidades nas zonas máis difíciles do planeta. “As mulleres arriscan as súas propias vidas para salvar a outras persoas. A miúdo son as primeiras en responder e as últimas en marchar (…) os líderes mundiais, así coma os actores estatais, deben garantir que elas, e todo o persoal de asistencia humanitaria, teñen garantida a protección que lles outorga o Dereito Internacional”.

Dende a Coordinadora, como rede que agrupa a ONG que traballan en asistencia humanitaria, sumámonos a este recoñecemento e facemos un chamamento aos actores mundiais e estatais para que asuman as súas responsabilidades e garantan así o Dereito Internacional Humanitario.

A crecente redución do espazo humanitario

Nos últimos anos, a violencia, a inseguridade, as ameazas e as obstrucións deliberadas ao persoal humanitario están a restrinxir notablemente a súa capacidade de actuación. Segundo datos de Aid in Danger, no primeiro semestre deste ano, 55 persoas perderon a vida, 59 resultaron feridas, 4 foron detidas e 118 foron afectadas. O ano pasado 155 persoas foron asasinadas, 171 feridas e 184 detidas. Cabe destacar que a maioría destas persoas son orixinarias dos países nos que se traballa.

Se trazamos liñas derivadas dos últimos anos, podemos concluír que a redución do espazo humanitario é un feito. A persecución de quen salva vidas non se realiza soamente en situacións de conflito ou por parte de grupos armados. Esta persecución prodúcese tamén desde os gobernos. Segundo datos do Aid Worker Security Report de 2018, o 25% dos actos de violencia contra o persoal humanitario é exercido directamente polos Estados. En moitos lugares do mundo prodúcense bloqueos de paquetes de axuda humanitaria nas fronteiras ou a expulsión e detención arbitraria de profesionais.

A lexislación internacional en materia humanitaria está a incumprirse en moitos lugares do mundo, tamén en Europa. Gobernos, como o italiano ou o español, ameazan ás ONG que salvan vidas no Mediterráneo co cárcere ou multas de máis de 900.000 euros. Nestes momentos, máis de 500 persoas –incluídos nenos e nenas– vítimas de conflitos e situacións extremas, navegan no Mediterráneo sen que ningún país europeo lles ofreza un porto seguro. Esiximos responsabilidades políticas para que esta situación se resolva canto antes.

Responsabilidades políticas internacionais, europeas e nacionais

A gravidade destes datos afecta as persoas directamente alcanzadas por estes ataques, pero tamén ás comunidades nas que traballamos; moitas delas, en situacións extremas nas que a asistencia humanitaria é imprescindible para salvar vidas. Esiximos que a comunidade internacional asegure o cumprimento do Dereito Internacional Humanitario; que Europa contribúa a iso e ademais garanta a atención humanitaria a quen busca refuxio fuxindo de conflitos e situacións de pobreza extrema.

Chamamos ao goberno estatal en funcións que asuma as súas responsbailidades, lidere a protección da asistencia humanitaria en Europa e concrete en medidas reais o seu suposto compromiso coas leis internacionais en materia de axuda humanitaria.

Pola nosa banda, seguiremos ofrecendo asistencia humanitaria alá onde sexa necesaria. Traballaremos man a man cos compañeiros e compañeiras orixinarias dos países nos que estamos presentes. Seguiremos esixindo que os gobernos cumpran as súas responsabilidades e garantan a asistencia humanitaria a millóns de persoas en todo o mundo.

Fonte: Coordinadora ONGD – España