Cal é o compromiso dos partidos galegos coa solidariedade internacional?

A crise da COVID lembrounos que vivimos nun mundo interconectado: para frear a expansión do virus ningún país pode afrontar só o desafío nin ser esquecido. As consecuencias da pandemia están a ser especialmente graves para as persoas en situación de maior vulnerabilidade. E nos países empobrecidos, o impacto pode chegar a ser catastrófico.

As ONGD galegas defendemos que para garantir a xustiza social global tamén debe  recoñecerse a corresponsabilidade que os países e as sociedades temos entre nós. Neste sentido, e coincidindo coas eleccións ao Parlamento de Galicia, publicamos un documento no que recollemos 12 propostas para unha política de cooperación feminista, ecoloxista e que defende os dereitos humanos. Estas demandas foron presentadas aos principais partidos. E a continuación expoñemos como as recollen nos seus programas electorais.

 

Compromiso das forzas políticas coa cooperación ao desenvolvemento

 

 

Bloque Nacionalista Galego (BNG)

O programa do BNG recolle propostas pouco desenvolvidas en materia de cooperación a excepción do compromiso orzamentario, aliñado coas demandas da Coordinadora: “aumento progresivo das contías destinadas a cooperación ao desenvolvemento, co obxectivo inmediato de superar nesta lexislatura 0,2%, sen perder a perspectiva de chegar ao 0,7%.”

No apartado dedicado ás relacións internacionais establecen que defenderán “políticas internacionais comprometidas cos valores que representa o nacionalismo galego, que son os do respecto pola soberanía de todos os pobos, o anti-imperialismo, a paz e a solidariedade internacional, a solución pacífica dos conflitos e a solidariedade e o dereito de cada pobo a decidir sobre o seu futuro”.

Por outra banda, a candidata á Presidencia, Ana Pontón, especificou nesta entrevista respondida á Coordinadora máis cuestións relacionadas cos compromisos do seu partido coa cooperación ao desenvolvemento, a loita contra a pobreza e as desigualdades globais e a defensa dos dereitos humanos.

 

Galicia En Común

É o partido analizado que, con diferencia, incorpora dun xeito máis detallado e amplo as demandas das ONGD galegas no seu programa. Atópanse no apartado ‘Un país solidario e cooperante’ onde se especifica un compromiso por “basear as accións no desenvolvemento sustentable, no enfoque feminista e na defensa dos dereitos humanos, apoiando ás organizacións representativas do sector que pretenden levar a solidariedade galega a outras partes do mundo”.

No tocante ao compromiso orzamentario, especifican: “incrementaremos a Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD) ata chegar a 0,2% do orzamento consolidado en materia de cooperación ao desenvolvemento, sempre co horizonte do compromiso do 0,7%”.

Outros compromisos destacados son: impulsar unha nova Lei de Cooperación ao Desenvolvemento; recuperar a Dirección Xeral de Cooperación Exterior; mellorar os instrumentos de acción humanitaria e adicar polo menos o 10% da AOD a este eido; garantir a concorrencia competitiva e a máxima execución orzamentaria e previsibilidade nos instrumentos de axudas así coma a simplificación das condicións de execución de tramitación das axudas; impulsar un plan de acollida para persoas refuxiadas; impulsar un programa de defensoras de dereitos humanos; potenciar a Educación para a Cidadanía Global destinando ata o 15% da AOD e involucrando aos departamentos de Benestar, Mocidade, Igualdade e Educación; poñer en marcha unha Mesa de Dereitos Humanos; fomentar a participación dos municipios e deputacións galegas na política pública de cooperación ao desenvolvemento; redactar un código ético dirixido a medios de comunicación encamiñado a combater estereotipos e prexuízos contra as persoas migrantes, entre outras.

Nesta entrevista respondida á Coordinadora, o candidato Antón Gómez-Reino detalla algúns dos compromisos da formación política á que representa no marco das eleccións do 12 de xullo.

 

Partido Popular de Galicia (PPdeG)

O PP incorpora no seu programa medidas concretas pero e o único partido que, a nivel orzamentario, non se compromete coas demandas das ONGD galegas: “incrementaremos paulatinamente e de xeito sostido a AOD galega, como mínimo na porcentaxe na que se incremente de media o orzamento anual da Xunta e tendo como horizonte os obxectivos establecidos na Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible.” Trataríase dunha subida condicionada que non garantiría chegar ao 0,2% demandando e que mantería a Galicia no furgón de cola da solidariedade na comparativa entre Comunidades Autónomas. Actualmente, a Xunta de Galicia  dedica o 0,06% do orzamento a AOD.

A política de cooperación ao desenvolvemento aparece recollida en ‘Unha sociedade máis tolerante e acolledora’, onde se incorpora como medida as iniciativas de cooperación internacional con infancia, mulleres, poboación LGTBI e poboación indíxen. Por outra banda, o groso das medidas recóllense no apartado ‘Galicia ante Europa e Cambio Global’. De forma máis específica, estas son algúns dos compromisos do PP: a aprobación definitiva da Lei de Acción Exterior xa prevista na lexislatura anterior; a finalización do IV Plan Director de Cooperación, dando cumprimento a todos os compromisos e a elaboración dun novo Plan; a posta en marcha de Estratexias Sectoriais para a especialización da Cooperación Galega; a promoción de accións de Educación para a Cidadanía Global, ata chegar a comprometer o 15% da AOD galega; o desenvolvemento económico a través da localización de empresas galegas, particularmente pesqueiras en terceiros países.

O candidato á Presidencia, Alberto Núñez Feijóo, detallou algunhas cuestións máis nesta entrevista concedida á Coordinadora no marco da campaña electoral

 

Partidos Socialista de Galicia (PSdeG – PSOE)

O programa do PSdeG fai poucas referencias ás relacións internacionais, incluídas a política de cooperación ao desenvolvemento. Aínda así, incorporan un compromiso orzamentario en liña coas nosas demandas: “en materia de AOD acadaremos o compromiso orzamentario de, cando menos, o 0,3% ao final da Lexislatura”

As outras dúas referencias atópanse no apartado ‘Compromiso medioambiental: a sociedade da sustentabilidade como oportunidade para Galicia’ onde se especifica “un compromiso coa cooperación para o desenvolvemento no eido ambiental”; e en ‘Relación privilexida coa Galicia Exterior’, facendo referencia á “mellora da capacidade de participación e a representación do conxunto da sociedade civil, e un maior apoio en materia de AOD”.

Gonzalo Caballero detallou na entrevista respondida á Coordinadora algunhas cuestións máis sobre os compromisos do seu partido coa cooperación ao desenvolvemento e a defensa dos dereitos humanos.