A solidariedade e a cooperación como resposta

A Xunta de Galicia e os gobernos municipais deben apostar máis que nunca pola política pública de cooperación para non deixar ninguén atrás

Fonte: IPPDH

Agora, máis que nunca, é preciso máis cooperación e máis solidariedade tanto entre países como entre persoas e un firme compromiso das administracións galegas coa política de cooperación.

A pandemia da COVID-19 non é so unha crise sanitaria é tamén unha gran lente de aumento que nos permite observar os principais problemas que afrontamos no mundo a nivel global. A falta de garantía de dereitos (desigualdades, pobreza, desfrazamentos, violencia…) estase agravando e afectan millóns de persoas en todo o mundo. As consecuencias serán devastadoras se non hai unha resposta á altura.

Nestes vídeos, lideresas e líderes comunitarias de Guatemala, Nicaragua, Perú, El Salvador e Bolivia,  países onde traballan as ONGD galegas, explican cales están a ser as consecuencias da pandemia e porque é necesario que os gobernos sigan apostando pola solidariedade e a cooperación ao desenvolvemento:

 


A política de cooperación internacional

Estamos a vivir un momento histórico e os gobernos deben decidir de que lado se posicionan. Nun mundo global e intercontectado é imprescindible sumarse aos pobos que apostan pola cooperación e a corresponsabilidade fronte aos que apostan polo illamento e a lóxica de “sálvese quen poida”.

Participante do proxecto de convivencia comunitaria e mellora do hábitat en El Salvador // Foto Mans Unidas
Participante do proxecto de convivencia comunitaria e mellora do hábitat en El Salvador // Foto Mans Unidas

O multilateralismo e a solidariedade son a resposta fronte ao relato do odio e o medo. A opción elixida será clave nas próximas décadas e Galicia ten que estar á altura e ofrecer aos países e persoas que máis o precisan a mesma cooperación e apoio que temos demandando para nós.

Os gobernos locais e a Xunta de Galicia están nestes momentos decidindo os orzamentos para o vindeiro ano 2021. Por iso, as ONGD galegas demandamos que comprometan recursos suficientes para a política pública de cooperación ao desenvolvemento. Temos que dar resposta ao chamado de Nacións Unidas e duplicar a nosa axuda oficial.

Son precisos recursos para poder seguir traballando e garantindo os dereitos das persoas máis vulnerables. Este non é o momento de deixar a ninguén atrás e as ONGD galegas estamos convencidas de que a solidariedade é unha parte esencial da resposta fronte a este gran reto. E actualmente a axuda é insuficiente.

Dende a Coordinadora Galega de ONGD remitimos á Comisión Parlamentaria de Reconstrución fronte a COVID este documento>>> onde defendemos que no marco desta Comisión debe abordarse o traballo de loita contra a pobreza e as desigualdades e a defensa dos dereitos humanos dende unha visión global e na que estean incorporados os países empobrecidos.


Axuda insuficiente

Actualmente, Galicia está á cola do Estado no relativo ao compromiso orzamentario dos gobernos coa cooperación internacional ao desenvolvemento. Se ben os últimos anos houbo pequenas melloras, estase moi lonxe da media estatal tanto na comparativa entre concellos como entre comunidades autónomas.

As ONGD galegas consideramos que este é o momento para que os gobernos locais e autonómico dobren os seus compromisos. No caso da Xunta de Galicia, o esforzo orzamentario no 2020 foi dun 0,06% de adiación orzamentaria sobre orzamento previsto: 6,6 millóns de euros se destinaron a esta política. Ocupamos o sexto posto pola cola na comparativa co resto das 17 comunidades autónomas. Só quedan por atrás Murcia (0,01%), Madrid, (0,02%), Castilla- La Mancha (0,03%), Castilla y León (0,03%) e Canarias (0,02%). En Galicia, en 2020 apenas se destinaron 2,5 euros por cada habitante a esta política.

No caso dos gobernos locais en Galicia, a media porcentual (0,03%) e os 0,34 euros medios por habitante contrastan cos dos concellos de todo o Estado: 0,09% e 1,24 euros de media por habitante. Os Concellos de Oleiros, Santiago de Compostela e Lugo son os máis comprometidos, segundo os últimos datos (2018), cunha porcentaxes por riba do 0,09%.


O impacto nos países empobrecidos

O impacto desta crise está a ser moito maior nos países empobrecidos, os que teñen maiores índices de pobreza, desigualdades e peores sistemas de saúde e protección social. Nestes países, as persoas expostas a maiores vulnerabilidades sufrirán peores consecuencias: as mulleres e as nenas, as persoas LGTBI; as persoas con diversidade funcional; as activistas e defensores de dereitos humanos; as persoas migrantes e refuxiadas, etc.

Atención sanitaria no Hospital Nacional de Bissau. // Foto Víctor Madrigal (ONG AIDA))

Algúns datos

O número de persoas en situación de inseguridade alimentaria aguda nos países máis vulnerables podería chegar a 270 millóns de persoas por causa da pandemia. O director executivo do Programa Mundial de Alimentos advertiu fai uns meses de que “corriamos o risco dunha aumento da fame de proporcións bíblicas”. Ata 500 millóns de persoas máis poderían verse arrastradas á pobreza si non se toman medidas , tal e como alerta un informe de Oxfam Intermón.

Polo menos un tercio dos nenos e nenas en idade escolar non tiveron acceso a clases virtuais ou outro tipo de aprendizaxe remoto durante a primeira ola da pandemia. A grande maioría destes nenos e nenas viven en países empobrecidos. Antes da pandemia, 130 millóns de nenas non ían a escola e estímase que este ano 11 millóns corren o risco de non volver. As máis prexudicadas serán as nenas, que asumen a carga de coidados das súas familias, polo que a súa taxa de abandono escolar será maior.

A metade da poboación mundial non ten acceso a unha cobertura completa de servizos de sanidade esenciais. Ata 100 millóns de persoas ao ano vense abocadas á pobreza debido ao costo da atención médica, moi superior ao seus ingresos.

Só 1 de cada 4 persoas desempregadas no mundo ten acceso a prestacións por desemprego e ata o 55% das persoas non teñen ningunha prestación social.


Da crise sairemos cooperando

O pasado 22 de setembro, António Guterres, ante a Asemblea Xeral de Nacións Unidas, poñía sobre a mesa necesidade de reinventarnos. “Estamos ante o noso propio 1945” dixo. “A COVID-19 non só e unha chamada de atención é tamén un ensaio xeral para os desafíos mundiais que están por vir” e engadiu “nun mundo interconectado, chegou o momento de recoñecer unha simple verdade: a solidariedade baséase no interese propio. Se non logramos comprender ese feito, todo o mundo sairá perdendo”

Esta crise estanos a amosando a necesidade de apostar por políticas públicas que protexan ás persoas, que garantan os dereitos humanos e defendan o medio ambiente. Dentro destas políticas a de cooperación está chamada a ocupar un papel esencial.

A política de cooperación ao desenvolvemento guíase por un principio fundamental: o de non deixar a ninguén atrás, nin aquí nin en ningún lugar do mundo. Apostar por ela é facer fronte ás necesidades actuais pero tamén apostar por solucións de futuro. Porque a cooperación non só ten a capacidade de prover de axuda humanitaria ás persoas que nestes momentos dependen literalmente dela para sobrevivir, como as persoas en risco de desnutrición, as refuxiadas, as migrantes, ou as que viven en zonas de conflito.

“Da crise sáese cooperando” tal e como recoñecían nunha declaración conxunta todas as Comunidades Autónomas o pasado 25 de maio.  E os nosos esforzos non deben orientarse só a paliar as consecuencias desta crise porque non queremos volver ao recadro de partida. A actual pandemia ten que ser o inicio, a oportunidade, para promover cambios profundos e virar o curso da historia cara a un mundo máis xusto e sostible.

 

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: