A Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo, da que é parte entre outras organizacións a Cordinadora Galega de ONGD, pide aos partidos políticos que concurran ás eleccións de 2026 que incorporen aos seus programas electorais un compromiso forme coa cooperación internacional.
O obxectivo é consolidar unha política de Estado que contribúa a reducir a pobreza e as desigualdades, defender os dereitos humanos, previr conflitos e construír un mundo máis xusto e en paz.
Nun contexto marcado polos conflitos armados, as crises climáticas, a fame e o aumento das desigualdades, cooperar é máis necesario ca nunca. Estas crises afectan a millóns de persoas e non entenden de fronteiras. A cooperación internacional permite previr as súas consecuencias, protexer a quen máis sofre e construír solucións duradeiras.
Que pedimos de cara ás eleccións de 2026?
A probación da Lei 1/2023 de Cooperación para o Desenvolvemento e a Solidariedade Global supuxo un gran avance e contou cun amplo consenso político. Agora é necesario desenvolvela e agarantir que se cumpran os seus obxectivos.
De cara ás eleccións de 2026, as organizacións que formamos parte da Coordinadora de Organizaciones para el Desarrollo pedimos aos partidos políticos que se comprometan a:
-
Consolidar a cooperación internacional para o desenvolvemento como política de Estado: garantir unha política sólida, eficaz e ben financiada, cumprindo a Lei 1/2023 e promovendo o consenso político e a participación social.
-
Desenvolver e aplicar as reformas do sistema de cooperación española: implementar as reformas normativas e institucionais e o VI Plan Director, reforzando a AECID mediante un novo Contrato de Xestión.
-
Defender un multilateralismo activo: impulsar as axendas de desenvolvemento sostible e financiamento para o desenvolvemento, garantindo compromisos vinculantes e a participación igualitaria de todos os países, incluído o Sur Global.
-
Promover a coherencia de políticas para o desenvolvemento sostible: integrar os obxectivos de desenvolvemento sostible en todos os ámbitos de actuación do Goberno mediante un sistema integral de coherencia.
-
Cumprir os compromisos orzamentarios de cooperación: establecer unha senda plurianual firme e progresiva para alcanzar o 0,7 % da Renda Nacional Bruta destinado á Axuda Oficial ao Desenvolvemento (AOD).
-
Promover unha acción humanitaria baseada en principios: protexer as persoas afectadas por crises e conflitos, aplicar o enfoque de triplo nexo entre axuda humanitaria, desenvolvemento e paz, priorizar os actores locais e garantir un financiamento suficiente, flexible e predicible (10 % da AOD).
-
Fomentar unha educación para a xustiza global: promover os dereitos humanos, a democracia, a paz e a conciencia sobre as desigualdades mediante unha nova estratexia e un maior financiamento (3 % da AOD).
-
Favorecer e defender o espazo cívico e as organizacións da sociedade civil: protexer e financiar as organizacións sociais, feministas e defensoras dos dereitos humanos e do medio ambiente, reforzar a súa participación democrática e aumentar a súa representación na gobernanza global.
-
Consolidar a relación coas organizacións de desenvolvemento (ONGD): fortalecer a súa colaboración coa Administración, manter o diálogo institucional e aumentar o financiamento ata alcanzar polo menos 400 millóns de euros anuais ao final da lexislatura.
-
Impulsar unha cooperación financeira aliñada cos obxectivos de desenvolvemento sostible: orientar especialmente o FEDES cara aos países prioritarios, reforzar a transparencia e a rendición de contas e incorporar a sociedade civil en todas as fases dos instrumentos financeiros.
-
Promover unha Unión Europea responsable co mundo e comprometida coa xustiza global: defender un financiamento europeo ambicioso contra a pobreza e as desigualdades, orientar Global Gateway ao desenvolvemento sostible e fortalecer a cooperación CELAC-UE, especialmente en materia de coidados.
-
Avanzar nunha política exterior e de cooperación feministas: desenvolver estratexias e plans feministas a nivel estatal e europeo, garantindo recursos adecuados e destinando o 20 % da AOD á igualdade de xénero como obxectivo principal.
-
Fortalecer as cooperacións descentralizadas: recoñecer e apoiar o papel das administracións autonómicas e locais e dos actores sociais, reforzar as súas capacidades e orzamentos, mellorar a coordinación institucional e facilitar a aplicación das reformas do sistema de cooperación.
A Coordinarora de Organizaciones para el Desarrollo considera que estas medidas permitirán aproveitar os avances acadados e convertilos en resultados concretos para as persoas. Para iso, será fundamental que o próximo Goberno traballe coas administracións públicas, as organizacións sociais e os seus socios internaciones, con mecanismos de participación, seguemento e rendición de contas.
Avanzar en cooperación é avanzar en dereitos, igualdade e xustiza global. A Coordinadora insta ás forzas políticas a manter o consenso acadado e a situar a solidariedade internacional entre as prioridades da próxima lexislatura.

