O Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e Cidadanía Global xa ten proxectos gañadores. Despois de varias semanas de análise dos vinte proxectos presentados e deliberacións finais, o xurado desta cuarta edición acordou distinguir os proxectos “Non sempre se nace onde se pace”, dos CEIP A Canosa-Rus de Coristanco e CEIP Xesús San Luis Romero de Carballo na categoría A; “Cultivando conciencias, colleitando futuros”, do IES Pulrilingüe de Valga na categoría B, e “Talentos inclusivos” do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, na categoría C.
O Premio, proxecto a proxecto
Na categoría A (Infantil e Primaria) resultou galardoado o proxecto “Non sempre se nace onde se pace”, desenvolto conxuntamente polos colexios públicos da provincia da Coruña A Canosa-Rus, de Coristanco, e Xesús Luis Romero, de Carballo. En ambos CEIP o alumnado de 4.º de Educación Primaria e o de 5.º de Educación Infantil asumen un papel protagonista. O fío condutor deste proxecto é a historia de Maruxa e Coralia, dúas mulleres inmigrantes que chegaron de América a Galiza en busca de novas oportunidades.
Na categoría B (Secundaria, Bacharelato e FP) resultou galardoado “Cultivando conciencias, colleitando futuros” do IES Plurilingüe de Valga (Pontevedra), un proxecto inspirado nos xardíns circulares Tolou Keur de Senegal, que adapta esta idea ao contexto galego promovendo biodiversidade e prácticas sostibles.educativo que conecta a sustentabilidade ambiental coa sensibilización social. Participau nel alumnado do ciclo básico de FP de agroxardinería e composicións florais e de ciclo medio de xardinería e florería.
Por último, na categoría C (universidades) obtivo galardón nesta cuarta edición do Premio o proxecto “Talentos inclusivos” do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións – CITIC – Universidade da Coruña, que achega a ciencia e a tecnoloxía ao alumnado non universitario para espertar vocacións STEM e desenvolver competencias científicas e dixitais con impacto social.
Entrega dos galardóns
Os centros premiados poderán recoller os seus galardóns nunha gala que se celebrará en Compostela o vindeiro 16 de xuño. Nela, profesorado e alumnado dos proxectos premiados terán ocasión de presentar públicamente as súas propostas.
O galardón consistirá, como todos os anos, un distintivo para o centro e diplomas para o alumnado e, para os docentes responsables do proxecto, nunha viaxe a proxectos de cooperación en Guatemala acompañadas da ONGD Solidariedade Internacional.

