De xeración en xeración e principalmente entre mulleres: a arte do tatreez, declarada Patrimonio Cultural Inmaterial pola UNESCO en 2021, mantén dende hai séculos a memoria e a cultura de Palestina.
A súa práctica non só implica un oficio ou un saber, senón que ofrece unha dimensión social e comunitaria cun importante pouso de sororidade: o que constrúen mulleres que bordan xuntas e que resisten, coidando a historia e a identidade do seu pobo.
Porque o tatreez é moito máis que un bordado: os seus motivos (árbores, paxaros, flores e outros elementos da natureza) amosan a relación tradicional do pobo palestino coa terra e rebaten o mito fundacional segundo o cal Palestina era un deserto que floreceu da man de Israel: a historia sobrevive tamén nas puntadas das mulleres palestinas que, a través do tatreez, tecen a súa propia resistencia.
A nosa campaña
Por todas estas razóns -sororidade, resistencia, memoria- escollemos o tatreez para reforzar a campaña de sensibilización en solidariedade co pobo palestino que iniciamos en novembro de 2023 e que impulsamos agora con novos folgos.
Daquela foron as #SandíasPolaPaz, que se espallaron rapidamente e que seguimos compartindo xunto con esta nova chapa que incorpora -como podes ver- o noso propio bordado.
Con el sumámonos a unha iniciativa que se vén desenvolvendo en moitos lugares do mundo: aprender a técnica do tatreez e #BordarPalestina, como xesto de apoio ao pobo palestino e de maneira especial ás mulleres.

Tecedoras de cambio e tecedoras de paz
Sabemos -grazas ao informe O traballo das ONGD galegas no mundo– que as mulleres son a base fundamental e as auténticas tecedoras dos procesos de cambio. Elas protagonizan a defensa dos dereitos e impulsan o fortalecemento comunitario, moitas veces a partir do seu propio proceso persoal.
Porque tamén son elas, xunto coa infancia, en quen máis impactan a pobreza e a violencia en calquera lugar do mundo. Tamén en Gaza onde, segundo datos da ONU, se concentraron o 80% das mortes infantís e o 70% das mortes de mulleres en conflitos de todo o mundo.
Pero, fronte a todo isto, son tamén tecedoras de paz, a base de ser quen de coser alianzas. Un proceso que veñen desenvolvendo ao longo deste últimos anos mulleres de Palestina e Israel e que, hoxe en día, adquire un valor e unha importancia especial.
A importancia de non deixar de mobilizarnos
Non podemos permitir que esta indiferenza e complicidade se instalen como norma. Non podemos aceptar que os líderes europeos e mundiais observen en silencio mentres unha poboación enteira desaparece baixo as bombas, os cascallos, a inanición e o abandono.
Canto máis ten que sufrir un pobo para esperar a acción internacional? Cantos nenos e nenas máis deben morrer para que actué quen ten poder? As palabras xa non chegan. As condenas sen consecuencias non salvan vidas. As declaracións sen medidas concretas difumínanse.
Dende que iniciamos en novembro de 2023 a campaña #SandíasPolaPaz pasaron moitas cousas. O que daquela nos pareceu unha resposta do goberno de Israel desproporcionada fronte o atentado terrible de Hamás converteuse en cotián, indo a máis ata acadar niveis de crueldade insorportables contra a poboación civil en Gaza.
Fronte a isto, cremos que é máis importante que nunca non deixar de visibilizar o noso apoio ao pobo palestino. Poñernos unha chapa sirve para que a nosa veciñanza de orixe palestina saiba ao vela que non está soa. E para recoñecernos como xente de paz, sexa cal sexa o noso credo ou ideoloxía.
Pero, sobre todo, sirvetamén para que quen ten o poder de tomar decisións vexa que seguimos sendo moitas as persoas que pedimos activamente paz xusta e duradeira para o pobo palestino.
E que esiximos feitos inmediatos e contundentes e non só palabras.