Exposición fotográfica ‘Tecedoras do cambio’

A historia oficial contada non fala das mulleres imprescindibles para o sostemento da vida. Invisibilizou ás coidadoras, ás sabias, ás labregas… Silenciou as mulleres que dedicaron a súa vida a loitar contra as inxustizas e a mellorar as condicións materiais e emocionais das súas comunidades.

O relato oficial tampouco pon en valor as vidas das persoas coa pel escura, especialmente se viven en situación de pobreza noutros lugares do mundo. Non fala das mulleres de América Latina, África e Asia que lideran procesos colectivos de cambio.

A exposición fotográfica ‘Tecedoras do cambio’ é unha homenaxe a todas elas: ás mulleres que loitan, e loitaron a diario, polo dereito básico a ter unha vida digna. Está composta por 15 imaxes de mulleres de 12 países que participan en procesos de desenvolvemento das súas comunidades xunto a organizacións locais e ONGD galegas.

Son activistas, mariscadoras, defensoras de dereitos, promotoras de saúde, estudantes, artesás, mediadoras de conflitos, pescadoras… Todas, referentes perseverantes na construción doutro mundo posible.


Aissatou Sylla

Senegal
Directora do Centro Comunitario de Desenvolvemento Sostible en Dakar

Ana Escrigas Rodríguez

exposiAissatou vive coa súa familia extensa na comuna de Yoff, en Dakar. Ela é unha lideresa carismática. Actualmente dirixe o Centro Comunitario de Desenvolvemento ‘Escola Coruña’ (CCDSEC), no barrio de Thongor, na capital, un espazo de encontro e formación que conta co apoio da ONGD Ecodesarrollo Gaia. Aissatou acompaña a grupos de mulleres organizadas na Cooperativa Suty Ndiaré formada por 64 mulleres que cultivan cereais, salgan peixe e elaboran xabóns, actividades que lles permite ter autonomía económica. “As mulleres apoiámonos e organizámonos para sacar adiante proxectos sostibles para as nosas comunidades”. Aissatou media tamén para o bo goberno na comunidade.


Ana Cecilia Miranda

Nicaragua
Defensora dos dereitos das mulleres indíxenas e afrodescendentes e axente de medicina tradicional

Heidi Otaduy

Ana Cecilia vive nunha humilde casa coa súa familia no municipio de Alamikangban, no nordeste de Nicaragua. Combina o traballo de acompañamento e asesoramento a mulleres indíxenas e afrodescendentes que sufriron violencia machista co de axente de medicina tradicional, unha ocupación dende a cal comparte saberes e prácticas ancestrais para prever e curar enfermidades e manter a saúde individual e colectiva da comunidade. “Cando as mulleres expresamos as nosas experiencias conseguiremos un desenvolvemento integral das nosas vidas”. Participou no proxecto ‘CreaSalud’ impulsado pola ONGD Farmamundi e Acción Médica Cristiana de Nicaragua amosando dende un teléfono móbil, o ‘estade de saúde’ da súa comunidade.


Sara Esther Torres

Perú
Dirixente comunitaria e rexente dun posto de comida no mercado de El Trébol

Pablo Tosco

Sara ten 48 anos e dous fillos. O ano 2000, como miles de persoas sen outra alternativa, ocupou os terreos dun cerro que rodean Lima, en Nueva Rinconada, para construír o seu fogar. Cos anos, converteuse nunha lideresa referente deste novo asentamento, El Trébol, onde tamén rexenta un posto de comidas no mercado. “Sempre quixen ser alcaldesa ou dirixir unha comunidade para que non pase necesidades nin viva na pobreza”. A comunidade organizouse para construír camiños, ter acceso a auga potable e condicións de saneamento básicas. Tamén, e co apoio da organización peruana Predes e a ONGD Oxfam Intermón, preparouse fronte posibles terremotos. Un muro de máis de 10 quilómetros separa El Trébol dun dos distritos máis ricos de Lima, La Molina.


Elsa Vicente Macuácua

Mozambique
Defensora dos dereitos das mulleres

Susana Vicente Andueza

Elsa vive en Maputo, no barrio de Muhalaze. Ela é a persoa de referencia para as cuestións vinculadas co benestar das vidas das mulleres da súa comunidade: o ‘punto focal’ de xénero. Colabora como activista nun proxecto de apoio integral a mulleres que sofren violencia, especialmente aquelas que viven en contextos de prostitución ou son usuarias de drogas. Faino da man da Associaçao Comunitária de Desenvolvimento da Mulher, unha organización mozambicana coa que colabora a ONGD galega Médicos do Mundo. “Animo ás mulleres da miña comunidade que sufriron violencia a denuncialo. E fago entender aos homes que as mulleres temos os nosos dereitos e deben ser respectados.”


Margarita Velásquez

Honduras
Pescadora

Yolanda Ataraxia

Margarita é pescadora, unha muller da auga. A súa comunidade, Guamerú, atópase no municipio hondureño de Namasigüe, no Golfo de Fonseca. A historia de Margarita é á dunha muller que converteu a defensa da terra, da auga e do traballo feito coas mans nunha forma de vida. É membro da CAMPES, unha organización de pesca local e artesanal que ten por obxectivo mellorar a calidade de vida das comunidades que habitan na microconca da quebrada Gallardo. “A loita de cada día é un ben necesario para manternos vivas”. Margarita e o resto de persoas que forman parte de CAMPES traballa man a man coa ONGD Enxeñería sen Fronteiras.


Asha Bibi

India
Promotora de saúde

Pilar Ruíz

Asha vive en Vārānasī, unha cidade do nordeste da India situada na beira do río Ganges. Concretamente, vive e traballa nun slum, as barriadas de chabolas que proliferaron en distintas cidades do país como consecuencia dos procesos migratorios do campo ás cidades. Naceu en Bengala, nunha familia na que a persoa de referencia foi a súa nai. A Aisha obrigárona a casar con 15 anos e, con 35, aprendeu a ler e escribir no marco dun programa de alfabetización da organización india Seed for Change que recibe o apoio da ONGD Semilla para el Cambio. Hoxe, con 38 anos, traballa activamente neste programa e encárgase de promover hábitos de saúde e hixiene básica na súa comunidade.


 

Vanada Sharma

India
Defensora dos dereitos das mulleres

Marta Isabel González

Vanada é unha muller dalit, unha ‘intocable’ segundo o sistema de castas hindú. Vive nunha aldea en Uttar Pradesh, o estado que limita ao norte con Nepal e que cada ano recibe millóns de visitas de turistas. “A sociedade considérame unha descastada, unha invisible. Pero agora son consciente dos meus dereitos e dos dereitos das mulleres da miña comunidade”. Vandana converteuse nunha lideresa carismática que participa en procesos de empoderamento das mulleres promovendo grupos de apoio mutuo e a posta en marcha de actividades que lles permitan ter ingresos económicos. Faino xunto a Sociedade para o Benestar Social da Dioceses de Vārānasī e a ONG Mans Unidas.


Elena Peña (Doña Luci)

El Salvador
Curilera (mariscadora)

Emerson Dìaz

Doña Luci chegou á illa de La Tasajera con 15 anos, obrigada a desprazarse cara á costa como consecuencia do conflito armado dos anos oitenta en El Salvador. Trinta anos despois, e logo de aprender a mariscar, é curilera, forma parte dunha cooperativa de mulleres e sensibiliza sobre cuestións vinculadas coa igualdade de xénero na súa comunidade. “Creamos unha cooperativa entre 15 mulleres porque necesitabamos ser independentes e tomar as nosas propias decisións”. Fixérono no marco dunha iniciativa impulsada pola organización salvadoreña Cordes e as ONGD ACPP e AGARESO. “Sabemos que a unión fai a forza”.


Yolidia de los Ángeles Hernández Gutiérrez

Nicaragua
Activista ambientalista comunitaria

Áxel Karim Sáenz Juárez

Yolidia naceu nunha familia numerosa en Matagalpa, unha cidade cunha grande diversidade natural coñecida como a ‘Perla del Septentrión’ de Nicaragua. Medrou entre o campo e a cidade, estudou maxisterio e tivo unha filla. “Practico a pedagoxía da educación popular dende o meu activismo social e comunitario”. Hoxe, xunto á ONGD Amigos da Terra, promove e ensina o método de cultivo biointensivo a labregos e labregas da Isla de Ometepe. “A miña experiencia e os meus coñecementos son útiles ao compartilos e traballar, colectivamente, para o cambio social”. Yolidia é tamén integrante e fundadora do movemento social comunitario Red de Mujeres de Ometepe.


Nazaria Tum Sanic

Guatemala
Lideresa indíxena maya-quiché

Encina Villanueva Lorenzana

Nazaria é dirixente indíxena maya-quiché en Hueuetenango, no suroeste de Guatemala. En 2010, xunto a 25 mulleres, creou a Asociación de Mujeres Indígenas Voz de la Resistencia (AMIVR) da que é directora. “Fundámola para que as mulleres poidamos influír de forma colectiva no poder local e teñamos un lugar nos espazos de participación e incidencia”. Ela sufriu en primeira persoa a represión militar dos anos oitenta e viviu escondida durante dez anos nas montañas velando pola seguridade e a alimentación das comunidades. Dende a AMIVR traballa con mulleres indíxenas mayas quiché e mayas ixiles en proxectos comunitarios que contan co apoio da ONGD InteRed Galicia.


Fadila

Burkina Faso
Estudante

Fadila ten 15 anos e é unha das poucas mozas da súa aldea que segue estudando. En Koudougou, no centro oeste de Burkina Faso, é habitual que as adolescente deixen de ir á escola para casar. Fadila negouse a aceptar ese destino e, con moito esforzo, está a cursar terceiro de secundaria. Cando remate, quere presentarse á selectividade e estudar medicina. “Quero seguir cos meus estudos e ser médica para curar á xente da miña aldea”. Ás seis da mañá sae da casa e durante unha hora percorre en bicicleta o camiño cara á escola. Cando xa é de noite, pedalea outra hora para chegar á casa. A organización Fondation Educo Burkina Faso apoia a Fadila co ‘Programa Becas Ella’ da man da Fundación Educo.


Aminetou Mint El Mokhtar

Mauritania
Defensora dos Dereitos da Infancia

Terra de Homes

Aminetou é unha histórica activista defensora dos Dereitos Humanos en Mauritania. Preside a Association des Femmes Chefs de Famille, unha organización que traballa con mulleres en Nouakchott, a capital do país. “Combato os abusos que sofren as mulleres e nenas como consecuencia do matrimonio precoz, a explotación laboral e a violencia sexual”. Aminetou foi candidata ao premio Nobel da Paz en 2015 e galardonada co Prix des droits de l’homme francés en 2006. Ela, como outras compañeiras, foi ameazada de morte por defender e apoiar a nenas vítimas da explotación laboral. A Fundación Tierra de Hombres participa en proxectos que leva a cabo a organización que preside Aminetou.


Estefani Guillén

República Dominicana
Activista e Presidenta da Asociación veciñal do batey La Balsa

Antonio Grunfeld

Con 14 anos, Estefani comezou a preocuparse polas condicións nas que vivía a xente da súa comunidade, o batey La Balsa de San Pedro de Macorís, na República Dominicana. “Daquela, as rúas da nosa comunidade estaban cheas de lixo e había vertedeiros dentro e fóra dela”. Agora, máis de dez anos despois, ademais de ser unha lideresa comunitaria é a presidenta da Asociación veciñal do batey La Balsa. Ademais de representar á comunidade, fai seguimento do traballo da Asociación xunto ao Instituto de Acción Humanitaria e a ONGD galega Asemblea de Cooperación pola Paz. “O meu traballo é importante porque podo participar na resolución de calquera problema”.


Fátima Lamma

Marrocos
Activista e presidenta da asociación Attawassoul

Pablo Santiago

“Na sociedade marroquí existe moito machismo e a solución pasa pola educación de homes e mulleres”. Fátima é unha activista defensora dos Dereitos Humanos das mulleres. Actualmente preside a Asociación Atawassoul, en Tánxer, un colectivo que traballa e loita pola mellora das condicións sociais, laborais e sindicais das traballadoras do sector téxtil. Ademais do seu labor á fronte da asociación, Fátima é unha referente na loita contra o machismo e na denuncia e visibilización do encarceramento de activistas que, coma ela, traballan pola mellora das condicións de vida da súa comunidade. A Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social colabora con Atawassoul.


María Inocenta Ajuchan

Guatemala
Lideresa comunitaria e productora de huipiles (tecidos tradicionais)

Celia Pinedo Pardo

Doña Inocenta é unha lideresa indíxena quiché. Aprendeu a tecer huipiles, a prenda de roupa tradicional guatemalteca, como antes o fixeran todas as mulleres da súa familia. Malia a distancia que separa a súa casa do centro de capacitación Ixoqui’, en Chimaltenango, hai 5 anos acudiu para mellorar a calidade dos seus tecidos e adquirir capacidades de liderado. Ademais, asegura, perdeu o medo a falar en público. “Tecer e comercializar huipiles permíteme apoiar economicamente á miña familia pero, sobre todo, axúdame a sentir que son unha muller valorada”. A Fundación Fabre apoia a Fundación para el Desarrollo Integral de Guatemala nun proxecto no que participan máis de 400 mulleres.


Haydee Isabel Castillo Flores

Nicaragua
Activista feminista e lideresa en procesos de fortalecemento de movementos sociais

Óscar Dávila

Haydée Castillo é unha histórica activista e defensora dos Dereitos Humanos en Nicaragua. Na década dos 70, cando era unha adolescente, sumouse á loita contra a ditadura dos Somoza. Dende entón, o seu activismo feminista e en defensa dos dereitos das comunidades rurais e indíxenas non cesou. “Xuntas aprendemos a coidar todas as formas de vida e á terra que nos acolle”. Actualmente, atópase no exilio, en Estado Unidos. O goberno nicaraguano ilegalizou a Fundación Instituto de Liderazgo de Las Segovias, organización da cal é presidenta e que acompaña ás loitas das mulleres campesiñas. As ONGD Solidariedade Internacional Galicia e Solidariedade Galega apoian o seu incansable labor.


Hombeline Bahatí

República Democrática do Congo
Coordinadora de actividades de medios de vida

Sergi Cámara

Homeline naceu no poblado de Keshena, en Masisi, no norte da República Democrática do Congo. A guerra dos anos noventa obrigouna a ela e á súa familia a fuxir e abandonar as súas terras. Así que durante un tempo, Homeline non puido ir á escola. Máis adiante, e grazas ás súa perseveranza, seguiu estudando e iniciou o primeiro ciclo na universidade. Actualmente, traballa no Servizo Xesuíta ás Persoas Refuxiadas onde apoia, xunto á ONGD Entreculturas, ás mulleres que viven nos campos, coordina as clases de alfabetización e promove formacións profesionais que lles permitan ter un sustento económico. “As mulleres de Masisi están expostas á violencia sexual, sobre todo, cando pasan polo bosque para ir buscar comida e volven un pouco tarde”. Segundo conta, está a aforrar para poder iniciar o segundo ciclo dos seus estudos superiores.


Juventina López Vásquez

Guatemala
Activista, mediadora de conflitos e guía espiritual

Antonio Grunfeld

Juventina é unha muller indíxena mam. A súa infancia coincidiu cos anos máis crueis do conflito armado guatemalteco e a situación de pobreza e inseguridade que vivía a súa familia non lle permitiu ir á escola. De moza, viaxou indocumentada aos Estados Unidos en busca dun futuro mellor pero foi capturada, retida e retornada a Guatemala. Ela asegura que o destino a levou de novo á súa orixe para loitar polos dereitos da súa comunidade. Hoxe é presidenta da Asociación Indíxena Agropecuaria Prodesarrollo Integral (ASIAPRODI), unha organización de Champerico que traballa con Arquitectura sen Fronteiras. “Os logros acadados motívanme a seguir traballando para ver ás familias vivindo baixo un teito seguro”.


Alexandra María Flores Flores

Nicaragua
Membro e traballadora da Asociación Redes de Solidaridad

Enrique González

Alexanda naceu en Estalí, unha cidade do norte de Nicaragua próxima á fronteira con Honduras. Estudou Administración de Empresas pero a súa vocación sempre foi a educación e traballar coas persoas que viven en situación de desigualdade. Leva máis de vinte anos traballando no ámbito das ONG de Desenvolvemento, xestionando proxectos que teñen por obxectivo o empoderamento das comunidade e promover o acceso á educación e á saúde. “As situacións de pobreza son en ocasións extremas: hai que combatelas e traballar polos dereitos fundamentais das persoas e a xustiza social”. Actualmente forma parte do equipo técnico da Asociación Redes de Solidaridad Nicaragua, unha organización que colabora coa ONGD FISC.


Aissatou Doumbia

Senegal
Presidenta da Asociación de mulleres artesás con diversidade funcional DEGGO

Jordi Alberola

Aissatou é a presidenta de DEGGO, unha asociación formada por mulleres artesás con diversidade funcional de Kolda, no centro de Senegal. O cargo e a responsabilidade, asegura, mudou a súa vida. “Sinto que podo ser libre e valerme por min mesma e isto é un logro incalculable que quero compartir con máis mulleres”. Agora, como di ela, é unha muller independente que cre en si mesma. “A nosa vida social vese moi condicionada pola nosa condición física”. Para combater esta realidade, dende DEGGO promoven a mellora da produción e venta da artesanía das compañeiras a través da formación e co apoio da ONGD AIDA e a asociación valenciana DEXDE.