Sumámonos á esixencia dunha solución pacífica no Sáhara Occidental

Apostamos polo diálogo e a negociación para a celebración do postergado referendo de autodeterminación do pobo saharauí

sáhara occidental
Foto Mundubat

 

O pasado 13 de novembro o Reino de Marrocos enviou efectivos das súas Forzas Armadas a través de tres fendas ao leste de Guerguerat, abertas ilegalmente no muro fronteirizo, para atacar a civís saharauís que se manifestaban pacificamente desde fai catro semanas na zona. Esta actuación marroquí violaba o Acordo de Cesamento do fogo, vixente entre as dúas partes en conflito desde 1991.

Precisamente, a poboación saharauí estaba mobilizada para denunciar a apertura do paso ilegal do Guerguerat, aberta por Marrocos no ano 2001. Manobra, esta, expresamente prohibida no Acordo de Paz de 1988 e nos acordos militares entre Marrocos e o Frente Polisario.

Como resposta á agresión marroquí, o Frente Polisario respondeu á ruptura do cesamento do fogo cunha serie de enfrontamentos ao longo do muro fronteirizo para defender á poboación civil, reactivando así un conflito bélico latente desde hai 29 anos.

República Árabe Saharauí Democrática

A cidadanía galega e do Estado español puido  comprobar ano tras ano como o pobo saharauí aposta polo diálogo e a negociación para alcanzar unha solución pacífica á súa aspiración de conformar a República Árabe Saharauí Democrática. O proceso dilatouse desde os acordos de Madrid -que agora cumpren 45 anos- con promesas incumpridas e a indiferenza da comunidade internacional ante as reiteradas vulneracións de Marrocos dos acordos adoptados e do dereito internacional.

Por todo isto, dende a Coordinadora Galega de ONGD subscribimos ao posicionamento da Coordinadora de ONGD-España da cal somos socias para sumarnos ás diferentes voces da sociedade civil que están a denunciar o aumento da tensión, responsabilizando ao reino alauita dunha inestabilidade que se pode estender por todo o Magreb e esixindo unha solución pacífica no Sáhara Occidental

Ademais, pedimos ao Goberno español, potencia administradora do Sahara Occidental, que sexa consciente da súa responsabilidade en relación co conflito nesta rexión estratéxica entre África e Europa.

Instamos á MINURSO a retomar, sen máis dilacións, o proceso negociador que desemboque na celebración do postergado referendo de autodeterminación do pobo saharauí. A guerra non é a solución a esta problemática, pero tampouco se pode demorar a expresión democrática da poboación do Sahara Occidental.

Reclamamos que se garanta o establecemento dun corredor humanitario para atender aos campos de persoas refuxiadas saharauís así como á poboación civil afectada polas accións bélicas.