Unha vez máis, non ás guerras!

Instamos ao cesamento inmediato do conflito en Ucraína. Chamamos a todas as partes implicadas a retirar as súas tropas da zona, garantir a desmilitarización e propoñer solucións ás causas que teñen provocado este conflito.

Fonte: AGARESO

Diciámolo hai un mes e volvemos repetilo: a guerra en Ucraína, como todas, terá graves consecuencias na vida da poboación civil. Manifestamos toda a nosa solidariedade coas vítimas dos ataques desta madrugada, e coa poboación civil que agora mesmo teme polas súas vidas.

Chamamos a frear a escalada militar e ao cesamento inmediato das hostilidades; todos os actores implicados no conflito deben poñer freo aos ataques e posibles respostas armadas, e iniciar de maneira inmediata un proceso real de diálogo e paz que garanta o pleno cumprimento do Dereito Internacional Humanitario.

A garantía dos dereitos humanos debe ser plenamente asegurada, así como a protección da poboación civil, con especial atención á infancia, das infraestruturas civís, as escolas e os hospitais.

Antes deste conflito, a situación xa era moi preocupante con case tres millóns de persoas necesitadas de apoio humanitario. As nosas ONG na zona e as organizacións locais coas que traballamos levan semanas mostrando a súa preocupación ante a posibilidade dun aumento drástico das necesidades humanitarias.

En cumprimento do Dereito Internacional Humanitario, debe garantirse a asistencia que realizan as axencias de Nacións Unidas e as organizacións que traballan coa poboación local; o seu traballo debe ser garantido en condicións de seguridade.

Hoxe máis que nunca lembramos que para conseguir á paz hai que construír a paz. Moitas organizacións sociais fan un traballo diario de longo percorrido orientado a identificar e denunciar as causas reais e estruturais deste tipo de conflitos, a transformalas para previr o seu xurdimento, a promover a desmilitarización das mentes e a fomentar a cultura de paz.

Como ONG de dereitos humanos, paz e acción humanitaria, esiximos ser tidas en conta na política exterior. Reivindicamos o noso papel como sociedade civil organizada no fomento da paz e a convivencia; unha cuestión que debe ser tida en conta de maneira central en calquera solución que se expoña.

Responsabilidade política

A comunidade internacional debe asumir a súa responsabilidade e contribuír a achandar o camiño cara á paz. Apelamos á Unión Europea, en concreto a Josep Borrell como alto representante para Asuntos Exteriores e Política de Seguridade, a que realice un exercicio de responsabilidade e poña freo á deriva belicista. O Goberno de Pedro Sánchez, en coherencia coa sua defensa da paz e a seguridade internacional, debe dar un paso á fronte e apostar claramente polo fin do conflito.

A guerra é o último e terrible paso dun camiño de crecentes conflitos que deben ser freados desde a súa orixe. Por iso, defendemos o fomento dos procesos de prevención, de convivencia e de cultura de paz. Procesos que deben ser apoiados polos Estados e as instancias internacionais e que deben contar co protagonismo da sociedades civís implicadas; especialmente, as mulleres, quen ao longo e ancho de todo o planeta e tal como recoñece a resolución 1325 de Nacións Unidas, demostraron a súa enorme contribución á paz.

A construción e consolidación da paz require de diálogo e de moita paciencia, é un proceso complexo e de profundas transformacións. Os diferentes axentes implicados no fomento da paz deben activar mecanismos innovadores que axuden a consolidala.

Nese sentido, as sancións económicas han demostrado que raras veces solucionan as causas e problemas estruturais da guerra, e que poden agravar o sufrimento da sociedade civil e aumentar a vulnerabilidade das persoas fronte á pobreza e desigualdades. Por iso, para reverter esta escalada bélica, deben ofrecerse alternativas pacíficas que garantan os dereitos humanos.

Chamamos aos medios de comunicación a realizar un exercicio activo de responsabilidade para evitar a profusión de desinformación e propaganda; deben evitar a linguaxe bélica e fuxir de relatos nesgados.

Facemos igualmente un chamamento á cidadanía para que teña en conta que estamos en plena guerra de desinformación nos medios e o ciberespazo. Pedimos que faga un consumo crítico da información e esixa que o xornalismo non sexa de guerra senón de procura activa da paz, e facilite información rigorosa, ética e honesta que axude a entender o que está a ocorrer e a empatizar co sufrimento causado pola guerra.

Unha cidadanía que está á altura

Unha vez máis, a sociedade española defende a paz. En múltiples lugares de todo o territorio convócanse mobilizacións en contra da guerra e a favor da paz, da vida e en solidariedade coas vítimas. Animamos á cidadanía para participar nas diferentes convocatorias que están a xurdir en todo o territorio. Os gobernos teñen que volver escoitar o noso clamor na defensa da paz como o único camiño. A guerra é un canellón no que sempre quedan encerradas as de sempre.

Fonte: Coordinadora de ONGD – España

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: