O Pleno do Concello de Santiago condena a violencia en Nicaragua

O Pleno do Concello de Santiago aprobou o pasado xoves, 19 de xullo, unha moción na que se condena a violencia en Nicaragua e na que se solicita ao goberno de Ortega mecanismos que permitan unha saída pacífica á crise que vive o país. O texto contou cos votos a favor do BNG, Compostela Aberta e PSdeG e a abstención do PP.

Nicaragua está a vivir unha situación de crise social e política e un contexto de represión que se ten cobrado, ata o momento, máis de 300 vítimas mortais e máis de 1.000 persoas feridas. A principios de xullo, a Caravana Internacional de Solidaridad con Nicaragua visitou Galicia para dar conta da situación de emerxencia que está a vivir o país e solicitou ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega, un posicionamento de denuncia e condena da violencia. Neste sentido, a Caravana, co apoio da Coordinadora, presentou unha proposta de moción que foi proposta ao Pleno por Compostela Aberta e emendada polo BNG.

Finalmente, a moción foi aprobada o pasado 19 de xullo, día no que se cumprían 39 anos da caída de Somoza en Nicaragua e do triumfo do Frente Sandinista liderado polo actual presidente, Daniel Ortega. Tamara Morales, unha nicaraguana residente na Coruña e membro do grupo de ‘Autoconvocantes de la Caravana’, leu un texto ao inicio do Pleno e asegurou que “nada queda daquel líder revolucionario que ilusionou, non só ao continente latinoamericano, senon a moitos países europeos”.

Neste enlace>>> podedes ver o debate que houbo no Pleno (a partir de 02:27:20). Coa aprobación da acta da sesión no vindeiro Pleno quedará oficialmente aprobada a moción.