Demandamos políticas que garantan os dereitos das persoas migrantes

As case 80 organizacións asinantes – entre ás que se atopan a Coordinadora de ONGD- España da cal somos socias así coma diversas ONG de Desenvolvemento- apelamos á responsabilidade e solidariedade dos Estados europeos para que promovan unha política migratoria que protexa os dereitos humanos e as liberdades fundamentais en materia de asistencia e acollida, que combata as causas reais das migracións e constrúa convivencia.

O incumprimento da obrigación dos estados europeos de protexer e respectar o dereito á vida das persoas migrantes e refuxiadas pon de manifesto a necesidade de políticas migratorias garantes dos dereitos humanos. As entidades asinantes reivindican unha gobernanza migratoria respectuosa cos dereitos humanos e que garanta a mobilidade humana.

A actual política migratoria dos países europeos e da propia Unión Europea ten como principal obxectivo o peche de fronteiras e o bloqueo da libre circulación de persoas. Ao mesmo tempo, a falta de alternativas nas políticas migratorias obriga á entrada clandestina ao continente e, por tanto, empuxa a miles de persoas a arriscar a súa vida nunha fronteira ou no mar.
No primeiro semestre de 2019 máis de 800 persoas morreron no Mediterráneo, aínda que este ano houbo menor intentos de cruzalo dende 2016. Isto leva a dicir que non estamos ante unha crise de chegadas como se asegura, senón ante unha crise de mortes e omisión de socorro. Son moitos os factores de expulsión que levan a unha persoa a deixar o seu país, todos relacionados coa pobreza, as desigualdades, as violencias, a discriminación, o cambio climático e a mala gobernanza.

Manifestas da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas en 2016.

A resposta por parte dos Estados membros ás correntes migratorias, foi ata o de agora, aumentar progresivamente os obstáculos á mobilidade con políticas de represión e disuasión que poñen o foco na seguridade das fronteiras e non en dar trato humano ás persoas migrantes e protexer os seus dereitos. As actuais políticas migratorias dos países europeos son un claro exemplo ao ter como principais alicerces a militarización, a disuasión e a externalización do control das fronteiras. A eliminación de misións de salvar e rescatar persoas no mar, a criminalización da solidariedade, o peche dos portos ás embarcacións que salvan vidas no mar, a brutalidade policial nas fronteiras, o pago de millóns de euros a países como Libia, Turquía ou Marrocos para que bloqueen nas súas fronteiras ás persoas migrantes forman parte desta táctica de ameaza directa para impedir que estas persoas cheguen aos países europeos.
Fronte ás operacións de salvamento e asistencia humanitaria como o “ Mare Nostrum” (que en 18 meses logrou rescatar a case 100.000 persoas, recuperar 499 corpos e deter a 728 traficantes) actualmente a UE prioriza a xestión e garda de fronteiras a través dunha moi limitada acción da axencia europea Frontex, aínda que a evolución do orzamento da axencia para a vixilancia das fronteiras se incrementou e o orzamento para Salvamento Marítimo cancelouse.

O rescate de persoas no mar é un labor imprescindible e indigna a omisión ao socorro por parte da Unión Europea, responsable de deixar morrer a centos de persoas que tentan cruzar o Mediterráneo. Os Estados deben garantir a axuda a calquera persoa en perigo no mar, sen facer distincións por razóns da nacionalidade ou status das persoas migrantes.
Ante este grave incumprimento das obrigas internacionais dos Estados con relación a proporcionar socorro e axuda humanitaria e a crise de gobernabilidade da UE, son as organizacións da sociedade civil as que salvan vidas. Ong formadas por cidadanía da Unión Europea que representan todo aquilo que motivou e ilusionou o proxecto europeo nos seus inicios: dignidade humana, solidariedade e conciencia social. Por iso, débese recoñecer o traballo encomiable e vital que fan.

Con todo, a criminalización e persecución destas organizacións forma parte da táctica de disuasión seguida polos Estados, que pretenden poñer fin ás súas accións aducindo que o salvamento crea un factor de atracción, chegando a tipificar como delito esta acción. Unha UE na que non sexa básica a protección da vida de calquera ser humano é unha Unión Europea que non está pensada para as persoas e, por tanto, pon en perigo o concepto de dereitos sociais que proclamaba nos anos da súa fundación para todas e todos.

Como sinalou o Relator Especial de Nacións Unidas sobre os dereitos humanos dos migrantes “A imposición de limitacións á mobilidade é parte do problema e non da solución. A tráxica morte de migrantes en tránsito puxo clara e visiblemente de manifesto a continua ineficacia da xestión das fronteiras… A única solución é adoptar políticas migratorias ben xestionadas que faciliten a mobilidade das persoas migrantes e proporcionen aos Estados os controis de fronteiras que necesitan”. As fronteiras internacionais non poden converterse en zonas de exclusión ou excepción das obrigacións dos dereitos humanos. Os Estados teñen dereito a exercer a súa xurisdición nas súas fronteiras internacionais, pero deben facelo conforme ás súas obrigacións nesta materia.

Os Gobernos non cumpren a obrigación de protexer o dereito á vida como marca o dereito internacional humanitario e realiza violacións sistemáticas dos dereitos humanos nas súas fronteiras (dereito ao asilo, á protección de menores de idade e de vítimas de trata, negando a cidadanía a millóns de persoas que son desposuídas dos seus dereitos polo feito de non ter a súa situación administrativa en regra,…).

Por todo iso, sen facer unha lectura limitada e cortoplacista, débese ter unha gobernanza migratoria respectuosa cos dereitos humanos das persoas e que garanta a mobilidade humana. Ante a dramática situación de miles de persoas que morren no mar, a Unión Europea non pode permanecer impasible e debe levar a cabo unha acción máis sólida, máis predicible e coordinada, con principios, valores e identidade.

As entidades asinantes queremos apelar á responsabilidade e solidariedade dos Estados para que promovan unha política migratoria que protexa os dereitos humanos e liberdades fundamentais en materia de asistencia e acollida, que combata as causas reais das migracións e constrúa convivencia.

Ver>>> entidades asintantes