Afganistán: o deber internacional de garantir os dereitos humanos

A comunidade internacional non pode darlle de novo as costas ao pobo afgán. Os dereitos de quen se queda e quen migra deben ser plenamente garantidos. Os países europeos deben acoller ás persoas que foxen da violencia extrema, especialmente ás mulleres e ás nenas. As deportacións deben deterse de xeito inmediato.

17 Agosto 2021 |

A chegada dos talibáns a Kabul empeorou sustancialmente a xa deteriorada situación da poboación afgá. Nun só día, o prezo dos alimentos básicos, como o pan ou o arroz, disparáronse. Esta suba agrava aínda máis a situación de partida no que o 30% da poboación sofre unha grave crise de inseguridade alimentaria. Antes da chegada dos talibáns a Kabul, case a metade da poboación afgá, 18,5 millóns de persoas, necesitaba asistencia humanitaria.

Preocupa especialmente a situación das mulleres: máis da metade sufriron violencia machista no seo da súa familia, o 80% é analfabeta e un 75% de nenas sofre matrimonios forzosos. A chegada dos talibáns agravará esta situación e poñerá en perigo ás mulleres que defenden os dereitos humanos. Como denuncia a xornalista e defensora de dereitos humanos Humira Saqib, “Os talibáns comezaron a ir casa por casa buscando a mulleres activistas”.
Como en calquera situación de conflito quen máis sofre as súas consecuencias son as persoas civís que previamente xa estaban sometidas a situacións extremas.

Chamado da ONU

O secretario xeral de Nacións Unidas, António Guterres, advertiu á comunidade internacional: “Os próximos días serán cruciais.  Non podemos nin debemos abandonar ao pobo de Afganistán”. “Todo apunta a que se producirá un enorme éxodo humano nas próximas semanas.”

Guterres recordou aos Estados a obrigación de recibir ás persoas refuxiadas e deter todas as repatriacións. As persoas que foxen da violencia buscan o apoio dunha comunidade internacional que fai tempo prometeulles mellorar as súas condicións de vida e os seus dereitos.“Dado que aproximadamente a metade dos afgáns, uns 18 millóns de persoas, dependen da axuda humanitaria, é esencial que se sigan prestando os servizos básicos”, recordou o secretario xeral da ONU. A garantía do dereito humanitario é imprescindible.

Responsabilidade de España

España debe responder con responsabilidade ante unha crise humanitaria de tales dimensións. En primeiro lugar, debe garantir o refuxio a quen foxe dun contexto de enorme violencia, especialmente a mulleres e nenas. En segundo lugar, debe deter de xeito inmediato as deportacións de persoas afgás. Ademais, debe contribuír a que Europa e a comunidade internacional tome as medidas necesarias para garantir os dereitos humanos e a promoción procesos de diálogo e construción de paz que contribúan á solución pacífica dun conflito tan complexo. Os fondos destinados á asistencia humanitaria deben aumentarse; actualmente só representan o 3,8% do total da Axuda Oficial ao Desenvolvemento, moi lonxe do compromiso do 10%.

Que ofrecemos?

Profesional da cooperación


Se es profesional da cooperación ofrecémosche:

Entidade


Se es unha ONGD ofrecémosche:

Persoa particular


Se es unha persoa individual ofrecémosche: